Novas 2018

ASOCIACION

07 Abr 2018

A ACT e a ALN navegan con rumbo fixo

A ACT e a ALN navegan con rumbo fixo

Novo convenio de colaboración entre ambas asociacións no que se contemplan melloras co fin de unificar criterios entre as dúas entidades

O Concello de Vilagarcía de Arousa foi testemuña esta mañá da rúbrica do acordo entre a Asociación Liga Noroeste (ALN) e a Asociación Clubs de Traiñeiras (ACT). Un convenio co que ambas as dúas asociacións queren seguir navegando na mesma dirección e dotar de maior solidez o remo de traiñeiras ao longo de toda a Cornixa Atlántica e Cantábrica. Neste sentido, esta sinatura plasma no papel alguns aspectos normativos que xa se viñan realizando até o día de hoxe e inclúe novos puntos. Exemplo disto é o aspecto ligado á incorporación de deportistas entre as distintas asociacións, adoptando a partir de agora a compensación por dereitos de formación. Un mecanismo, cómpre sinalar, que xa se vén empregando entre a ACT e a Asociación de Remo de Cantábrico (ARC) nos últimos anos. 

Daquela, este acordo segue a ampliar o marco de actuación e marca como obxectivo buscar a unificación en diversos campos entre ambas asociacións. “No seu momento xa se acordaron este tipo de medidas coa ARC e levabamos moitos anos á procura do mesmo coa ALN. A predisposición amosada por Melchor e a Xunta que preside foi total e o certo é que foi todo moi doado”, explicaba esta mañá na presentación o Presidente da ACT, Borja Rodrigo. Pola súa banda, Melchor Gago, que accedeu ao cargo de Presidente da ALN no pasado mes de decembro, sinalaba que “se trata dun acordo moi importante para nós e a sintonía entre ambas asociacións foi moi boa dende o primeiro momento”. 

No acto celebrado no Salón de Actos Nobles de Vilagarcía de Arousa, ademais da presenza dos presidentes de ambas asociacións e membros das súas respectivas Xuntas Directivas, tamén estivo presente o Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, quen exerceu de anfitrión neste importante encontro.

Voltar