Novas 2021
COMPETICION
12 Ago 2021
La forza galega de la Euskotren Liga
Derradeira fin de semana dunha tempada moi apaixonante
Malia seren as mesmas catro traiñeiras guipuscoanas a desputaren na Liga Euskotren dende hai tres tempadas (Hondarribia Bertako Igogailuak, Donostiarra Lacturale, Orio Orialki e Donostia Arraun Lagunak), a presenza de remeiras de outras provincias, e até de outras Comunidades Autónomas é a cada vez máis notorio, como por exemplo de Galiza.
A actual campioa, Orio Orialki, continúa a contar coas dúas remeiras que chegaron na tempada 2019; Vicky Piñeiro e Sandra Piñeiro. Donostiarra Lacturale, dende a pasada campaña conta con dúas deportistas de Galiza: Andrea Oubiña e Natalia Tubio. Donostia Arraun Lagunak, pola súa banda, contará con tres remeiras galegas. Cristina Simoes, que chegou na pasada campaña, Alejandra Rios e Laura Martínez, que van reforzar o equipo de cara o verán. As dúas últimas, chegan logo de remaren na pasada campaña en Hibaika na Liga ETE e realizaren a pretempada nos seus clubs natais. Esta será a súa primeira vez na Liga Euskotren.
Laura Martínez e Andrea Oubiña coinciden en que “en Galiza hai moi boa canteira, e mostra disto é que a cada vez se animen máis remeras a viren a Euskadi”. Pola súa parte, Tubio amósase “moi contenta ao ver excompañeiras en outros equipos, faime moita ilusión, aínda que agora sexamos rivais”. Na cantidade tamén inciden Sandra Piñeiro e Cristina Simoes, pero esta ocasión sen concretaren a procedencia, “cantas máis remeiras sexamos, o nivel da competición tamén subirá, polo que é bo que a xente se anime a remar”, afirman.
Nótaselles a todas a ilusión de estaren na antesala dunha nova tempada, mais non por isto esquecen o traballo que hai detrás, así como o sacrificio que conleva. Por exemplo, Sandra Piñeiro asegura “estar soa para remar. Deixas a túa casa, e aínda que aquí fagas a túa vida, sacrificas as 24 horas do día para remar e dares o mellor de ti”. A súa compañeira de traiñeira Vicky asegura que “as galegas deixamos moito atrás por estarmos aqui. Estamos nunha liga moi competitiva, é un dos apoios para seguirmos a traballar”.
Cristina Simoes, que leva seis anos fóra de Galiza, está máis “afeita” a se afastar da familia e as amizades. Aínda así, é consciente de as súas compañeiras teren a favor a proximidade do “apoio das súas familias, de amizades… dache un punto de confianza”. Ademais, afirma, que o que está a vivir co remo, “non o teño vivido con ningún outro deporte. Ao final fas das túas compañeiras o teu círculo de apoio, e iso é moi gratificante”.
Simoes, canda o resto das súas compañeiras, realizou a pretempada en Donostia incluída a tempada de bateis e traiñeiriñas. Pola súa banda, Alejandra realizábaa no Caramiñal, e Laura en Ribeira. As dúas, dende a distancia, son conscientes do hándicap que teñen. “Pola Covid-19, non puidemos subir tanto como nos gustaría co equipo. Estamos un pouco a cegas, mais estamos con vontade de coñecer o equipo, o adestrador … sabemos que todo sairá ben” afirma Laura. Pola súa banda, Alejandra, agradecía poder realizar as tempadas de competición, “temos a mochila de traballo realizado para a tempada de traiñeiras. Non é o mesmo estarmos todo o inverno a facer traballo no ergómetro”, engade. En Donostia, Cristina Simoes asegura estar “desexando que veñan as compañeiras”.
Todas están con vontade de que chegue a primeira fin de semana de xullo, cando Natalia e o resto de patroas terán que coller a estacha por primeira vez na tempada. O destino quixo que sexa en Galiza, coa desputa da IV Bandeira Cidade da Coruña. A patroa de Donostiarra asegura que, aínda “non sendo a miña cidade, para os galegos é a nosa casa. Esta é unha regata á que os nosos teñen máis fácil asistir”.
Para rematar, todas coinciden en que o remo é un deporte de constancia, tal e como asegura Oubiña, “o camiño é longo, mais con esforzo e traballo, todo chega”. Por isto, animan a todas as mozas que queiran probar o remo. Aínda, a aquelas que teñan a oportunidade de iren ao País Vasco, tamén as animan a daren o salto, dado que “se che sae ben, xenial, e se non, tes outra cousa que aprender, mais o "non" xa o vas ter”, sinala Sandra.