Novas 2013

ENTREVISTAS

07 Mar 2013

"QUEREMOS SER O ORIO DE TODA A VIDA, PERO SEN ESQUECERMOS QUE SOMOS UN RECÉN ASCENDIDO"

"QUEREMOS SER O ORIO DE TODA A VIDA, PERO SEN ESQUECERMOS QUE SOMOS UN RECÉN ASCENDIDO" "QUEREMOS SER O ORIO DE TODA A VIDA, PERO SEN ESQUECERMOS QUE SOMOS UN RECÉN ASCENDIDO"

Ibon Huegun, presidente de Orio-Babyauto

Ibon Huegun cita á páxina web da ACT no novo Arraun-Etxe de Orio (casa do remo). Ducias de rapaces adestran alí á tardiña, e Huegun mira con orgullo para a canteira e as instalacións recén inauguradas, ingredientes fundamentais para o futuro do club.

Xa pasaron uns meses dende que conseguistes o ascenso á ACT. Repasemos aqueles momentos de incertidume. Como foron, como os vivistes?

Foi un verán de moitos nervos, porque Orio non está afeito a vivir en 2ª división. A presión era tremenda, e aínda que fixemos as cousas case perfectas, gañamos todas as bandeiras, o ascenso non era seguro, o play-off había que o disputar. Eu tiña moita confianza, pero había que dar o último paso. E os demais tambén reman, hai condicionantes como o mar… O remo non é matemática, e non todo depende de un.

 Cando te tranquilizaches?

O mesmo sábado pola tarde en Bermeo. Sacamos unha diferenza moi ampla aos outros botes, máis de 20 segundos, e só un accidente podería afastarnos do ascenso o domingo en Portugalete. Unha vez rematada a 2ª xornada houbo como unha despresurización, un soltar amarras de todos os que estamos no club, porque o ascenso estaba logrado.

 Como poderías explicar esa presión?

Penso que todo o mundo coñece o que significa en Orio o remo. Nós eramos novatos na  dirección do club, a esixencia de voltar á elite era máis que máxima, opinións de non moi bo gusto como que o ascenso era pan comido, que ir a pior era imposíbel… Estabamos na ARC, sen televisión, con menos cartos, con menos patrocinadores… Non foi doado, e estamos orgullosos do que conseguimos, porque tiñamos moitísima responsabilidade.

Como foi ese domingo pola tarde?

Incríbel. Fixéronnos un recibimento como nos mellores días. É sabido que en Orio hai un dito que di algo así como Orio por detrás, a xente calada (Orio atzetik, jendea isilik), pero non é así. De todas as bandeiras que gañamos o ano pasado, subiamos ao balcón do concello, e a praza enchíase. Os remeiros que eran novos no club ficaban sorprendidos, e iso demostra que estando en 2ª o pobo estivo implicado coma sempre, a tope.

 Cando vos sentistes membros de pleno dereito da ACT?

O primeiro paso foi que Igor Makazaga, o responsábel técnico da traíña, comezara a traballar no bote do 2013. Foi unha transición normal, unhas pequenas vacacións, voltar, e xa estás na ACT. Non hai moita marxe para te amoldares, as semanas pasan rápido, e hai que comezar a traballar lixeiro.

A nivel directivo, hai moita diferenza entre traballar estando na ARC ou na ACT?

Non moito. Quero dicir, os trámites, o papeleo é parecido. Hai que facer as mesmas cousas: viaxes, fichas, remolques, botes… Notar nótase, e moito, que ao estar na ACT tes máis facilidades á hora de buscar apoio económico: hai televisión, é a mellor liga… Digamos que os potenciais clientes ofrécenche outra predisposición. Esta é a diferenza máis importante.

Que me podes contar da crise? Afectouvos a vós?

