Novas 2012

COMPETICION

03 Xul 2012

"SERÁ COMPLICADO MELLORAR OS RESULTADOS DO ANO PASADO"

"SERÁ COMPLICADO MELLORAR OS RESULTADOS DO ANO PASADO"

Olatz Aldalur e Argia Balentziaga, patroas da traiñeira Getaria-Tolosa

Aldalur é moi nova, 20 anos, e de Ibarra (Gipuzkoa). Balentziaga é de casa, de Getaria (Gipuzkoa), e ten 36 anos. Realizan un repaso do remo feminino e a Liga Euskotren, en vésperas do comezo da competición.

 

Resulta rechamante que un club o formen un pobo da costa, Getaria, e outro do interior de Gipuzkoa, Tolosa. Cal é a explicación?

Olatz Aldalur: Ben, é sinxelo. O primeiro ano uníronse Getaria e Zumaia, e Tolosa sacou a súa propia embarcación. O club Oriako deixounos unha traíña, eramos un grupo suficiente de rapazas, e para adiante. O segundo ano Zumaia seguiu o seu camiño soa, e Getaria non tiña medios para facer o mesmo, polo que se xuntou con Tolosa, que lles sucedera o mesmo. Uníronse os intereses de dous clubs coas mesmas necesidades.

 

O de Getaria pódese entender, pero o de Tolosa... Cantas remeiras son dese concello?

Olatz Aldalur: Hoxe en día cinco ou seis rapazas. En anos anteriores eramos máis rapazas.

 

E onde remades en Tolosa?

Olatz Aldalur: Pois no río Oria. Hai uns anos non tiñamos nin vestiario para cambiarnos, hoxe en día si, e imos facendo camiño pouco a pouco.

 

Como empezaches a remar?

Olatz Aldalur: Cando estaba na ikastola o meu profesor era o remeiro Gaizka Garmendia, de Pasai San Pedro, e o meteume a inquedanza. Tiña 12 anos e preguntoume se quería aprender a remar, ser patroa. Ata hoxe.

 

Porque patroa?

Olatz Aldalur: Porque non tiña capacidade para ser remeira. Era moi pequena, pouco peso, e moi pouca forza.

 

Cales son as vantaxes e desvantaxes de ser patroa?

Olatz Aldalur: Primeiro de todo, que cando os resultados acompañan, ser patroa é unha gozada. A responsabilidade é grande, e con bos resultados créceste. A desvantaxe máis importante, que unha patroa pode perder a regata con malas decisións, e non hai escusas ás que recorrer.

 

Que tal se che dá mandar unha cuadrilla de 10-12 rapazas con tan só 20 anos? Non é duro?

Olatz Aldalur: Si, pero xa lle collín o truco. Xa é o cuarto ano que son patroa en Getaria-Tolosa, e vas aprendendo. Ao principio, cando tiña 16 anos, pensaba cousas como “que lles vou dicir eu a persoas moito maiores ca min”, pero axudáronme moito, e ao final son as compañeiras as que che piden que lles deas ordes.

 

Que é o máis complicado do teu labor?

Olatz Aldalur: Ter a cabeza fría, e evitar que o pesimismo cale nas compañeiras. Sobre todo, manterte firme, aínda que as cousas non vaian ben.

 

Cal foi a clave para que o ano pasado vencésedes a Liga Euskotren, a pesar de que Galicia era clara favorita?

Argia Balentziaga: É por todos recoñecido que fisicamente son máis fortes, mulleres máis maduras. De 26-28 anos, e nós máis novas. Ademais son a selección de Galiza, reman as mellores daquela rexión, e algunhas das mellores remeiras doutras rexións de España.

 

E sendo campioas, cal é o obxectivo agora?

O. A: Intentar gañar o máximo número de bandeiras, e ao mesmo tempo intentar meter xente nova no bote facendo rotacións.

A. B: Houbo unha grande evolución no remo feminino. Hai uns anos a xente mirábanos e dicíannos cousas como “mirade esas pobres, canto van sofrer” . Hoxe en día creo que nos ven como deportistas ben formadas. Sen querer menosprezar o feito no pasado, creo que o traballo que realizou Getaria-Tolosa para mellorar o remo feminino foi moi bo. Quizais a diferenza é que neste club a mellora foi nun prazo de tempo curto, máis rápido que noutros clubs. Adaptámonos como club moi rápido, e o club creceu moito. A tempada pasada só perdemos unha regata! Mellorar o do ano pasado non vai resultar doado.

