Novas 2013

ENTREVISTAS

09 Set 2013

"SOMOS UN CLUB DE CANTEIRA; SUBIR Á LIGA SAN MIGUEL TERÍA UN MÉRITO ENORME"

"SOMOS UN CLUB DE CANTEIRA; SUBIR Á LIGA SAN MIGUEL TERÍA UN MÉRITO ENORME"

Iñaki Goikoetxea ‘Xagua’, patrón de Lekittarra BM

Iñaki Goikoetxea Xagua está ante o reto que andaba buscando desde hai tempo (Lekeitio, 34 anos): o play-off de ascenso para conseguir remar na Liga San Miguel. Xagua coñeceu de perto a época na que a Lekittarra estivo na elite, o ano 2005, e aínda que recoñece que na ARC-1 disfrutou o seu, pensa que no club e no municipio se intúen ganas de subir un chanzo. Teñen fe na primeira regata do play-off, en Bermeo: mar aberto, onda de costado, e un campo de regateo amigo para eles.

 

Mantivestes unha loita pechada con Santurtzi na AEC-1 para acadar o 2º posto, mais conseguistelo. Que ambiente se respira no club e na vila, en vésperas de se disputar o play-off?

Os afeccionados déronnos un apoio enorme. Nas boas épocas, aplausos, e nas malas ánimos. Non houbo queixas sobre a nosa actuación. Non sentimos presión. En Lekeitio o remo é sagrado, pero os afeccionados son deses que non presionan.

 

A vosa tempada rematou o 24 de agosto, tres semanas antes que o play-off. Como o preparastes? Fíxosevos longa a espera?

Non. A tempada non foi moi esixente, porque foron 12 regatas. Nestas tres semanas realizamos algo parecido a unha pretempada. En Lekeitio, en mar aberto, en Lutxana na ría… Foron as festas patronais, puidemos enredar un pouco, e os días pasaron lixeiros.

 

A vosa tempada foi boa, e de ascenderdes de categoría, un logro impresionante. Pero e de non ascenderdes?

Pois seguiremos traballando na ARC-1. A todos nos gusta remar ao carón das mellores traíñas, pero tamén somos conscientes de que tipo de club somos, de canteira. Eu disfrutei un mundo na ARC-1. Completamos un ciclo de 5-6 anos bonito, e agora veu o premio de poder disputar o play-off. Hai clubs que traballan de outra xeito, con fichaxes e demais. Nós non. Non critico ese xeito de traballar, pero opino que lograr o ascenso sendo un club plenamente de canteira ten máis mérito que facelo a base de fichaxes.

Como ves o play-off? Parece que Zierbena está un chanzo por riba dos demais, non é?

Si, demostrouno durante toda a tempada. Gañou sete regatas da ARC-1, e gañou o campionato con comodidade. Na clasificatoria da Concha sacou vantaxe ás outras catro con unha renda importante, e pódese dicir que a priori un dos dous postos en disputa será para eles. Teñen bastantes remeiros con experiencia na ACT, e iso a longo prazo nótase moito. Penso que entre as outras catro traíñas haberá unha pugna interesante. Meira estivo nos nosos tempos na Concha, e no Campionato de España clasificouse bastante perto de Tirán. Pode ser que as galegas non se afagan tan ben coma nós ao mar aberto, pero Zumaia, no seu caso, non ten esa eiva. O play-off está moi aberto.

 

Falastes dos tempos da clasificatoria da Concha. Pensas que os tempos desa regata son unha referencia válida para o play-off?

Si, de certeza, porque alí ninguén saiu a pasear. Sairía mellor ou peor regata, pero alí as que saíron foron para dalo todo. Meira estivo toda a semana por Donostia, e quen fai iso non é para levar a clasificatoria a broma. Tamén é certo que non hai seguridade de que o sucedido na Concha vaia repetirse exactamente no play-off.

 

Lekeitio e Bermeo están perto un do outro, coñecedes o campo de regatas moi ben. É por iso que moita xente aposta ao voso favor.

Ben, é certo que nós somos un club afeito a adestrar en mar aberto. Somos de Lekeitio, e alí só hai mar, non hai ría onde poder adestrar. Se o miras desde esa perspectiva, é cierto que a primeira regata, a de Bermeo, benefícianos. Mar aberto, onda de costado… É certo que quen faga boa regata en Bermeo obterá unha vantaxe psicolóxica, collerá confianza. Así e todo, hai que facer dúas boas regatas, porque se remas ben en Bermeo, e mal en Portu, non hai que facer. Cómpre facer dúas boas regatas, unha en mar aberto, e outra na ría, se se quere conseguir o ascenso.En Portu remaremos contra o reloxo, mais dende o primeiro que saia até o derradeiro pasarán catro ou cinco minutos, e nese intervalo poden mudar as condicións da ría.

Voltar