Novas 2020

ESPECIAL

18 Ago 2020

Unha liga chea de altos e baixos

Unha liga chea de altos e baixos Unha liga chea de altos e baixos

Ningún equipo da parte alta zafa das sorpresas nesta tempada da Liga Eusko Label 2020

Estamos diante dunha tempada espectacular, onde cada regata se está a er nunha ruleta rusa na que calquera equipo pode escorregar e verse na parte máis baixa da clasificación. Quen máis e quen menos, todos os equipos sufriron auténticas desfeitas en algunha das xornadas da competición, deixando pasar a oportunidade de sumaren unha valiosa cantidade de puntos, e vendo como os seus competidores aproveitan a oportunidade para tomaren vantaxe na clasificación xeral.

O primeiro equipo que caiu no pozo da parte baixa da Liga Eusko Label foi GO fit Hondarribia, que sorprendentemente, despois de ter saído vitorioso na primeira xornada da IV Bandeira Cidade da Coruña e postularse como principal candidato a levar para a casa a primeira bandeira da tempada, ficou na última posición na segunda xornada do encontro coruñés. Lonxe de se er nun feito aillado, os de Mikel Orbañanos voltaron levar un golpe na fin de semana seguinte na VIII. Bandeira CaixaBank ao ficaren na novena posición e cederen, por segunda xornada consecutiva, unha cantidade importante de puntos con respecto aos seus rivais. Despois destes dous golpes, os bidasoarras ficaron fóra dos postos que dan acceso á quenda de honra, e non foi até esta segunda xornada da Zarauzko Ikurriña, na que a ‘Ama Guadalupekoa’ voltou aos postos de honra da clasificación xeral.

Na xornada desputada en Donostia, Zierbena Bahías de Bizkaia sufriu o que foi, polo momento, o único despiste dos ‘galipo’ desta tempada, sendo oitavo, na que está a demostrar ser un dos equipos máis regulares da parte alta da competición e nas últimas semana trae unha traxectoria ascendente. Na XXXVII Bandeira Petronor, cuarta xornada da competición, chegoulle a vez a Orio Arraunketa Elkartea que rematou no oitavo lugar, resultado que despois repetiu en Lekeitio, logo dunha regata en Zierbena na que non deu pasado do último lugar na quenda de honra e perdeu espazo na súa persecución ao líder da Liga Eusko Label nese momento, Santurtzi Transportes y Grúas Aguado.

Precisamente o actual líder da loita pola Coroa CaixaBank foi un dos equipos que sufriu os altos e baixos máis salientábeis da tempada. A ‘Sotera’ chegaba como líder indiscutíbel á XXXV El Correo Ikurriña e todo facía pensar que os de Iker Zabala voltarían loitar pola vitoria na xornada biscaína. Nada a ver co que aconteceu. Os de Santurtzi caíron até a décimo primeira praza da clasificación da regata e cederon a primeira posición da táboa na que mandaban cunha ampla vantaxe. No domingo a seguir, en Ondarroa, Santurtzi Trasnsportes y Grúas Aguado voltou tropezar e clasificouse no noveno lugar logo de ter gañado a xornada anterior en augas de Hondarribia.

Bermeo Urdaibai Avia, malia un comezo de tempada dubidoso, está a dar un rendemento impresionante e copou durante varias xornadas a primeira posición da tempada. Mais o tremor que se desatou na primeira xornada da Zarauzko Ikurriña golpeou de cheo e concluiu co peor crono do sábado, posición que non ocupaba dende a afastada terceira xornada da tempada 2006, onde os ‘txo’ foron últimos na Plentziako XVIII. Ikurriña.

Outro ao que lle vai custar esquecer o dobre encontro zarauztarra é a Donostiarra Amenabar, que chegaba a este último fin de semana de competición como o equipo máis regular da parte alta da táboa. Os donostiarras non baixaran da quinta posición en ningunha das xornadas da tempada da Liga Eusko Label. Pero esta fin de semana iuse no máis negro da curta mais exitosa historia do equipo guipuscoano na máxima categoría do remo, encadeando dous décimos postos en augas de Zarautz.

Como podemos ver, ningún dos aspirantes a campión está exento de fallar nesta tempada, e isto é o que está a facer desta edición 2020 da Liga Eusko Label unha das máis intensas e impredecíbeis dos últimos anos. Razón pola que cada xornada na loita pola Coroa Caixabank ten un resultado descoñecido e difícil de adiviñar.

Voltar