Novas 2020

ESPECIAL

24 Ago 2020

Dúas xornadas para asegurar a permanencia

Dúas xornadas para asegurar a permanencia Dúas xornadas para asegurar a permanencia

CR Ares e Zarautz Babyauto loitarán esta fin de semana por evitaren a décima primeira praza que os levaría ao playoff de setembro separados por apenas dous puntos

Chegamos ao punto decisivo da tempada, ás dúas últimas regatas da tempada regular, onde se decidirán varias cousas moi importantes de cara ás dúas xornadas finais de setembro. Logo de desputar estas dúas xornadas da segunda fin de semana galega de competición, coñeceremos o nome do equipo que perderá a categoría e o de quen irá ao playoff de ascenso/descenso a defender a súa posición na Liga Eusko Label contra os equipos que veñan da Liga Galega e da ARC1.

Despois das dúas xornadas desputadas esta fin de semana a clasificación amosa un equipo, Kaiku Vusa, que salvo un milagre maiúsculo por parte da ‘Bizkaitarra’, será o que remate a tempada na derradeira posición, o que o levará para a ARC na vindeira tempada.

Por riba dos biscaínos atopámonos cos dous equipos que protagonizarán esta fin de semana unha das batallas máis duras da tempada para ver quen remata por diante na clasificación tras da xornada do domingo. CR Ares ocupa de momento a décimo primeira posición con 55 puntos e Zarautz Babyauto, na décima, ten unha vantaxe de apenas dous puntos.

Nunha tempada normal, poderíamos dicir que os guipuscoanos, con esta vantaxe de dous puntos, terían un colchón suficiente para dependeren deles mesmos nestas dúas últimas xornadas. Mais depois do visto até o de agora na Liga Eusko Label 2020, está claro que esa vantaxe de dous puntos pode desaparecer nun abrir e pechar de ollos, e ademais, estes dous equipos xa nos demostraron que se dan metido entre os mellores cronos do día en algunhas ocasións.

Os galegos de CR Ares teñen un promedio de 3,9 puntos por regata nesta tempada, mais atopámonos con que os ártabros puideron chegar en cinco ocasións ás posicións que darían acceso á segunda quenda (por igualaren ou superaren a oitava posición). Pola súa banda, Zarautz Babyauto (4 puntos/regata) tivo polo momento unha tempada de claros e escuros, con moitísimas diferenzas entre os resultados obtidos nos sábados e nos domingos.

Un chisco máis arriba na clasificación están Ondarroa Cikautxo (63 puntos) e Lekittarra Elecnor (64 puntos), noveno e oitavo na clasificación respectivamente. Os bos resultados encadeados por estes dous equipos biscaínos nas últimas xornadas da competición, axudáronlles a escaparen da zona quente da táboa e poderán vivir máis tranquilos as regatas galegas desta fin de semana. Con máis tranquilidade si, mais sen poderen relaxarse porque a súa vantaxe aínda non é definitiva e unha mala regata pódeos meter de novo na loita por evitaren a queima.

Voltar