Novas 2021

ENTREVISTAS

11 Nov 2021

?A canteira é algo básico e fundamental para o club?

?A canteira é algo básico e fundamental para o club?

Iker Salgado, novo presidente de Itsasoko Ama, amósase optimista de cara o futuro malia a situación na que atopou o club.

Logo de conquistar a Coroa CaixaBank por segundo ano consecutivo, Iker Salgado e a súa Xunta Directiva acceden a liderar o novo proxecto de Itsasoko Ama. Despois duns “días moi frenéticos, podemos dicir que a ilusión pode con todo isto, e creo que vai ser un ano moi bonito para todos”, di na súa carta de presentación Salgado.

Malia levar poucos días no cargo, o novo presidente puido confeccionar o plantel, onde o nome do novo adestrador será Mikel Portularrume `Paorra´. “Xa está a adestrar e traballar para a nova tempada. En canto ao plantel, estamos moi contentos e voltaron moitos canteiráns que confían no novo proxecto. Iso danos ilusión para facermos un bonito papel nesta nova tempada”, indica o presidente.

Aínda que o club vén de dúas tempadas gloriosas, en que conseguiron erguer a Coroa CaixaBank, Salgado é consciente da situación, e non pretende presionar o plantel con obxectivos moi altos. “Sempre pesa ser o campión porque tes unha diana nas costas na que todo o mundo está a observarte continuamente. Non estamos a someter os remeiros a ningún tipo de presión porque o plantel é practicamente novo. O único que lles pedimos é que desfruten, que fagan o que saben facer da mellor forma posíbel e os resultados han chegar, que diso estamos totalmente convencidos”, aclara Salgado.

Neste novo camiño, no que o primeiro equipo sufriu moitas mudanzas, Salgado é consciente da importancia da canteira, e recalca que esa será a súa aposta: “traballar a canteira”. “É un deporte no que a canteira realmente se fai notar, dependemos moito da canteira e é algo básico e fundamental para o bo funcionto do club”, sinala Salgado.

Voltar