Novas

ESPECIAL

28 Xul 2018

GO fit Hondarribia non se rende

GO fit Hondarribia non se rende GO fit Hondarribia non se rende

A Ama Guadalupekoa gaña en Getxo por quinta vez consecutiva e acurta catro puntos a Urdaibai Avia na loita pola Coroa CaixaBank

Segunda bandeira da tempada para GO fit Hondarribia na Getxoko Estropaden XL. Ikurriña - JA Agirre Lehendakariaren XIV Omenaldia. Grande regata dos de Ioseba Amunarriz que aproveitan o mal día da 'Bou Bizkaia' para colárense a sete puntos da ponta da clasificación xeral da Eusko Label Liga. 

Non tivo rival a Ama Guadalupekoa no día de hoxe. Dominou a proa de regata dende o comezo e ceavoga tras ceavoga foi marcando o mellor rexistro do día até a meta. Remando tanto de branca como en popare, os hondarribitarras foros os mellores e apenas Orio Babyauto foi quen de se achegar aos rexistros dos verdes. GO fit Hondarribia marcou un tempo de 19'46"84 e a 11 segundos chegaron os de Gorka Aranberri que seguen coa súa boa racha de resultados. Terceira foi Zierbena Bahías de Bizkaia, que manteñen a súa liña regular, e pechou a quenda Urdaibai Avia a 22 segundos. Os de Bermeo non tiveron o seu día e non só foron últimos da quenda de honra, senón que foron quintos no día de hoxe, perdendo puntos na loita pola Coroa CaixaBank, e mañá sairán na segunda quenda. 

Precisamente porque Santurtzi Iberdrola se "colou" na quenda de honra para mañá, que vogará na casa. A Sotera saiu decidida a facelo o mellor posíbel e foi punta de regata na segunda quenda dende o comezo. Cabo e Ondarroa Cikautxo desputáronlle a primeira posición, pero na última manobra a loita pola proa de regata ficou entre os dous biscaínos. No longo de volta o traballo dos patróns foi determinante para poderen coller o maior número de ondas, e neste labor foi mellor a Sotera, que marcou un tempo de 20'08"82, a seis segundos chegou a Antiguako Ama, a 13" Cabo e a 14 segundos a Donostiarra. A Bantxa parecía descolgada dende o segundo largo, pero ao final pouco lle faltou para lle arrebatar a terceira praza aos de Boiro. 

Na primeira quenda foron moitas as mudanzas que se viviron na regata. Encentou mellor Kaiku Producha, que fixo o mellor tempo no primeiro longo. San Juan Sumelec vogou ben en popare para marcar o mellor rexistro da quenda na segunda ceavoga. A Erreka aguantou tamén no terceiro longo, pero viu como a seguía de perto Tirán Pereira. Os do Morrazo fixeron un último longo espectacular (o segundo máis rápido do día, apenas por detrás de GO fit Hondarribia) para adiantaren os sanjuandarras e facérense coa quenda con un tempo de 20'29"52. Segunda foi a Bizkaitarra, terceira San Juan Sumelec que ficou atrás a 8" e pechou a regata San Pedro a 16". 

Daquela Urdaibai Avia continúa líder da clasificación xeral da Eusko Label Liga con 112 puntos, pero viu a súa vantaxe sobre a Ama Guadalupekoa reducida a sete. Pecha o podio Zierbena Bahías de Bizkaia. Na parte baixa da clasificación, tamén Tirán Pereira conseguiu reducir en 2 puntos a distancia con San Juan Sumelec, os de Moaña atópanse a 5 puntos dos pasaitarras. 

Na loita polo maillote CaixaBank ao mellor patrón, os tres puntos de hoxe foron para Lur Uribarren de Urdaibai Avia, 2 para Ioseba Amunarriz de GO fit Hondarribia e 1 para Carlos Ríos, de Cabo. Na clasificación xeral, mantense líder Ander Etxegoien de San Pedro con 12 puntos, 5 máis que Gorka Aranberri, de Orio Babyauto. 

Oitava bandeira para San Juan Iberdrola

Pouca opción a que deron as Batelerak na Getxoko X Ikurriña da Liga Euskotren, que suman todas as súas participacións con vitorias. As sanjuandarras tiveron unha vez máis a Orio Babyauto como as súas competidoras máis próximas, a apenas 3 eran segundos de vantaxe para as sanjuandarras na ceavoga coa Txiki. As amarelas tentaron achegarse no longo de volta, co vento a favor e a surfearen ondas, mais pouco deron feito fronte San Juan Iberdrola, que se defendeu ben e sacou un segundo máis ás oriotarras en meta. 11'10" foi o tempo para as Batelerak, catro segundos máis tarde chegou Orio Babyauto, a 18 chegou GU Arraun e pechou a regata Hondarribia Bertako Igogailuak a 28".

Polo tanto, continúa a se afianzar no liderado San Juan Iberdrola, que cos 4 de hoxe, suma xa 36 puntos na clasificación xeral da Liga Euskotren. A 8 puntos séguea a Txiki. 15 puntos ten GU Arraun que xa leva unha vantaxe de 3 sobre a Ama Guadalupekoa na pugna pola terceira praza. 

A máxima competición do remo volta mañá en augas de Santurtzi, coa Santurtziko XXXIX Ikurriña e a VII Bandeira Euskotren a partir das 11:45.

Voltar