Novas 2010

COMPETICION

19 Ago 2010

MÁXIMA EXPECTACIÓN EN HONDARRIBIA: ESPECTÁCULO EN MAR ABERTO E FESTA EN TERRA

Os afeccionados non esqueceron aínda o espectáculo vivido en augas de Zarautz e agardan volver desfrutar cunha regata emocionante

Quen esqueceu as locomotoras da Liga San Miguel bogando en popare nas ondas de Zarautz? As regatas en mar aberto decídense na derradeira padexada, na derradeira onda, na derradeira pinga de suor. Unhas embarcacións voan na crista da onda, e as do pé delas fican atrancadas nun burato sen fondo, entre onda e onda. Os segundos voan, e a gloria ou o fracaso decidense nun suspiro.

Hondarribia é o escenario habitual de fazañas deportivas. O ano pasado Orio Amenabar fixo toda unha exhibición no último longo, collendo a dianteira á embarcación da casa. Os aguiluchos son expertos en subiren nas ondas e avanzar máis ca ninguén, pero Hondarribia Orsa tampouco lle vai á zaga. Quen o dubide, que lembre o sucedido ol pasado domingo en Zarautz, cando a Ama Guadalupekoa gañou a regata da xornada

Este mediodía celebrouse o acto de presentación da HONDARRIBIKO XXIII. IKURRINA - GP MAPFRE no Concello de Hondarribia. Asistiron o alcalde, Sr. Aitor Kerejeta, o presidente do club de remo de Hondarribia, Joxemi Elduayen, e o representante de Mapfre, patrocinador da regata, Sr. Javier Lopetegi.

A regata, 14ª regata puntuábel, terá o percorrido clásico de 5.556 metros, catro longos e tres ceavogas. Repartirán 22.500 euros en premios, e a orde se saída estabelecerase en base á Clasificación Xeral da Liga San Miguel despois da regata celebrada na véspera en Astillero.

Ao finalizar a proba Hondarribia Orsa organizará un xantar de irmandade entre afeccións de clubs de remo co fin de crear unha grande festa arredor das regatas da Liga San Miguel.

Voltar