Novas 2016

ASOCIACION

16 Xu˜ 2016

A IV Bandeira Euskadi Basque Country xa está en Sevilla

A IV Bandeira Euskadi Basque Country xa está en Sevilla

Esta mañá presentouse no Castelo de San Jorge da capital hispalense o encontro que abrirá o vindeiro domingo a loita pola Coroa CaixaBank

O Castelo de San Jorge, situado na Praza de Altozano de Sevilla, foi testemuña esta mañá da presentación da IV Bandeira Euskadi Basque Country. Un acto no que estiveron presentes, Itziar Epalza, viceconselleira de Comercio e Turismo do Goberno Vasco; David Guevara, delegado de Deportes do Concello de Sevilla; Javier Cáceres, Presidente da Feceración Andaluza do Remo; Arantza Madariaga, Directora da Basquetur; e Xabi Zubiri, responsábel de comunicación da ACT.

Un encontro que, por primeira vez, chega a augas sevillanas este domingo a partir das 12.00 horas. Máis concretamente ás augas que unen a Ponte de La Barqueta e a Pasarela de La Cartuja, sendo nesta última onde estará situada tanto a saída como a chegada. Outra das novidades será o formato. Xa que será unha contra o reloxo por parellas, saíndo as embarcacións de cada quenda de dúas en dúas e con un minuto de diferenza entre elas. A orde de saída será inversa á clasificación xeral da pasada Liga San Miguel. Un encontro, cómpre sinalar, que será emitido en directo tanto pola ETB1 como pola TVG, así como en diferido por unha das canles de Canal Sur.

Por se todo isto fose pouco, o fin de semana chegará cargado de actividades en outro dos puntos quentes deste inicio da Liga San Miguel. A Alameda de Hércules acollerá exhibicións de deporte rural, grellas con produtos vascos, danza, música ao vivo… Unha chea de actividades que servirán para levar toda a esencia do Basque Style a Sevilla. Outra das actividades que veñen da man do Goberno Vasco será o GP Euskadi Basque Country que se porá en xogo o sábado a partir das 19.00 horas na Pasarela de La Cartuja coa presenza do Betis, Sevilla, Málaga e Euskadi Basque Country. Unha embarcación, esta última, que estará composta por remeiros de clubs da ACT.

Voltar