Novas 2017

ESPECIAL

30 Mar 2017

Nace a Eusko Label Liga

Nace a Eusko Label Liga

A ACT sela un acordo coa marca basca que se extenderá durante as catro vindeiras tempadas 

A presentación que celebrou esta tarde na Sala 1 do Palacio de Congresos Kursaal de San Sebastián supuxo o punto de partida dunha nova era para a ACT. Tras 11 anos de Liga San Miguel, hoxe presentouse a Eusko Label Liga, nome que denominará a partir de agora a máxima competición masculina de traiñeiras do momento. Unha mudanza de naming que servirá durante os vindeiros catro anos para dar continuidade a todo o que se veu construíndo ao longo destas 15 edicións, sumándose así ao apoio que seguirán brindando tanto San Miguel como CaixaBank.

O encontro comezou con unha sesión de fotos na Terraza Zurriola do Kursaal. Esta serviu para simbolizar a ligazón entre produtores e remeiros, símbolos ambos da excelencia dos dous produtos. Para isto, un remeiro de cada club socio co seu remo e os produtores con mandil de Eusko Label posaron xunto con Arantxa Tapia, Conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestructuras do Goberno Vasco; Asier Arrese, director de HAZI Fundazioa; e Borja Rodrigo, presidente da ACT.

Unha vez realizada a fotografía arrancou o acto de presentación do acordo no que tanto Tapia como Rodrigo explicaron os termos do mesmo. Neste sentido, a Conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestructuras do Goberno Vasco quixo sinalar que o obxectivo deste patrocinio é aumentar a notoriedade da marca Eusko Label, aumentar as vendas dos produtos con Eusko Label, e dignificar o traballo dos produtores e produtoras que no día a día realizan un grande esforzo para que os consumidores poidan gozar de produtos agroalimentarios de excelente calidade. Pola súa banda, Rodrigo quixo salientar que este acordo serve para seguir ampliando a proxección deste deporte, dando viabilidade a este proxecto que comezou no 2003. Tamén quixo facer un guiño aos deportistas xa que, ao igual que os productores de Eusko Label son quen grazas ao seu esforzo e constancia conseguen un produto excelente, os remeiros co seu sacrificio e esforzo diario ofrecen cada verán un produto con label e de máxima calidade.

Presentada tamén a nova imaxe

Ademais da presentación do acordo, tamén se aproveitou para presentar a nova imaxe da competición. O novo logo que acompañará os equipos nesta nova etapa conxuga perfectamente os tres conceptos que se queren trasmitir. A palabra Liga, unha traiñeira con remos e a K de Eusko Label. Estamos ante unha liga de traiñeiras con K de Kalitatea.

Canda o novo nome e o logo do campionato que nos fará vibrar este verán, tamén viu a luz o maillote deseñado por Magia Sport, partner da Asociación, que lucirá xornada tras xornada o líder da Eusko Label Liga. Eneko Van Horenbeke, remeiro de Urdaibai Avia, na súa condición de vixente campión e posuidor da Coroa CaixaBank, foi o encargado de se enfundar neste maillote vermello e negro por primeira vez frente as cámaras.

Tras o acto, todos os alí presentes, entre os que se atopaban representantes de todos os clubs con remeiros, adestradores e directivos, gozaron dun bocado con produtos de Eusko Label. E é que Eusko Label é unha marca moi coñecida entre os consumidores de Euskadi; é distintivo público que ampara 16 produtos de Euskadi, e o seu obxectivo principal é o de identificar e distinguir aqueles produtos agroalimentarios producidos, transformados e/o elaborados en Euskadi, cuxa calidade, especificidade ou singularidade superan a media xeral. Pero en Euskadi ademais de Eusko Label existen outros distintivos de calidade que amparan as súas producións; estamos a falar das Denominacións de Orixe do Queso Idiazabal, do Txakoli de Álava, Bizkaia e Getaria, da Denominación de Orixe de Rioja Álavesa, dos produtos con Eusko Baserri ou dos produtos de Agricultura Ecolóxica.  

Voltar