Novas 2012

ENTREVISTAS

11 Set 2012

"SOMOS UN CLUB HUMILDE, PERO IMOS A POLO ASCENSO"

"SOMOS UN CLUB HUMILDE, PERO IMOS A POLO ASCENSO"

Diego Portela, vicepresidente de Amegrove Travel Viabús

Xa tardaba Amegrove en intentar dar o salto. Gañador da Liga Galega de Traíñas, leva uns anos coa proa por diante entre os mellores do remo galego. E agora é o momento de intentalo. “O remo en Galiza ten nivel”, asegura Diego Portela, e sabe do que fala: leva 26 anos en Amegrove, onde rema, onde foi adestrador e actualmente participa tamén na directiva como vicepresidente. Ademais é o presidente da LGT dos últimos tres anos. Home de club, máis interesado nas traxectorias firmes que nos resultados puntuais, está ilusionado porque, aínda que prudente, confía nas posibilidades do seu equipo.


Levas anos traballando por prestixiar o banco fixo en Galiza, como ves a evolución?
A creación da LGT foi un paso moi importante, non andar como antes polas festas. E nos últimos tres anos foi moito traballo e houbo que arriscar, pero saíron moitas cousas para adiante: seguir mantendo patrocinadores, conseguir máis premios, manter dúas ligas... Agora mesmo o remo galego está a facer as cousas ben. Igual nin nós mesmos valoramos todo o que temos, pero estamos moito mellor do que estabamos hai seis ou sete anos. E hai nivel deportivo; certos clubs están sempre aí marcando unha liña, dende a filosofía de traballo de base, que aquí é o que temos.

Como presidente da LGT, veste co corazón dividido de ascenderdes à ACT?
Dame un pouco de morriña deixar a Liga, agora gustaríame desfrutar nela. Pero eu sempre fun umha persoa de club, e se o club agora quere dar este salto, pois adiante.

Que suporía para vós o ascenso?
O ascenso supón ver a Amegrove entre os grandes, que é o que sempre quixen. E para todos, agora mesmo, supón ver o resultado de moitos anos de traballo. Os últimos cinco anos foron un traballo importante, os primeiros dous anos estiven eu de adestrador e agora levamos os tres últimos con Cambados. Traballamos para o fortalecemento do club, falamos coa xente da vila, metéronse rapaces novos. A directiva fixo un traballo moi bo. Tamén che digo que sen un presidente como Fandiño, que vai por aí contaxiando ilusión isto non sería o que é. E sen un patrocinador como Amegrove, que nos apoiou sempre, desde a fundación, tampouco.

Nos dous anos anteriores renunciachedes a intentalo, que pasou este ano?
Pois que os rapaces levan tres anos gañando aquí, e se queren máis, hai que llo dar. A min dame moito medo, levo 26 anos e coñezo este club como a miña casa. Economicamente vai ser unha loita diaria. Pero se forzamos a máquina así é porque temos un grupo humano tan unido e tan bo que está disposto a remar sen cobrar nada. Aquí só repartimos os premios, e mesmo se houbera que mercar algo, a xente está disposta a usar os premios para mercar material. O que sexa.

Xa intentarades ascender en 2005.
No 2005 foramos disputar un play-off a Castropol, fomos ilusionados, pero había máis ilusión que nivel. Agora é querer dar o paso en firme. A xente na rúa está sorprendida: pero a onde ides? Viaxe tras viaxe? Había que tomar unha decisión e decidiuse. Aínda que por agora só imos ao play-off, imos intentalo, pero non está nada feito.
 
E como vai a posta a punto, porque o remate de Liga, con victoria na casa foi espectacular.
O equipo a última semana de agosto estaba para disputar calquera regata, estabamos ben, frescos e cos motores engraxados. Agora levamos duas semanas de parón, así que a ver como responde a xente. O de que non nos covidaran á Concha foi un golpe, porque psicoloxicamente deixou rotos aos mozos, sentímonos menosprezados. E agora, pois con máis ganas de pelexar.

Ides estrear o platanito no play-off?
Estamos probándoo, hai posibilidades de que vaiamos no platanito, hai posibilidades de que vaiamos na Pabliño, e pode ser que vaiamos un día nunha e outro noutra. Iso non o temos claro. Na Pabliño imos quince e iso é importante.

Como se ve o mar de Bermeo dende a ría da Arousa?
Bermeo é un campo moi dificil para nós, nós non temos ese mar aquí, e quizais sexa máis duro, especialmente sendo unha contra-o-reloxo. Pero cando nos metemos nesta aventura xa sabiamos cales eran as regatas: telas marcadas con antelación e saber cando e onde van ser é moi positivo. Así a xente ten máis tempo a preparar as cousas.

Sodes un dos favoritos.
A chave deste club sempre foi a humildade, preferimos non ser favoritos. Zumaia Altuna y Uría está na ACT e xa ten a praza, hai que sacarlla e por agora é deles. E aí está Orio Babyauto, que fixo un equipo para ascender, se non o conseguira sería un fracaso. Así e todo, sabemos que temos posibilidades. Nós vamos a subir, aínda que tivemos algunhas dificultades para adaptarnos. Temos un plantel amplo e xente propia de cara o 2013, pero para este ano estamos atopando algúns problemas que non contabamos. Con todo, imos a dar o callo.
 

Voltar