Novas 2012

COMPETICION

31 Xul 2012

"ESTAMOS CONTENTOS; TRANQUILOS E TRABALLANDO COS MOZOS"

"ESTAMOS CONTENTOS; TRANQUILOS E TRABALLANDO COS MOZOS"

Gabi Larrinaga, remeiro-adestrador de Pasai San Pedro-Ecolmare

Gabi Larrinaga atende as preguntas perto da súa consulta de dentista, no centro de Donosti (Donostia, 35 años). San Pedro é 6º na clasificación da Liga san Miguel, e ve o final de tempada con optimismo, con boa perspectiva de futuro.

 

Como vai a tempada unha vez pasado o ecuador? Cumpristes coas expectativas? Estades contentos?

Para facer unha reflexión seria temos que írmonos ao ano pasado, porque foi daquela cando empezamos a traballar cun bloque de xente, moitos rapaces novos, con pouca experiencia a maioría de eles, deixando fóra xente veterana para que eses rapaces foran collendo protagonismo e se fixeran máis remeiros. Sofremos algunhas baixas, a máis importante a de Loren Jauregi, aínda que os resultados que conseguimos o ano pasado sen el foron bos. Mantemos bloque, un bloque que garante ter bo nivel na Liga San Miguel. Empezamos con moita ilusión, coa forza do bloque, bos adestramentos, menos desgaste. Sabiamos que o nivel medio da Liga ía mellorar, coa incorporación de Portugalete Eulen e Zierbena Bahias de Bizkaia, que ían estar por riba do Orio do 2011. Estabamos concienciados de que a tempada ía ser dura, que probabelmente sufririamos, e con esa situación traballamos duro no inverno para poder facer algo no verán. Os resultados dos primeiros descensos foron bos, sen esquecermos o traballo do segundo bote, que é o que nos da de comer. IxiSistiaga está a facer un labor admirábel co segundo bote. Estou utilizando mozos na Liga San Miguel que hai dous anos estaban en ARC-2, pois figúrate. Mozos que se fixeron currando, e con marxe de mellora. Tocamos a traíña nova, a famosa banana, a xente adaptouse ben, e en Bilbao, xusto antes de comezar a liga, andivemos ben, a centésimas de Hondarribia.

 

Aí choutou a lebre. A xente viu que tiñas un plantel forte, e confirmouse a sexta posición na que estades agora.

Si. Estou contento. Fuximos dos seis de abaixo. En regatas puntuais tivemos mala sorte, por exemplo en Zierbena. Ficamos fóra da quenda de honra polo vento, cando remar na quenda de honra normalmente trae consigo bos resultados. Que me tivera gustado estar un chisco máis perto de San Juan Iberdrola e Tirán Pereira? Claro, porque temos nivel para eles, pero estamos contentos. Recoñezo que non estamos para competir con Hondarribia Orsa, pero se nalguna regata podemos achegarnos a eles, máis que ben.

 

Fican seis regatas antes do corte das dúas últimas regatas. Que obxectivo tendes?

A planificación era esa. Campionatos, finais de agosto e despois a Concha e as últimas dúas regatas. Ficar canto máis arriba mellor, sempre entre os oito primeiros. Creo que o temos bastante amarrado, con boa marxe de puntos, pero cómpre seguir loitando.

 

Non está mal para un club coma vós, que traballa coa canteira. Vendo a crise que hai, as expectativas para o futuro son boas.

Cómpre agudizar o enxeño, traballar co segundo bote, e aos rapaces que reman nese bote estimulalos para que vexan que podan remar na Liga San Miguel, porque entre ARC-2 e Liga San Miguel hai moita diferenza. É o noso único camiño imposíbel, e de momento está a nos funcionar. Sen resultados espectaculares, mais cun patrimonio de remeiros propios e canteiráns.

 

Os rapaces tamén aportarán máis con esa situación, non é?

É, sen dúbida. Lembro o primeiro día que uns rapaces embarcaron na segunda traíña, e díxenme a min mesmo, ‘a onde imos con estes?’. Pero, aí está Ixi Sistiaga, dende foraborda, videos e demais, e imos para arriba. Un día saen nunha regata da Liga San Miguel, fanche 19.25 e ves que hai talento, porque levan remando só tres anos.

 

Como ves a loita entre os dous galos? 5 puntos de vantaxe para Kaiku.

Eu agardaba que Hondarribia Orsa dera ese nivel. Levan anos co mesmo bloque e reman como se foran paseando. Non hai máis que ver como van nos dous últimos longos para se percatar diso. Os demais sofremos, e eles seguen. O de Kaiku, é un plantel típico de Korta, que muda sete ou oito remeiros dunha regata para outra, e non pasa nada, porque os que entran saen a morder, e queren demostrar que son mellores que os que remaron na véspera. Teñen 20 remeiros de primeirísimo nivel, e penso que van chegar frescos ao final de tempada, onde veremos o verdadeiro Kaiku. Colleu boa vantaxe, e será difícil botalos de aí.

 

10 anos xa do nacemento da Liga San Miguel. Estás dende o comezo. Que valoración fas?

Lembro a primeira regata, que se chamaba ONO penso, e que gañamos. Os comezos non foron sinxelos. Fixéronse as cousas ben, e outras non tanto. Cómpre mirar o tema un pouco dende fóra, e ver que se puxo en marcha un mecanismo para facer regatas serias, unha boa estrutura e organizada. Os datos de ETB aí están, e penso que a Liga San Miguel deulle moita vida ao tema das traíñas. Quen non queira ver as cosas non as a de ver e punto, pero na miña opinión é un paso adiante para os remeiros, e aos poucos irase mellorando.

Voltar