ACT TV

ENTREVISTAS

04 Ago 2021

A Bandeira Barbanza Arousa estréase na Liga Eusko Label

A Bandeira Barbanza Arousa estréase na Liga Eusko Label

Rianxo, será o escenario da primeira edición da Bandeira da Mancomunidade barbanzá

A Liga Eusko Label continua a súa folla de ruta, e vogará nas Rías Baixas, estreando un novo campo de regatas. Rianxo, será a primeira localidade da Mancomunidade Barbanza Arousa en organizar a bandeira presentada esta mañá no Concello da localidade. 
 
Na presentación participaron Adolfo Muíños, Presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro representante da Mancomunidade Barbanza Arousa e Carmen González en representación da ACT. O Alcalde da localidade e Presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa sinala que, “Rianxo e a Mancomunidade están encantados de poder recibir a familia da Liga Eusko Label, para gozar deste deporte tan arraigado na nosa comarca. É unha fortuna para nós podermos colaborar e ser anfitrións desta competición moi seguida aquí”.
 
“Estrear un campo de regatas, como é o de Rianxo, coa Bandeira Barbanza Arousa, e ademais facelo para pasar o ecuador da tempada, énchenos de emoción e orgullo” sinalaba González. Á súa vez, quixo agradecer a confianza depositada pola Mancomunidade Barbanza Arousa e o Concello de Rianxo, polo apoio e organización da regata. Por último, lembrou ao afeccionado e á afeccionada que se achegue esta fin de semana que “siga as recomendacións sanitarias como o uso da máscara e a distancia interpersoal”.
 
“Para a Mancomunidade do Barbanza Arousa, que é unha Mancomunidade turística, é unha honra ter esta regata en Rianxo, porque nos facilita á hora de nos posicionar e promocionarmos a Ría de Arousa polas súas características de navegabilidade e deporte activo”, indica Cachafeiro.

A xornada comezará o sábado 7 de agosto ás 18:13 horas coas catro traiñeiras da primeira quenda, onde vogarán Zarautz Gesalaga-Okelan, SD Tirán Pereira, Lekittarra Elecnor e CR de Ares. A continuación será a quenda das catro seguintes traiñeiras como CR Cabo da Cruz, Ondarroa Cikautxo, Bermeo Urdaibai AVIA e Donostiarra Amenabar, e finalmente será a vez das mellores traiñeiras da Liga Eusko Label: Orio Orialki, Zierbena Bahías de Bizkaia, GO fit Hondarribia y Santurtzi T. y G. Aguado. 

Voltar