ACT TV 2020

ESPECIAL

28 Xul 2020

A loita continúa

A loita continúa

Jaime Lara, Beñat Eizagirre, Iñigo Larrinaga e Pedro Carro avalían a primeira metade da tempada na Liga Eusko Label

Que esta é unha tempada atípica é un feito e os equipos da Liga Eusko Label están a vivir unha tempada na que un día se poden ver arriba e no seguinte poden caer para a parte máis baixa da clasificación. Agora que chegamos ao paro por mor da desputa do Campionato de España de Traiñeiras, é bo momento para facermos avaliación desta primeira metade do verán e pormos o ollar no que resta de competición.

Hoxe falamos cos integrantes dos equipos que se atopan na primeira quenda, a loitaren por fuxir ou non caeren nos postos de descenso directo e playoff. Seguro que en Kaiku Vusa (12º / 21 puntos) non agardaban estar a ocuparen o último posto da clasificación logo de desputar oito xornadas, mais a realidade é que a ‘Bizkaitarra’ non acaba de carburar e “non foi o comezo agardado” como nos comenta Jaime Lara, remeiro do conxunto sestaoarra.  “Estase a ver que estamos todos no mesmo segundo” e “até o último metro ninguén vai arriar”. De cara á segunda metade da tempada, Lara teno claro, “cómpre seguir adestrando para mellorar”.

No seu ano de volta á máxima categoría do remo, Zarautz Babyauto (11º / 28 puntos) está a resolver unha grande actuación que, de momento, está a afastalos da derradeira posición. Malia un comezo con dúbidas, Beñat Eizagirre, proeiro da traiñeira guipuscoana está contento co traballo realizado. “Custounos un pouco arrincar, custounos collerlle a medida a esta liga, mais estas últimas regatas atopámonos máis á vontade” aclara Eizagirre. En canto á posición que ostentan na clasificación, o zarauztarra admite que “sabíamos que íamos estar na pelexa por mantérmonos e aí estamos”. Para Eizagirre, a súa mellor regata foi “a de Getxo sen dúbida, saiunos todo a pedir de boca”.

Outro dos equipos que non tivo un comezo de todo acertado é Ondarroa Cikautxo (10º / 32 puntos), aínda non estando nos postos críticos, “non saíu todo o ben que quixésemos” admite o patrón Iñigo Larrinaga. Nesta primeira metade de tempada “houbo regatas nas que non demos atopado a nosa remada e iso fíxonos ficar atrás”, aínda que “na última fin de semana, parece que pouco a pouco imos atopando o que procuramos”.

Por último, temos a outro dos recén ascendidos. Se de Zarautz Babyauto dicíamos que tivo unha boa actuación neste inicio de tempada, o que dicir de CR Ares (9º / 32 puntos), que se sitúa agora mesmo no décimo posto da Liga Eusko Label. Pedro Carro, remeiro da “Santa Olalla” apunta que antes do comezo da tempada “había un chisco de incertidume, mais é certo que sabíamos que íamos facer un bo papel”. O equipo ártabro foi encadeando boas actuacións na máxima categoría do remo, mais en palabras do xoven remeiro galego, “a nivel de remada e sensacións fico coa regata de Orio, e a nivel de físico ficaría coa de Bilbao” como mellores regatas deste comezo de tempada.

Voltar