ACT TV 2014

ENTREVISTAS

09 Ago 2014

Hondarribia Orsa faise coa Bandeira Concello de Moaña - GP Fandicosta

Hondarribia Orsa faise coa Bandeira Concello de Moaña - GP Fandicosta

A ‘Ama Guadalupekoa’ consegue a vitoria en Moaña e afiánzase no liderado da Liga San Miguel, con seis puntos de vantaxe frente Orio Babyauto.

A localidade pontevedresa de Moaña recibiu a décima xornada con un vento chegado do sudoeste que incomodou moito a navegación ás tripulacións. Malia isto, a quenda de honra, ao igual que o resto de regatas, tivo un denominador común: a igualdade. E é que Orio Babyauto e Hondarribia Orsa protagonizaron unha  grande batalla. Neste particular enfrentamento, que se repite tamén na loita pola Coroa “La Caixa”, finalmente a vitoria decantouse a favor de Hondarribia Orsa con un tempo de 20’31’’74 e dous segundos de renda frente Orio Babyauto. Deste xeito, os hondarribiarras mantéñense como líderes da Liga San Miguel e xa son seis puntos os que teñen de vantaxe sobre os oriotarras. Pola súa parte, Kaiku Ambilamp fíxose coa terceira posición a sete segundos dos gañadores, mentres que San Juan Iberdrola completou a quenda, sendo finalmente noveno a 43 segundos.

Cabo, que mañá será o encargado de exercer de anfitrión, foi o grande protagonista da segunda quenda. Os galegos conseguiron con grande autoridade esta segunda quenda marcando un tempo de 20’52’’78, que lles serviu para ser cuartos na proba e que lles vai permitir mañá remar diante da súa xente na quenda de honra. Pola súa banda, Tirán Pereira, despois de vir de menos a máis, parou o tempo en 21’02’’18, o que lle valeu para ser sexto, mentres que Portugalete Eulen conseguiu a sétima posición a 36’’ dos gañadores. Completou a quenda Zierbena Bahías de Bizkaia, con un tempo de 21’22’’22, conseguindo a décima praza.

Na primeira quenda, Urdaibai Avia conseguiu marcar desde as primeiras paladas a proa con un Astillero que non perdeu a cabeza á regata pero que no derradeiro longo acusou o grande esforzo realizado contra o vento. Finalmente a ‘Bou Bizkaia’ fíxose coa quinta posición, a 25’’ dos hondarribiarras, e que lle serve a Gorka Aranberri para manter o maillote branco “La Caixa” como mellor patrón. Pola súa banda, a ‘San José’ de Astillero fíxose coa oitava praza con un tempo de 21’13’’65, que lle serve para pór tres puntos de renda na clasificación da Liga San Miguel frente San Pedro Ecolmare, undécimo esta tarde. Completou a quenda e a regata Pedreña, con un tempo de 21’48’’67.

Mañá undécima xornada en Cabo

A Liga San Miguel volta mañá de novo a Boiro coa undécima xornada onde a partir das 12.00 horas porase en xogo a XXIV Bandeira Concello de Boiro. 

Voltar