Novas 2013

ENTREVISTAS

26 Mar 2013

"A LIGA SAN MIGUEL TEN BO FUTURO; ATRAE SPONSORS, É UNHA COMPETICIÓN SERIA, E DEPORTIVAMENTE MOI ATRAINTE"

"A LIGA SAN MIGUEL TEN BO FUTURO; ATRAE SPONSORS, É UNHA COMPETICIÓN SERIA, E DEPORTIVAMENTE MOI ATRAINTE"

Paco Prieto, ex-presidente e ex-adestrador de San Juan

Paco Prieto non vive na costa (Pasai Donibane, 72 anos), pero tena a cinco minutos. Non está metido de cheo no remo, pero segue axudando no que lle piden. Poucos meteron máis anos que el nun club, 45 en Koxtape, e é unha voz autorizada á que é recomendábel escoitar.

 

Estiveches moitos anos no remo, segues estándoo nun plano máis privado… Que é, que foi de Paco Prieto?

Estiven, e aínda estou. Comecei como remeiro, gañei a primeira medalla do club no Campionato de España. Despois remeiro e directivo, porque sempre había que facer. Montouse unha traíña, os principios de Koxtape, volvín remar, despois presidente do club, tamén de patrón, adestrador… Comecei no 1965, e até hai tres anos, até 2010. 45 anos.

 

Dis que aínda estás aí. Botando un cabo. Que fas exactamente?

Ben, estiven axudando ao adestrador de infantís, estou facendo a vixilancia ou supervisión do novo edificio do club, as deficiencias que poida haber e demais, en colaboración co propio Concello.

 

Que non marchaches de todo, vaia.

É que para os que nacemos en Pasai Donibane o remo é indivisíbel dos que somos de alí.

 

A ACT fixo 10 anos no 2012. Ti estabas cando naceu, coñeces ben a Asociación. Que balanzo fas, que futuro lle auguras?

No ano 2002 o Goberno Vasco pulou porque se creara un remo ben organizado, distinto ao que se tiña practicado até entón. Vamos, que se creara unha Liga. Eu non o vía moi claro, porque prometéronse uns cartos os dous primeiros anos, pero coa dúbida de que pasaría unha vez pasado ese prazo, porque desaparecía o diñeiro público. Había que procurar sponsors privados, e eu tiña dúbidas, porque non era doado. Esa era a miña dúbida, e persiste, aínda que despois deses dous anos se procuraron sponsors que axudaron a que a cousa funcione estupendamente, e aí hai que lle dar o mérito á ACT, porque é difícil mellorar o que se fixo. Fomos moi novidosos, porque fomos referencia no tema da dopaxe, no tema do pasaporte biolóxico. Fomos un espello onde outros deportes nos utilizaron como espello, e iso é importante. Aínda con todo batiamos cos tramposos, non penses A ACT está sorprendendo a conseguir sponsors, e hai que lle dar o seu mérito. Iso faime pensar que o futuro é bo, porque ao sponsor ofrécenselle 25 regatas, Euskal Telebista fai unhas retransmisións moi boas, e vese que é un produto co que se acertou á hora de vendelo. A nivel tecnolóxico o uso do GPS dá unha garantía a nivel de resultados, seriedade á competición, a liga ten moita igualdade, é atractiva para a xente. É unha das consecuencias da crise, que aumenta a igualdade. Se hai boa organización, bo seguemento televisivo, os sponsors seguirán chegando.

 

Como está San Juan hoxe en día? Que papel ocupa na Liga San Miguel?

