Novas 2013

ENTREVISTAS

19 Xul 2013

HAI QUE ESTAR NO NIVEL PARA SABER APROVEITAR A BOA SORTE

HAI QUE ESTAR NO NIVEL PARA SABER APROVEITAR A BOA SORTE

David Álvarez, patrón de Tirán-Pereira

Este obreiro do metal (1979, Vigo) soñou desde pequeno con este momento: estar na elite do remo, á altura dos máis grandes e ondeando bandeiras. “Estamos no noso momento máis doce” recoñece. O camiño para chegar aquí foron anos de esforzo, sacrificios e moita suor. “só con sorte non se gaña unha bandeira da Liga San Miguel”, sentenza. Tirán brillou nun arranque de tempada irregular pero de docisimos

triunfos, e promete progresión até setembro.

 

Dúas bandeiras no que vai de tempada, as mesmas que en toda a vosa historia  anterior na Liga San Miguel, como valoras este éxito?

Pois se custa unha bandeira, imaxina dúas! e en dúas fins de semanas seguidas! Estamos contentísimos, claro. E tan cedo na tempada, é unha ilusión grandísima. Nós vamos en progresión, e aínda estamos en proceso, esperamos o pico máis alto de forma para finais de agosto. Se ben o ano pasado ao inicio tamén arrancamos con forza; nas primeiras regatas conseguimos moi bos postos. Este ano estase notando unha diferenza importante por causa do Platanito, o novo barco. Se o tiveramos o ano pasado poderiamos, tal vez, estar falando tamén de bandeiras nas primeiras xornadas.

 

Cales son as diferenzas do Platanito con respecto á traíña do ano pasado?

Navegando é mais o menos igual que o anterior. Pero virando é moito mellor. Vira rápido e aforra enerxía dos remeiros, saen máis enteiros. Mínimo son tres segundos de diferenza por virada. A traíña que alugamos o ano pasado era moi pesada, 217 quilos, e tiña parches por todos lados. O platanito é perfecto, pesa 202 quilos e debe ter un golpe final de variña máxica, porque vai polo aire. A min encántame navegar nela, é máis complicado controlala pero obedece máis, máis sutil, máis doada de corrixir, manéxase ben e aguanta moito tempo na onda. É super divertida, parece unha táboa de surf. Meteste aí e a voar!

 

Bautizáchedela como "mar do Con", facendo referencia ás vosas augas. Que significa o mar do Con para ti?

Son as augas que surca todos os días a traíña, e gustoume, pero cando cheguei un par de días despois á casa dos meus pais, a miña irmá comentoume que ese tamén era o nome do barco no que despareceu hai moitos anos o meu avó en alta mar cun golpe dunha onda. Á miña nai non lle fixo moita graza ao principio, pero díxenlle que, quen sabe, ao mellor convírtese nun amuleto e deixamos ese nombre na familia coa lembranza do meu avo e a historia de Tiran. Por agora non vai mal a cousa.

 

Entón o novo barco é un dos segredos para que esteas encabezando o ranking de patróns?

Tamén inflúe, si, de feito doulle moito mérito aos tempos que conseguía o ano pasado e hai dous. Porque conseguir pntos coa outra traíña significa que fixeches unha virada espectacular. Este ano consegues saír rápido aínda que a virada non sexa impresionante. En xeral eu síntome seguro na virada. E o resto do equipo tamén está con confianza, sabendo que imos saír ben.

 

 

Ser patrón é unha responsabilidade gorda.

Si, levas moitos paos. Tamén as gabanzas. Eu fun suplente durante moitos anos, e custoume moitisimo conseguir a confianza do barco. Empapeime durante anos da experiencia dos outros, de atender a pequenos detalles, de fixarme na técnica, de sentir o barco... Cominme vídeos e vídeos a ver manobras. E agora síntome seguro. Iso é resultado de concentración e adestramentos.

 

Falouse moito de que fora sorte o que vos fixo gañar as bandeiras.

