Novas 2012

COMPETICION

13 Xul 2012

"SE ACERTAMOS A UNIR HUMILDADE E AMBICIÓN, ANDAREMOS BEN"

"SE ACERTAMOS A UNIR HUMILDADE E AMBICIÓN, ANDAREMOS BEN"

Jon Salsamendi, adestrador e remeiro de Astillero

Jon Salsamendi atende ao teléfono tralo adestramento do xoves, e unha vez recollidos os trastes (Orio, Gipuzkoa). Opina que é demasiado cedo para facer balances, que haberá que facelos unha vez voltos de Galiza, mais que están onde deben, na 2ª quenda. "Temos ambición para estar máis arriba, pero de momento non se pode, as seis primeiras están lonxe, e aceptar esa situación faranos ben".

 

Astillero está actualmente no sétimo posto da Liga San Miguel. Conforme?

Ben, creo que é cedo para facer balances. Antes de comezar a competir dixen que habería que esperar a volver de Galiza para facer balances, que catro regatas non son suficientes para saber se fixeches ben o traballo ou non. Aínda e todo estamos conformes. O obxectivo era deixar atrás os dous últimos postos, asentarnos na 2ª quenda, e estámolo a facer. De tódolos xeitos, convén ser cautos. É recomendable ter en conta o que lle pasou a Zumaia. Dúas malas regatas e ao burato. Pódenos pasar a calquera, e máis en Galiza, onde a sorte é un factor importantísimo. Se volvemos de alí tal e como estamos agora, estupendo.

 

Está claro que esta tempada andades peor que o ano pasado. Que pasou?

Pois que a realidade do ano pasado e a desta son diferentes. Non hai máis. O ano pasado vogamos na quenda de honra, mesmo fomos líderes algúns días, para despois finalizar a liga en 7ª posición. O inverno e a primavera foron moi duros, dos máis duros que coñecín. Tivemos que cambiar case a medio equipo, de babor todos menos un. Tivemos pouca xente para os adestramentos, e o noso potencial diminuíu. Aínda e todo, non nos conformamos. Se dicimos que un 7º posto é bo, é porque a realidade é esa, non para quitar presión e demais. Somos unha cuadrilla de xornaleiros que está disposto a recoller froitos en calquera momento, pero asumindo a situación na que estamos.

 

E que tal se leva nun club de avoengo como Astillero ter obxectivos máis humildes? Que ambiente se respira no pobo?

Adaptarse é duro, sobre todo cando o fas de arriba para abaixo. Cando a roda do éxito comeza a rodar parala non é sinxelo. En inverno perdemos a Luciano Prego, en primavera a Leandro Salvagno. Se sabes que iso vai suceder, prepáraste para buscar algunha solución, pero se son situacións que veñen sen avisar, é imposible buscar algunha saída. Empezas a tempada cunhas intencións, pero veste obrigado a moldeala... O camiño máis curto é recoñecer a túa realidade, e así llelo fixemos saber á afección. Miremos a Orio, que creo que é un gran exemplo do que pode pasar se non aceptas a túa realidade. Un dos clubs máis importantes da historia, subcampión da Liga San Miguel hai dous anos, e nun ano perde a categoría. Na miña opinión porque non aceptaron que os malos resultados eran a súa realidade, e despois afundíronse. Se a un dos máis grandes lle pasou iso, pódelle pasar calquera, tamén a nós. Humildade e ambición, esas son as miñas receitas. Humildade para ver onde estamos. Ambición para seguir mellorando. Se unimos os dous, andaremos ben, porque divertirémonos remando, e iso é fundamental.

 

Que destacarías da Liga San Miguel neste comezo?

Se me preguntases hai tres semanas diríache que Kaiku Ambilamp era a favorita. Porque é o actual campión, e porque ten un equipo máis completo que o ano pasado. Que Hondarribia Orsa, Urdaibai Umpro Avia e Tirán Pereira estean arriba non é unha sorpresa, pero si que os verdes gañaran tres de catro bandeiras. Felicidades para eles porque están a remar de marabilla. As dúas pasaitarras tamén andan forte, e a partir de aí creo que se abre un burato coa seis últimas.

 

Moitos expertos opinaban antes de que empezase a Liga San Miguel que as tres cántabras ían estar entre a seis últimas, e por desgraza no voso caso, parece que acertaron.

Por desgraza non, eu tamén faría a mesma análise. Máis pesimista se tivese en conta os resultados que conseguimos as tres embarcacións nos descensos de inverno. Diría que remariamos na primeira quenda. Hoxe, non estamos tan lonxe.

Voltar