Novas

COMPETICION

21 Set 2021

Primeiros movementos nos equipos

Primeiros movementos nos equipos Primeiros movementos nos equipos

Algúns clubs mudan de adestrador, mentres que outros apostan pola continuidade

Coa tempada da Liga Eusko Label rematada, os equipos comezan a planificaren os planteis da tempada 2022. Nos últimos días, os primeiros equipos comezaron a mover as súas primeiras fichas, collendo camiños diferentes, uns dando continuidade aos seus adestradores, mentres outros obtaron pola mudanza.

A primeira mudanza fíxoa Urdaibai Bermeo Avia confirmando a non continuidade do seu adestrador Jon Elortegi “Txapas”. Despois de dúas tempadas na “Bou Bizkaia”, conseguiu tres vitorias. Na tempada pasada, nas dúas vitorias conseguidas puideron ondear a Bandeira, mentres que a única vitoria desta tempada foi na segunda xornada da Coruña, impedindo ondearen a bandeira. O da Barrika non deu mantido a traiñeira na quenda de honra, e o equipo decidiu non continuar con el. Aínda que por agora Urdaibai non deu a coñecer o nome do vindeiro adestrador, si se confirmou que “Txapas” irá para Zierbena, xa que, tras oito tempadas na traiñera dos galipos, Juan Zunzunegui voltará para a “casa”.

Juan Zunzunegui recalou en Zierbena Bahías de Bizkaia no 2014, onde mantivo unha traxectoria ascendente. Co técnico vigués, o equipo biscaíno asentou na quenda de honra da Liga Eusko Label, a excepción do último mes. Con Zunzunegui Zierbena conseguiu as 8 vitorias que leva na Liga Eusko Label, acadando o récord de tres vitorias nunha tempada, esta mesma xeira. Despois de oito tempadas de grande traballo nas bancadas dos galipos, o vigués decidiu mudar de ar, e voltar para Vigo, onde exercerá como adestrador de Chapela, na Segunda División da Liga Galega.

Tres adestradores que continuan
Mentres uns equipos optaron pola mudanza de adestrador, hai tres equipos que confirmaron a continuidade do seu, para así, daren continuidade aos seus proxetos. GO fit Hondarribia, Donostiarra Amenabar e Ondarroa Cikautxo decidiron continuar con Mikel Orbañanos, Igor Makazaga e Iñaki Errasti.

Mikel Orbañanos renovou coa Ama Guadalupekoa por máis dúas tempadas, polo que o técnico nacido en Orio estará até 2023. Chegou na tempada 2002, polo que dirixirá durante máis de dúas décadas á Ama Guadalupekoa, que leva seis subcampionatos da Coroa CaixaBank consecutivos. Con 3 Coroas CaixaBank e 83 vitorias na Liga Eusko Label, é sen dúbida un dos adestradores máis grandes. Ademais, canda a Castreña, conta co récord de vitorias conseguidas nunha mesma tempada (13 vitorias na tempada 2015), ao igual que os puntos obtidos nunha mesma tempada, 217, que lle igualou Santurtzi Transportes y Gruas Aguado este verán.

O club Kaiarriba tamén confirmou a continuidade do seu técnico Igor Makazaga na traiñeira Donostiarra Amenabar, cumprindo así a sexta tempada á frente do equipo. Tamén leva unha traxectoria ascendente, e nesta tempada puideron rematar na quenda de honra superando os sextos postos das tempadas anteriores. Ademais, este verán tamén conseguiron ondear unha bandeira, a primeira edición da Bandeira Barbanza Arousa, onde dende a segunda quenda souberon sorprender ás catro traiñeras da quenda de honra.

Outro dos técnicos que este verán fixo historia para o seu equipo asinou a continuidade. Trátase do técnico usurbildarra de Ondarroa Cikautxo, que tras ondear a súa primeira bandeira na Liga Eusko Label, o club de Antiguako Ama fixo oficial a continuidade de Iñaki Errasti. Fará así a súa cuarta tempada en Ondarroa, que igualou esta tempada o seu mellor posto na clasificación, o sétimo posto obtido no 2019.

Son sen dúbida os primeiros movementos dun inverno longo, despois dun verán moi apaixonante.

Voltar