Novas 2016

ESPECIAL

19 Ago 2016

Rumbo á parte final da Liga San Miguel

Rumbo á parte final da Liga San Miguel

A Hondarribiko XXIX. Bandeira – GP Mapfre e a IV Bandeira CaixaBank son os encontros en xogo este fin de semana

A Liga San Miguel enfía xa as últimas datas do calendario coa desputa este fin de semana da décimo cuarta e décimo quinta xornadas da tempada, onde se porán en xogo a Hondarribiko XXIX. Bandeira - GP Mapfre mañá ás 17.30 horas e a IV Bandeira CaixaBank o domingo a partir das 12:00 horas en augas de Castro Urdiales.

Unha batalla pola Coroa CaixaBank que chega máis intensa que nunca xa que entre NT2 Hondarribia e Urdaibai Avia, nestes momentos, apenas hai un punto de diferenza. Mais a igualdade non fica apenas aí, xa que no resto da clasificación aínda hai moitos frentes abertos e estes puntos serán os que marquen a consecución ou non dos diferentes obxectivos de cada equipo. A loita polo Trofeo CaixaBank ao Mellor Patrón tamén está moi aberta con Unai Osa como líder, pero seguido a un punto por Gorka Aranberri, Endika Pérez e Alfonso Díaz.

Como novidade de cara este fin de semana, á marxe do horario do encontro de mañá en augas hondarribiarras que se adianta media hora co fin de que a marea non sexa condicionante para o transcurso de ningunha das quendas, cómpre lembrar que desde este fin de semana as quendas tanto do sábado coma do domingo irán marcadas en base á clasificación xeral da Liga San Miguel. Así, mañá na primeira quenda vogarán Zumaia, Portugalete Eulen, Zierbena Bahías de Bizkaia e San Pedro; na segunda, Cabo, Astillero, Orio Babyauto e Tirán Pereira; mentres que na quenda de honra estarán San Juan Iberdrola, Kaiku Producha, Urdaibai Avia e NT2 Hondarribia.

Seguindo co encontro de mañá, nas 14 edicións desputadas até hoxe na máxima competición, o abano de gañadores ten sido amplo: Astillero, Mecos, Cabo, Urdaibai Avia, Orio Babyauto, Kaiku Producha e NT2 Hondarribia. Precisamente os locais o ano pasado impuxéronse con un rexistro de 19’36”42, seis segundos mellor que Urdaibai Avia. Unha ‘Bou Bizkaia’ que é o equipo que historicamente máis veces gañou no acoutado hondarribiarrra desde que foi creada a Liga San Miguel, impoñéndose en catro ocasións.

No que aos rexistros se refire, o mellor tempo, até o de agora, no encontro hondarribiarra foi para Urdaibai Avia en 2008 con unha marca de 19'21”89. Fóra da Liga San Miguel, cómpre lembrar, que Kaiku Producha levou a vitoria nun Campionato de Euskadi con un tempo de 19’16”84. En canto á diferenza entre os dous primeiros clasificados, a menor diferenza aconteceu no 2009 cando a regata se decidiu por apenas sete décimas a favor de Orio Babyauto, deixando en segundo lugar a Castro. No 2015, Urdaibai Avia conseguiu unha amplia diferenza de 15"88 en liña de meta sobre a traiñeira local, convertíndose así na maior diferenza entre os dous primeiros clasificados.

Coa desputa da xornada do sábado, a Liga San Miguel dará por rematada a súa andaina por augas guipuscoanas, polo que restarán apenas un encontro cántabro e catro biscaínos. O domingo a competición trasladarase a augas de Castro Urdiales para desputar a IV Bandeira CaixaBank. Un acoutado, o da enseada de Brazomar, ao que a Liga San Miguel non acudía desde 2013, ano no que Kaiku Producha se impuxo con un tempo de 20’40”94 na Bandeira Flaviobriga, obtendo unha mínima renda dun segundo frente Tirán Pereira e Astillero. No que foi o terceiro encontro da Bandeira CaixaBank, que o ano pasado se desputou en Pasaia, a vitoria foi parar a NT2 Hondarribia, repetindo deste xeito o triunfo obtido no 2014. 

Voltar