Sempre influen moitos factores, a sorte é un máis, pero tamén no aspecto negativo, cando ficamos nos postos do final. E só con sorte non se consegue unha bandeira na Liga San Miguel, hai que estar no nivel para saber aproveitar a boa sorte. Na regata de Portu penso que si houbo sorte. Na de Moaña non;  hai que ver todos os factores, porque o mar ou a diferenza entre quendas e entre boias era mínima. Os remeiros foron a morrer, eu víaos no último longo sufrindo a non poder máis. Inflúen as mudanzas no plantel e o desgaste do equipo do sábado, porque houbo quen fixo unha regata impresionante en Sanxenxo, e quen fixo trocos? Hondarribia e Tirán. Os 35º de temperatura, o cansanzo da viaxe da xente que veu de lonxe... Todo afecta.

 

Tamén houbo moitas baixas e novas incorporacións ao equipo con respecto ao ano pasado, había algún ruxe-ruxe dun posíbel descenso de nivel.

Si, pero desde dentro xa sabiamos que non, e o inicio de tempada xa está feito con creces mellor que o do ano pasado, aínda que non é tan constante. O ano pasado tiñamos moi bo bloque, pero houbo xente que marchou porque decidiu coller outros camiños, e a xente nova que veu ven de abaixo, moita xa o tentara a tempada pasada e non entrara, e agora que o conseguiron están con moita ilusión.

 

Ti xa levas 17 anos no club, iso dá para moito.

Si, levo desde os 11 anos, pasei cinco anos desligado porque houbo unha altura en que me saturei, pero nunca perdín a ilusión. Até os 18 anos fun remeiro, despois deixei de remar para só patronear. E sempre fun o segundo, para chegar á titularidade e gañar a confianza do equipo tiven que loitar moi duro. Ser o patrón de Tirán foi e é a ilusión da miña vida. Eu era un doente de adestrar, chegaba antes ao club, saía coas rapazas, cos xuvenís, cadetes, e ximnasio a tope... Nin estudar nin nada, tiña a mesa do instituto chea de debuxos de barcos e de remos.

E cos anos, e coa experiencia tamén aprendes; eu non variei na maneira de levar a traíña, pero agora leo mellor as regatas e sei distribuír mellor o esforzo dos remeiros. Corrixir, transmitir o que me comenta Dani polo pinganillo... Antes era máis intensivo, de berrar, de pedir intensidade sen dosificar.

 

 

Comézase a notar máis o recoñecimento popular nos últimos tempos?

Si, a afección ao remo medrou moito, polo menos entre os traballadores de citroën, que xa son varios miles (risas). A verdade dá gusto, a xente comeza a coñecer o noso traballo, até os meus xefes, se enteran e veñen felicitarme. Ese é o premio máis grande, que medre a afección, que medre o interese. E iso non é un premio só para Tirán, levanta o deporte en xeral. Todo o sacrificio que facemos nós tamén o fan en moitos clubs, só temos o plus de ter que viaxar e de maiores gastos económicos.

 

Neste traballo de recoñecemento, teñen sido importantes os últimos dez anos, aniversario que celebra esta tempada a Liga San Miguel.

Si, para min a Liga San Miguel é impresionante, como unha Champions de fútbol. O desplegue, a afección, todo milimetrado... A profesionalidade en cuestións técnicas, medicións, controis, horarios... E o espectáculo que se dá... Por exemplo este ano co inicio de Liga en Barcelona conseguiuse moita visibilidade. Penso que se están a facer ben as cousas. Aínda que para nós foi moi duro porque tivemos que deixar remeiros na casa, por non poder pagar billetes de avión para todo o equipo. Iso é difícil, adestras todo o ano para estar nesas regatas, ainda que esteas no peirao. Pero a nivel de Liga estivo ben que se abra e se dea a coñecer o remo.

E en canto á visión desde dentro eu procuro sempre que haxa respecto e bo entendemento, gústame falar con outros patróns e remeiros, abrazalos, porque os aprezo un montón. Eu valoro moito o respecto e a humildade. E que sexa mutuo, por suposto. Saber avaliar co mesmo raseiro o propio e o do veciño. Nin os peores campos son os de aquí, nin só viaxa quen ven de alá, nin a sorte só nos toca a nós. Os remeiros dos outros equipos son compañeiros, que foron e seguen a ser os meus ídolos, e estar entre eles é unha pasada. Nós agora estamos no momento máis doce das nosas vidas. Entre os grandes.

