ACT TV 2016

ENTREVISTAS

24 Feb 2016

Mellor que o ano pasado

Mellor que o ano pasado

Dani Pérez avalía a pretempada da traiñeira cántabra

A traiñeira cántabra de Astillero comezou a pretempada con mellores sensacións que a pasada campaña. O adestrador de AstilleroDani Pérez, na regata que se disputou en Hondarribia o pasado 13 de febreiro recibiunos e comentounos as súas impresións da pretempada na que están a traballar.

Este ano puideron adestrar con dúas traiñeiras, malia teren material e infraestruturas aínda en proceso de mellora. Segundo Dani Pérez, "esperabamos unha mellora en infraestruturas e melloras en material que leva un retraso, que non deu chegado para este ano, e a verdade que estamos nunhas condicións terceiromundistas. Porén, o bo é que no traballo na auga puidemos adestrar con dúas traiñeiras en inverno para estar todos rodados en mar, nese sentido mellor que o ano pasado".

Dani Pérez informou de que até o momento os adestramentos que realizaron os seus remeiros foron de moito fondo e de coller resistencia aeróbica. Malia ser aínda cedo demais para tirar conclusións de como vai render a traiñeira de cara á Liga San Miguel de Traiñeiras 2016, o adestrador de Astillero amósase positivo co salto de calidade que deu o plantel a respecto da pasada tempada. "A nivel de remada, nótase que hai un ano traballado entre o grupo continuista do ano pasado e a maioría do grupo nos adestramentos. Vamos un chisco mellor que o ano pasado" dicía o adestrador de Astillero.

Dani Pérez amosouse contento coas 10 altas que logrou a traiñeira cántabra. Malia perder a 3 homes da pasada tripulación, o obxectivo de Astillero é conseguir regularidade nas regatas, entrar con máis seguranza nas regatas de mar e mellorar os tempos da tempada pasada. "Queremos desfrutar das regatas e desfrutar da ACT" concluiu Dani Pérez.

Voltar