Novas 2015
ESPECIAL
18 Ago 2015
"Se podes facer outras cousas, por que esta non?"
Luis González, remeiro de Cabo, sufriu no pasado 3 de xuño un grave accidente aínda que xa conta os días para volver subir á traíña
Neste novo capítulo da 'Liga San Miguel Por Dentro' coñecemos a historia de Luis González, quen leva máis de media vida dedicado á súa grande paixón: o remo. Malia os seus 24 anos, convertiuse nun dos grandes referentes da traíña de Cabo e no contorno do club sinálano como un dos artífices das últimas fazañas do conxunto de Boiro.
O pasado 3 de xuño a vida tíñalle preparada unha virada inesperada. Axudando ao seu pai na reparación dun tellado, ao ver que este escorregaba, foi socorrelo con tan mala sorte que caiu de cabeza contra o chan dunha altura de sete metros, tendo que ser evacuado de urxencia en helicóptero até Santiago de Compostela. O diagnóstico médico non era esperanzador e tivo en vilo a todo o mundo do remo.
Hoxe é o día no que Luis comezou a conta atrás para voltar porse ao mando da popa de Cabo. A súa recuperación, incluso á vista dos propios médicos, foi espectacular e xa comezou a adestrar canda os seus compañeiros.