Novas 2017

ESPECIAL

28 Xu˜ 2017

Bilbao abre o telón da Eusko Label Liga

Bilbao abre o telón da Eusko Label Liga

A ría bilbaína será a encargada este sábado, 1 de xullo, a partir das 19.00 horas, de dar o bandeirazo de saída á máxima competición de traiñeiras
 

286 días serán os que teñen pasado dende que Urdaibai Avia levantara a Coroa CaixaBank en augas de Portugalete e dera por pechada a tempada, até que este sábado, 1 de xullo, ás 19.00 horas (ETB e TVG), o xuíz de mar marque a saída a Ares. Nese momento botará a navegar a décimo quinta edición da Eusko Label Liga, onde as 12 mellores tripulacións do momento pugnarán por se faceren co cetro de campión. E testemuña disto será a ría de Bilbao, que volta encargarse de abrir o telón da Eusko Label Liga, collendo así o testemuño de cidades como Barcelona (no 2013 e 2014), Málaga (2015) ou Sevilla (2016).

O bandeirazo de saída anunciouse hoxe no Salón Árabe do Concello de Bilbao nun acto presidido polo Alcalde, Juan Mari Aburto, e o Presidente da ACT, Borja Rodrigo, canda ao resto de membros da corporación municipal e patrocinadores. Un acto no que se presentou a VIII Bandera de Bilbao, primeira proba puntuábel da Eusko Label Liga e única regata urbana que se fai en formato contra o reloxo, coa que se inaugura a máxima competición de traiñeiras que perdurará até o 17 de setembro.

BILBAO E ACT UNIDAS ATÉ 2020

O encontro serviu tamén para dar a coñecer o acordo acadado entre o Concello de Bilbao e a ACT para que nas catro tempadas –de 2017 a 2020- a capital biscaína sexa a cidade encargada de abrir o telón da máxima competición dentro do coñecido como territorio natural da Eusko Label Liga -Galiza, Cantabria e País Vasco-.

Un acordo calificado por ambas partes como ilusionante e cheo de retos, que volta colocar a Bilbao como importante cidade de eventos deportivos, nesta ocasión co mundo do remo. Para o Alcalde, Juan Mari Aburto, tratábase de ligar Bilbao e a ACT para asegurar que “a nosa cidade e a nosa Ría se convirtan na festa deste deporte”. O Alcalde lembrou neste sentido a exitosa experiencia co Mundial de básquet de 2014, o recente Mundial Junior de Badminton, e os traballos que se están a efectuar para acoller o vindeiro ano as finais europeas de Rugby, a celebración da UEFA Euro 2020 ou o obxectivo de traer a Bilbao unha etapa do Tour de Francia tras o éxito organizativo de final de etapa de La Vuelta en Bilbao.

Para o máximo responsábel da ACT, Borja Rodrigo, este acordo contempla que, á marxe da regata exterior “que trataremos de retomala na vindeira campaña, a Eusko Label Liga terá o seu punto de inicio en Bilbao no que respecta a Galiza, Cantabria e Euskadi.” “Que unha grande capital como Bilbao sexa o noso punto de arranque nun contorno noso, sen dúbida danos moita proxección. Para alén de que, como acontece por exemplo no Tour de Francia, trátase dun arranque peculiar no seu formato e no seu escenario, unha contra o reloxo urbana que navega ao pé de puntos emblemáticos como o Concello, o Guggenheim ou a Universidade de Deusto”.

VIII BANDEIRA DE BILBAO, INICIO DA LIGA

O encontro deste sábado, 1 de xullo, ás 19:00 horas, porá en xogo a VIII Bandeira de Bilbao, na que as 12 embarcacións se medirán na ría en formato contra o reloxo.

A saída, como vén sendo habitual nos últimos anos, estará situada a carón da Ponte do Concello, mentres que a baliza exterior se fondeará pasada a Pasarela Arrupe, tendo que se realizar catro longos e tres ceavogas.

A orde de saída virá estabelecida pola clasificación xeral do ano pasado, polo que a primeira quenda estará composta por Ares, Ondarroa Cikautxo, San Pedro e Zierbena Bahías de Bizkaia. Na segunda quenda vogarán Cabo, Astillero, Tirán Pereira e Orio Babyauto. Mentres que a quenda de honra será para San Juan Sumelec, Kaiku Producha, Hondarribia e, o vixente campión, Urdaibai Avia.

Á marxe do puramente deportivo, Bilbao poderá gozar ao longo de toda a tarde no Paseo Uribitarte da FAN ZONE que acompañará á caravana da Eusko Label Liga ao longo de toda a tempada. Unha tempada calificada como capital xa que a batalla pola Coroa CaixaBank acudirá a outras capitais como A Coruña, Santander ou San Sebastián.
 

Voltar