É sabido que eu cando xurdiu o proxecto, no 2003 non era moi favorábel a el, porque obrigábanos, esixíanos aos clubs a cousas que non estabamos afeitos: boas infraestruturas, sponsors, facer frente a fichaxes de outros clubs… A Liga mellorou moitísimo no que respecta a imaxe, seguemento, organización de regatas e demais, e iso esixe facer un mellor traballo aos clubs, ser máis competitivo. Os clubs que traballamos coa canteira tivemos que facer frente aos clubs que tiñan máis cartos, aínda que agora, e coa crise, iso estea mudando. Pasamos de ter un local de 2000 metros cadrados a un de 5000, e iso afectou bastante á nosa tesourería, porque tivemos que invertir uns 200.000 euros. Deportivamente, comezamos moi ben. O primeiro ano fomos a mellor embarcación vasca da Liga, despois baixamos uns chanzos, e na miña opinión a mudanza de instalación foi chave. Nos últimos anos estamos mellorando, e en canto nos traslademos ao novo edificio melloraremos aínda máis na miña opinión. O noso lugar está da metade da Liga para arriba. Tampouco fixemos mal labor na Liga San Miguel. Fomos terceiros, sextos no 2011… O que pasa é que dende 1985 até 2003 fomos un equipo campión, e agora repetir iso é difícil.

 

Figúrome que terás miles de anécdotas que contar…

Ben, algunhas pódense contar, outras non. Lembro que co tema das penalizacións nas saídas, agora non se poden facer trampas, pero antes de que chegara a tecnoloxía, xa había quen saía coas bancadas rompidas, para así que baixara a bandeira, reclamar e gañar tempo co tema das mareas… Agora xa non se pode facer iso. Podería contar cousas ligadas coa espionaxe, porque xa se viron adestradores entrando en clubs e mirando medidas nos remolques… Nas regatas, os pesos e demais, lembro de quen ia a pesaxe con bancadas forradas de chumbo, e despois quitábanas. Hoxe en día non se pode facer iso.

 

Pensaches algún día que o remo había de mover o que move hoxe en día, sobre todo economicamente?

Ben, cando se comezou a ofrecer traballo a xente que despois remaba nos clubs xa se vía por onde podían ir os tiros. Así comezou Fermín Altuna con Michelin Lasarte. Non eran fichaxes, pero contrataba xente forte, morroskos dáballes traballo na empresa e despois remaban na traíña. Esa solución paréceme boa. Pagarlles un soldo fixo ao remeiro das arcas do club… é moi distinto. Eu creo que o remo nunca vai ser un deporte profesional 100%. Pode haber remeiros profesionais en certos clubs, que son famosos en banco móbil e demais, pero profesionalizado, totalmente, non o vexo. Para unha vila pequena, para unha afección fiel como a nosa ter remeiros de talla mundial como tivemos é un orgullo.

 

Que che deu, e que che quitou o remo?

Darme algo que na vida se valora bastante: bos amigos. Por outra parte, creo que estiven ben valorado, que San Juan é un club serio, e que máis ou menos, estou orgulloso co que fixemos. Partimos de cero e hoxe temos un patrimonio interesante, no que se refire a locais e demais. Creo que o club poderá vivir aseadamente uns cantos anos grazas ao que se fixo antes, e iso sempre é motivo de satisfacción. O que me quitou? Pois que me criou inimigos, sobre todo co tema da escisión, no 1991-92. Foi un pau duro, pero penso que ninguén poderá dicir nada malo de aquela época. Estar tantos anos dando, porque eu penso que demos canto puidemos. Tiven a grande sorte de ter unha directiva e uns amigos marabillosos. Todo o éxito que se conseguiu en San Juan é mérito de todos os que estivemos aí. Honradez, altruismo… e aínda perduran! Ese é o maior tesouro do noso club, un valor que non ten prezo.

 

A derradeira, como ves a Liga San Miguel do 2013?

Eu a quen vexo ben ben ben é a Hondarribia Orsa. Ten unha  remada fácil, unha remada que me gusta. Vai estar na cabeza, e tene moitos boletos para gañar a Liga. Aínda non vimos ao verdadeiro Kaiku-Ambilamp, aínda que ter, ten bo equipo. Despois, Urdaibai Umpro-Avia ten tamén un bo equipo, e tamén hai un grupo con San Pedro Ecolmare e Tirán-Pereira aínda que ouvín que perderan algúns remeiros. E Orio-Babyauto, porque voltou con moita xente.

 

E San Juan?

Estar na metade sen sofrer, conformaríame. Entrou xente bastante nova, que remaron cedidos en outros clubs. Se podemos mirar para arriba, mellor.

Voltar