Novas 2012

COMPETICION

18 Xul 2012

PEDREÑA APOSTA POR UN NOVO CAMPO DE REGATEO: RIBAMONTÁN AL MAR

PEDREÑA APOSTA POR UN NOVO CAMPO DE REGATEO: RIBAMONTÁN AL MAR

O Gran Premio Dynasol terá dúas regatas: Liga Euskotren e Liga San Miguel

A Liga San Miguel vira o temón cara o leste e fai parada en Cantabria o sábado 21 de xullo. A S.D.R. Pedreña organiza a súa regata en Ribamontán al Mar, poboación próxima a Pedreña que presenta importantes novidades. A máis destacada, que a regata se disputará en mar aberto, e non na Baía de Santander, como en anos anteriores. Da influencia das correntes e as mareas, á influencia do bravo mar. Nova proba para as embarcacións a unha hora traizoeira: 18:00. A vila cántabra acollerá dobre regata. Primeiro prato, 3ª proba puntuábel da Liga Euskotren, e, o segundo prato, 7ª proba puntuábel da Liga San Miguel.

 

Este mediodía celebrouse no Centro de Surf de Somo a presentación da BANDEIRA RIBAMONTÁN AL MAR - GP DYNASOL, e a ela acudiron o Sr. Francisco Manuel Asón, alcalde de Ribamontán al Mar, o Sr. Calixto Presmanes, presidente da S.D.R. Pedreña, e o Sr. Salvador Ruiz, en representación de Dynasol.

 

A Liga Euskotren enfrontará por primeira vez ás catro contendentes cara a cara. Unha vez resolta as regatas clasificatorias de Zierbena e Zarautz, os puntos repartidos nesas dúas regatas deixaron unha loita pechada entre Zumaia-Salegi, Getaria-Tolosa e Rianxeira Mecalia, que están nun puño. As de Zumaia son líderes, cos mesmos puntos que Getaria-Tolosa, pero ollo coas galegas, que tan só levan un punto de desvantaxe. Non se pode descartar aínda a San Juan Iberdrola. Unha boa regata pódeas meter na cabeza.

 

No que respecta á Liga San Miguel, varias frontes. O primeiro de todos, cita clave para a traíña de casa. Pedreña tivo un comezo un tanto frouxo, e remar diante da súa parroquia pode ser clave para comezar a remontar o voo. Moita tea que cortar tamén na quenda de honra. Hondarribia Orsa destacouse un par de ondas, pero as dúas regatas de Galicia demostraron que tres puntos non son nada. Kaiku Ambilamp e a renacida Urdaibai Umpro Avia intentarán achegarse aos verdes e volver pugnar pola Coroa Mapfre.

Voltar