 

Séntese a presión de ter que mellorar continuamente?

A. B: Eu asusteime un pouco o ano pasado, con tanta esixencia...

O. A: Este ano tivemos bastantes baixas de titulares, catro ou cinco, pero as que chegaron tampouco son mancas. Aínda non participamos en ningunha competición, e parece como que hai unha percepción, unha corrente de opinión por parte da xente que di que non imos estar ao nivel do ano pasado.

A. B: Na miña opinión vainos vir ben esa opinión para intentar deixar a un lado esa presión.

 

Sentídesvos favoritas?

O. A: Eu polo menos non. Pasounos, vencer cunha diferenza de tres segundos, e preguntarnos “como é que non lles sacastes 15 segundos?”. Os contrarios tamén reman, e ben. Todos os clubs melloran. Nós e as demais. Non me gusta esa sensación que di que temos que gañar si ou si.

A. B: Estar diante é ser favorito= Estou de acordo co que dixo Olatz.

 

Tedes a tranquilidade de ter praza fixa na Liga Euskotren, grazas á vitoria da pasada tempada.

O. A: Permitiunos facer a preparación cun pouco máis de tranquilidade. Vese que outros clubs teñen mellor remada ca nós a estas alturas, pero nós temos unha semana máis para traballar.

 

Quen van ser as vosas contrarias?

O. A: Ben, parece que San Juan estivo a bo nivel nas competicións celebradas ata agora, e é de esperar que Galicia tamén estea a bo nivel.

 

Zumaia está tan só a catro quilómetros. Hai pique entre os dous concellos?

O. A: Na miña opinión non. Quizais o primeiro ano si. Entre as rapazas creo que non.

 

E a xente de Tolosaldea, adoita vir a apoiarvos nas regatas?

O. A: Si, pero se viñesen máis persoas e a máis regatas, tampouco pasaría nada.

 

É o remo un oficio co que poder sacar a vida adiante?

O. A: Non, nin moito menos, e teño serias dúbidas sobre se algún día iso chegará a suceder. O remo masculino ten máis audiencia, máis atención mediática, e estamos aínda moi lonxe, a pesar de que se mellorou. Estamos a traballar día a día, e hai que dar continuidade ao camiño que iniciamos para que non se interrompa. O importante é seguir dando pasos, por pequenos que sexan.

A. B: O primeiro paso é aceptar a situación. O remo masculino é máis espectacular que o noso, porque son máis fortes, pero aínda se está a profesionalizar. Vemos a miúdo, nas regatas masculinas, que entramos á auga, e moitos mírannos de arriba abaixo, como dicindo “pero onde van esas?”. O noso obxectivo é chegar ao noso límite físico, aceptando que nunca conseguiremos ter o nivel dos rapaces.

 

Que supuxo para vós que se organizase a Liga Euskotren?

O. A: Un paso moi importante para mellorar a competición. Hai dous anos non se deu moi boa imaxe con aquel rebumbio do empate, pero bueno.

A. B: Apoio. Aínda e todo, necesitamos apoio de máis xente e máis institucións, se queremos avanzar. E outra cuestión. Queremos competir coas mesmas normas e regras que o remo masculino. Sucedeu, que alguén non cumprira as normas, e oír “deixádelles competir, que son rapazas”. Non. Tampouco queremos iso.

O. A: Hai días que adestramos moitas horas, e logo ter que escoitar ese tipo de cousas... No é doado.

 

Cando gañades bandeiras e demais, sentides o apoio dos afeccionados?

A. B: Nese aspecto non temos ningunha queixa. Cada vez que traemos unha bandeira a banda de txistularis de Getaria fainos un tipo de recepción e agradécennos o noso labor con algunhas pezas musicais. Para nós é importante que se fagan cousas dese estilo.

Voltar