Si, si. Non somos unha illa. Tomamos medidas e realizamos axustes necesarios. A procura de patrocinadores é máis custosa, costa máis, pero Orio é un club, non un equipo de remo a secas, e iso nótase. Explícome. Temos 6 equipos de remo, aparte do da ACT, e eses tamén compiten, tamén viaxan. A nosa roda é moi grande, e hai que alimentala para que siga virando.

Como andades de socios? Notouse o efecto do ascenso?

Notou. Tiñamos uns 1.400 cando entrou a nova Xunta Directiva (outubro do 2011), e hoxe en día estaremos perto dos 1.800. Fixemos unha campaña que denominamos ‘Hemen gatoztik’, nome que se lle deu a unha traíña mítica de Orio (Aquí vimos), que reflectía que estabamos na ARC, pero que iamos para arriba. Solicitamos aos novos socios 50 euros por ano, e a resposta foi moi boa.

E a nivel de empresas patrocinadoras?

Satisfactorio. Cómpre ter en conta que as axudas de institucións públicas desapareceron o ano pasado, e para lle dar a volta a isto tivo que se facer un grande esforzo. Puxemos en marcha o concepto socio-empresa, co obxectivo de atraer a moitas empresas, con una aportación pequena. A resposta foi moi boa, e ademais conséguese non depender da aportación forte dunha soa empresa, en caso de que esa empresa decida seguir apoiando o club. Moitas aportacións pequenas axudan máis que unha aportación grande.

A nivel deportivo, que plantel construiu o club de cara a tempada 2013?

Eu opino como presidente, o que vexo dende o despacho. Houbo as mudanzas normais que adoitan facerse dun ano para outro en calquera club, cinco ou seis trocos. Baixas naturais, altas naturais. Un que casou, outro que marchou para outro club, o outro que o deixa…

Que obxectivos tendes?

Asentármonos na elite, con un punto de partida que non se pode esquecer: somos un recén ascendido. Con todo o que isto significa. Somos novos na Liga San Miguel, e hai que ir paso a paso. Obxectivo? Clasificármonos o máis arriba posíbel. Algún dirá que temos que gañar a Liga. Ilusións renovadas, todas; prudencia, tamén.

Que posto darías por bo?

Máis ou menos o posto no que ten estado Orio nos 10 anos que estivo na ACT, entre os seis primeiros. Da metade para arriba. Queremos ser o Orio de toda a vida, un club que pelexou por remar na quenda de honra, e que non pasou apuros, pero sen esquecermos que somos un recén ascendido.

Estamos en marzo, como ves a Liga San Miguel?

Supoño que Kaiku-Ambilamp manterá o nivel. É a favorita para vencer a Liga. Hondarribia-Orsa tamén andará diante, como Urdaibai-Umpro Avia, este ano con novo adestrador. De aí para abaixo, haberá que ver a Tirán Pereira, que é capaz de facer, e as dúas de Pasaia, con un ano máis de experiencia na embarcación. É de supór que as cántabras baixarán un chanzo, porque a economía está como está. Zumaia-Altuna y Uría sabe a que xoga e Portugalete-Eulen, co proxecto a longo prazo de Aizperro, fará bo traballo. Hai un nivel impresionante. Somos Orio, si, pero sempre que se poida, con prudencia.

Descartas a posibilidade de levardes algunha bandeira?

É moi complicado. Temos casta, fe nas nosas posibilidades, pero non é doado.

Que tal ves a ACT, como novo directivo que es?

Creo que a chegada de Pedro Andueza deu un pouco de cordura á asociación, e hai que darlle un voto de confianza. A Liga San Miguel é unha competición moi atractiva, seria, espectacular, con uns patrocinadores fortes. A liga é atrainte e a estrutura da ACT, adecuada. O futuro vese atractivo, porque se organizou unha liga moi interesante.

Unha mensaxe para os afeccionados do club.

O primeiro, agradecerlles o grande apoio que nos deron o ano pasado, malia estarmos na ARC: nas regatas, no traballo diario, en todo. E que intentaremos compensárllelo realizando unha boa tempada.

Voltar