Novas 2020

COMPETICION

25 Xul 2020

Segunda bandeira consecutiva para Urdaibai

Segunda bandeira consecutiva para Urdaibai Segunda bandeira consecutiva para Urdaibai

Grazas ás súas últimas padas da tarde, Bermeo Urdaibai Avia consegue a súa segunda bandeira consecutiva no XI Bilboko Bandera, mentres que Orio fai o mesmo na regata feminina 

Por segunda xornada consecutiva, Bermeo Urdaibai Avia grazas ao seu traballo no final puido gañar a quenda de honra da XI Bilboko Bandera, e levar así a súa segunda bandeira da tempada. Foi unha grande exhibición, na  que a Bou Bizkaia, Orio e a líder Sotera tolearon o GPS. Durante a regata, apenas houbo como máximo dous segundos de diferenza entre as tres tripulacións, mais grazas aos últimos metros, os Txos deron levado a vitoria. O tempo final de Bermeo Urdaibai Avia na meta foi de 19:27.14. Santurtzi Transportes y Gruas Aguado asinou un tempo de 19:31.98, mentres que Orio parou o cronómetro en 19:33.44. Donostiarra Amenabar, pola súa banda, non deu entrado na pelexa cos rivais da quenda de honra, e asinou un tempo de 19:46.20. Ao final puido manter o cuarto posto malia durante a regata estaren na quinta posición.

Na segunda quenda, Zierbenas Bahías de Bizkaia e Go Fit Hondarribia estiveron á par en todo momento. Primeiro foron os fronteirizos quen tomaron a dianteira, mais a partir da segunda ceavoga, os galipos foron quen tiveron o tempo do GPS a favor. Na meta, Zierbenas Bahías de Bizkaia conseguiu un tempo de 19:49.68, mentres que Go Fit Hondarribia fixo 19:55.12. Por detrás, Lekittarra Elecnor e Cabo estiveron case en toda a regata á par, pero o mellor tempo asinouno a traiñeira biscaína cun tempo de 20:09.02, mentres que a galega parou o cronómetro en 20:11.42.

Na primeira quenda, Ares dominou dende o comezo. Tomaron a dianteira dende a primeira pada da regata, e ningún dos seus perseguidores puido manter o ritmo dos ártabros. No remate, a traiñera Santa Olalla parou o cronómetro cun tempo de 20:28.34. Kaiku Vusa pola súa banda, puido remontar na segunda parte da regata, no comezo foron atrás de Ondarroa, pero na meta, cun tempo de 20:38.70 Kaiku Vusa recuperou dous puntos na clasificación con respecto a Zarautz. Ondarroa Cikautxo, pola súa banda, foron de máis a menos e na meta non deron mellorado a Kaiku, cun tempo de 20:40.50. Zarautz Babyauto, mantén un punto de diferenza con respecto ao último posto da clasificación, ao non daren sumado máis dun punto na xornada de hoxe. Cun tempo de 20:45.54, a Enbata foi a traiñeira que máis tempo precisou para percorrer o traxecto da regata na ría de Bilbao.

Orio firme dende o comezo
Das primeiras padas da II Bandeira de Bilbao a hoxe, Orio asina o seu liderado. Dende o comezo colleu a dianteira da regata, e ademais fíxoo ampliando o tempo aos poucos. Por detrás, nin Donostiarra Lacturale nin Hondarribia Bertako Igogailuak deron mantido o ritmo das líderes. Así, Orio marcou un tempo na meta de 10:44.84, un tempo inmellorábel para as Donostiarra Lacturale, que fixeron 10:57.02, mentras que Hondarribia Bertako Igogailuak finalizou a regata en 11:07.22. Donostia Arraun Lagunak, pola súa parte, non puido participar na regata de hoxe.

Mañá en Lekeitio
Mañá as competicións transladaranse a augas de Lekeitio, onde na Liga Eusko Label se desputará a XXXV El Correo Ikurriña - BBK Sari Nagusia, mentres que na Liga Euskotren, estará en xogo a IX. Bandeira Euskotren. 

Voltar