Novas 2013

ENTREVISTAS

28 Feb 2013

"PROCURAREMOS VOLTAR Á ELITE, PERO SEN TOLEAR"

"PROCURAREMOS VOLTAR Á ELITE, PERO SEN TOLEAR" "PROCURAREMOS VOLTAR Á ELITE, PERO SEN TOLEAR"

José Luis Herrerías, presidente de Zierbena-Bahias de Bizkaia.

Estamos en marzo, os meses pasan e o comezo da competición está cada día máis perto. A web da ACT fala co máximo responsábel de Zierbena-Bahías de Bizkaia, embarcación que tras vogar na elite, na Liga San Miguel, perdeu a categoría e vogará na ARC, cun obxectivo claro: “voltar a onde corresponde a un club con unha tradición remeira como o noso, a liga dos mellores”. Claridade no obxectivo, e claridade no xeito de traballar: “Non imos tolear”.

 

Xa estamos en marzo. Como vai a pretempada?

En marcha. Fixemos as mudanzas normais, as que se adoitan facer dunha tempada para outra, estamos adestrando ben, e creo que temos un equipo xeitoso, como para estar entre as candidatas ao ascenso.

 

Cal é o obxectivo, o ascenso?

Gustaríanos que si. Estamos ben de ánimo, aí están os test dos descensos, que despois quizáis non sexan válidos, pero insisto, estamos contentos. Trouxemos xente de Astillero, de Pedreña, de Kaiku, que nos van aportar experiencia e axuda para a xente que empeza no remo. Temos confianza.

 

Pasaron uns meses dende que perdestes a categoría. Como analizas a tempada do 2012, unha vez pasado o tempo?

Sobre todo que arriba estase moi ben. Cando fichamos a Patxi Francés puxémonos o obxectivo de ascender á Liga San Miguel en tres anos, e conseguímolo. Unha vez na elite a decisión estaba clara: non tolear, sen facer grandes fichaxes, e manter a mesma liña. Talvez minusvaloramos a esixencia da Liga San Miguel, dobre regata cada fin de semana. É moi absorbente, e agora, pasado o tempo, poderiamos dicir que pagamos a novatada.

 

Tanto como para perder a categoría?

Hubo máis factores. Está claro que o nivel é moi forte, hai equipos moi potentes, equipos que saben a onde poden chegar e a onde non, e mellor preparados que nós para os momentos duros. Penso que nos adaptamos ben á nosa situación, e demóstrao o feito de que unha vez que estaba claro que íamos descender non afundimos, e seguimos competindo. Ceder, rendérmonos tería sido un golpe demasiado duro para o club, para os afeccionados, e creo que rematamos a liga con dignidade.

 

Salientas o tema de non toleardes. Vendo o que sucedeu, mudarías o voso plan?

Non, somos un club que tirou para adiante co que ten, e cando ascendemos de categoría decidimos seguir así. Hai xente que leva moitos anos, pero para nós todo era novo, e ademais tivemos moitas baixas. Vemos o ano 2012 como un proceso de aprendizaxe e mellorar de cara o futuro. Eramos candidatos para perder a categoría, e desgraciadamente foi así. Quizáis a alternativa era hipotecármonos, facer un equipo máis forte, pero decidimos que non, e descendemos, pero coa clara intención de voltar á Liga San Miguel.

 

Que opinión che merece a Liga San Miguel? Xa fixo 10 anos…

Paréceme que é unha liga moi boa, competitiva, que hai que apostar por ela, e que nos gustaría voltar canto antes. Xa é coñecido que non concordamos con todas as regras, sobre todo no que se refire ao tema dos remeiros propios, pero este ano conseguimos equilibrar o tema de canteiráns e propios.

 

Como vos vedes na Liga ARC? É Zierbena-Bahías de Bizkaia candidata para lograr o ascenso?

Hoxe en día diría que si. Reunímonos cos patrocinadores, seguen dándonos o seu apoio e dámoslles as graças por isto. Os afeccionados, a xente da vila sabe quen somos, como traballamos, e así como subir de categoría foi moi ilusionante, tampouco agora habemos  morrer de tristura por baixarmos un chanzo. Somos un club con grande tradición remeira, pero os tempos son os que son. Estamos ben, e adaptámonos ben á situación. Procuraremos ascender, pero sen tolear.

Voltar