Novas 2012

ENTREVISTAS

14 Ago 2012

TEMOS QUE IR A POR TODAS

TEMOS QUE IR A POR TODAS

Beni Silva, adestrador Rianxeira Mecalia

Benigno Silva sabe provocar coa liberdade: Depende de ti. A autoesixencia, a responsabilidade e a aprendizaxe permanente fan parte da súa filosofía, e defínese a si mesmo como "un home de club".

Faino tamén como profesor de Educación Fisica "o caso é convencer e non impor nada. Estás interesado? Queres gañar?" Sabe ben que a motivación é o factor fundamental para desfrutar ás beiras do sufrimento, para desafiar os propios límites e triunfar. No remo e na vida.

Beni leva case trinta anos entre ergómetros, pesas e traíñas. No mundo do remo dende comezos dos oitenta, inaugurou a ACT no 2003 como adestrador de Cabo da Cruz. E ten experiencia tamén con equipos femininos: foi o responsábel do batel imbatíbel de Cabo. E quen tirou desde o comezo da traíña galega na Liga Euskotren.

 

como ves o decorrer dos últimos vinte anos no remo feminino?

 

O salto foi enorme, de non haber nada a ter todo. Coa Concha, con isto... Agora, cal é a resposta das mozas? Para min é lenta e moi irregular. Hai pouca xente que sexa constante, e con moitos cortes e difícil formar un deportista. Logo, as remeiras parten dunhas condicións físicas que requiren anos. Polo xeral adoitan chegar con un pequeno hándicap con respecto aos rapaces porque non fan tanto deporte de nenas. Require máis tempo e máis traballo no tema de forza. E tamén loitas contra o sistema de valores imperante, con respecto á autoimaxe e á imaxe que queren proxectar. As deportistas teñen que ter outro modelo para fuxir do estereotipo dominante. Aquí hai grandes deportistas, pero no conxunto de remo feminino galego aínda falta cultura deportiva. Tes que saber o que queres.

 

Que tal se compacta un grupo de procedencias distintas?

 

Eu collo un grupo de moitos sitios con moitas ideas. Cada un ten os seus deuses. É difícil conciliar todo iso, na forma de remar, de adestrar, os estatus... Tamén hai moita tendencia a repetir modelos, se ti tes unha estrutura prefixada non hai cuestionamento. Pero ningún modelo é o único nin o único bo. Eu teño o meu. E pode ser que de moitas formas se poida chegar ao mesmo sitio.

 

Entón, cal é o teu xeito de traballar?

 

O caso é convencer e non impor nada. Estás interesado? Queres gañar? Cando te anotas nun ximnasio vas ti a dicir no que estás interesado e o que queres facer, e nos clubs parece que é ao revés, o remeiro está aí e vai o técnico. Eu quero que sexas ti que digas: quero isto. Entón digo: vas facer o que eu che diga? É un contrato.  Pero sempre nunha relación non autoritaria, a xente ten que aprender a ser libre. Ten que haber comunicación, e a norma ten que ser flexíbel, no adestramento debe haber unha adaptación ao deportista.

 

Cal é a filosofia Rías Baixas?

 

Este é un equipo ad hoc para competir a ese nivel, é un proxecto individual de cada remeira, pero que se pón en común e se comparte, porque precísanse unhas ás outras. Queremos ter un equipo competitivo que interese aos patrocinadores e que promocione o remo feminino. A posibilidade agora é esa. Se para o ano que vén se pode facer cun club, pois estupendo. Rías Baixas son as mozas de Rías Baixas, aí non hai as cores dun club. Pero resultados, premios... todo é para elas.

 

Daquela, o da motivación e a psicoloxía deportiva, onde fica?

 

Iso faise nun club, en moitos anos. É un traballo lento, vas pouco a pouco, coidando as palabras, coidando o teu exemplo, rompendo esquemas... Este proxecto é xuntalas e adaptármonos, pero non vas mudar ningunha filosofía, sempre deixas pinceladas, pero os cambios son nos clubs e con tempo. Eu sonche un home de club.

 

E a nivel técnico?

 

Fisicamente eu penso que é moi bo equipo. Custou acoplarnos polos diferentes estilos de remada, porque contamos con moi pouco tempo de traballo, entramos en competición sen rodaxe.

Sobre o barco, temos desequilibrio nas bandas, un babor moi cargado e un estribor moi xusto... Hai moitas remeiras que son dunha banda só, e fáltalles completar a formación para conseguir máis versatilidade. Pero estamos niso, mellorando.

Tamén me confiei coa nivelación do barco e faltáballe un punto de optimización, cómpre acertar cos pesos e as medidas, e non estiven tan vivo como outros anos.

 

É un barco duro, máis se cabe para as mulleres.

 

Si, no tema do barco, deberíanse permitir algunhas modificacións, mantendo a lonxitude, ter o carel máis baixo e alixeirarlle algo de peso; iso significaría máis velocidade, máis competitividade e máis espectáculo. Sería máis manexábel para as capacidades físicas das mulleres, porque o barco está deseñado para homes, e en remo feminino é complicado movelo de xeito áxil. Pero claro, falo de ideas a longo prazo, imaxínate os clubs, facendo esas inversións, mercando barcos novos...

 

Este ano os clubs vascos deron un salto en participación. Ves posibilidades de salto a nivel galego?

 

A cuestión é de clubs, non é chegar o verán e xuntar unha traíña, tes que ter un proxecto. Eu por agora non os vexo. E moitas rapazas non teñen aínda mentalidade deportiva. Tes que ter a túa escala de valores, se es deportista es deportista todo o ano, e hai que renunciar a saír de festa e botar na praia todo o verán.

 

 

Vindo á competición, a estas alturas de Liga, estades a cumprir coas expectativas que vos marcastes ao comezo da tempada?

 

Na primeira regata levamos un susto, faltábanos competición, faltábanos ritmo. Saimos cruzadas, facía un ventarrón, e eu pensaba que estaría calmo; na saída xa houvo complicacións. Logo tivemos que remontar polo medio do río, e collemos máis correntes. Así e todo, na volta fixemos o mellor tempo. E o domingo estabamos contra a parede: fomos a por todas, e saiu ben. Comezamos cun hándicap, e tamén hai que recoñecer que Zumaia ten un barco que anda moi ben, e unha gran patroa. O nivel subiu. Nós temos que seguir, traballar en optimizar o noso barco, porque contamos con marxe de mellora.

 

Veste traendo para a casa o título de campioas da Liga?

 

É posíbel, imos pelexar por iso. Non estivemos acertando ao cento por cento... As outras fixeron todo ben, e nós aínda non lle sacamos ao barco todo o que lle podemos sacar. Ademais o proxecto é ese, anual, e temos que ir a por todas en todo.

Voltar