 

Como consegue un club humilde como Tirán manterse aí, na cima?

O remo vívese en todos os lados, tenche que gustar. Pero o feito de traballarmos por amor ao deporte crea unha coesión impresionante, e cada ano superámonos facendo equipo. Entrar aquí, para competir cos mellores, faise con moito gusto. Estar na Liga San Miguel xa é o premio. En Laredo quedamos novenos e o ánimo era bo, o pensamento era “mañá outra regata”. Analízase todo, asúmense os fallos, pero non se buscan culpábeis. Nós facemos caso do que nos di Dani, e ao día seguinte, novo intento. Por agora está funcionando moi ben.

Pero si que se notan certas dificultades. Faise difícil compatibilizar o deporte co traballo. Eu teño que acordar diariamente ás cinco da madrugada. E os días que vou remar teño que pedilos no choio. Hai un tempo ofrecéranme un posto mellor no traballo, pero tiña que estar dispoñible ao cen por cen, e era incompatíbel coas regatas, así que o rexeitei.

Os meus compañeiros pensan que estou jamadisimo, nunca podo saír, nin ir ás ceas... Dinme “tes un vicio co remo”! As vacacións de traballo tamén as collo en agosto e as paso adestrando.

 

Un equipo da elite do remo, e sodes vós quen vos pagades a roupa.

Si, ese é outro dos factores nos que se ve que o equipo funciona ben, o ano pasado aínda conseguiramos o patrocinio duns bares para iso, pero este ano non, déronnos moi pouquiño. Así que fomos nós quen mercamos as camisolas, chalecos, viseiras... e ninguén puxo mala cara, todo o contrario. Nin houbo ningún comentario negativo sobre iso. Non gañamos nada aquí, e aínda estarmos dispostos a gastar, iso é a caña.

 

Dentro das vosas rutinas de competición, están varios centos de quilómetros todas as semanas. Como son as viaxes?

A xogar ao póker desde que saimos até que chegamos (risas), o viaxar tamén fai moita piña, e iso é moi importante. Con todo é un desgaste importante todo o verán así, deportivamente nótase, e economicamente deixanos ao límite.

 

Xa vai alá mais dun cuarto da liga. Cal é a estratexia de Tirán para o resto da tempada, prometedes máis sorpresas?

O reto para nós é estar na quenda de honra. Todo o que di o míster é escoitado coa máxima atención, todo o mundo quere evolucionar, o nivel de concentración é brutal. E non imos variar nada, o noso plan é progresivo até setembro, e o noso obxectivo é o cuarto posto.  Aínda que anda todo moi axustado, porque está aí San Juan, San Pedro, Portugalete... Igual até Orio e Urdaibai... Só Kaiku está un pasiño por riba.

 

Desde fóra, percíbese bo entendemento entre ti e Dani Pérez. Cal é a túa relación co adestrador?

Dani é o principal artífice de todo isto, ten unha estratexia clara e coesiona o grupo. Levántanos o ánimo. Aínda que a el non lle gusta recibir afagos é un fenómeno. É moi discreto, sempre fai especial fincapé en ter os pés no chan, ser humildes, e ese aspecto témolo moi claro todo o equipo. Non imos a por ninguén.

 

Como vos sentides sendo a única representación galega?

Gustaríanos que houbese máis galegos, habería máis regatas aquí, e iso faría as condicións de competición máis equilibradas, ademais ía darlle máis “salsilla”. Os outros galegos teñen o mesmo carácter que nós, van ser pelexóns, xa se viu cando estivo Mecos, cando estivo Cabo de Cruz... Agora, os máis fortes da Liga Galega son Chapela e Meira, Cabo está sorprendendo... E Amegrove traballa ben e tamén vai estar aí. Calquera ascenso estará entre eles.

Voltar