Novas 2013
ENTREVISTAS
28 Xu˜ 2013
"QUERIAMOS COMEZAR ENTRE AS CATRO MELLORES, E NISO ESTAMOS, PERO OS DE DETRÁS ANDAN PERTO"
Osertz Alday, remeiro de Hondarribia-Orsa
Polas veas de Osertz Alday corre sangue e historia (Hondarribia, 36 anos). Leva 26 anos de remeiro, todos no mesmo club, o da súa vila natal: a Ama Guadalupekoa de Hondarribia. É un dos máis veteranos do barco dos verdes, e facendo unha paréntese no seu labor docente, relatou á web www.ligasanmiguel.com as súas vivencias. As de dentro do barco, e as de fóra.
Levas 26 anos na traíña, é moito tempo. Se miras para atrás, que che ven á cabeza?
Véxoo como unha evolución. Comezas de novo, e case sen decatáreste convírteste en remeiro. A vida segue, e aínda que moitas cousas mudan (material, a xente, a preparación, o lugar onde adestramos), a nosa cor e o río Bidasoa seguen a ser os mesmos.
Non sintes desgana, cansanzo, despois de tantos anos?
Son profesor, chego á casa sobre as 5, despois adestrar… Hai pouca xente que poida vivir do remo, ou que só teña que remar. É verdade que pouco a pouco vaite comendo, consumíndote, pero eu adoro o remo, desfruto, e compénsame. Penso que cando deixe de ser remeiro seguirei no club, porque hai cousas que facer.
Innegábel o mérito que tendes: 11 meses de adestramento, sen vacacións…
Si, e sen moita opción para desfrutar cos amigos, ter que coidar a dieta… Moita xente pensa que só adestramos no verán, e nada máis lonxe da realidade.
Sempre en Hondarribia. No tes tido tentación de mudar, de probar en algún outro club?
Non. É fundamental entender en que club estás, que ambiente hai nese club. O remo non é só competición, hai máis valores, relacións que xurden porque pasas moitas horas coa mesma xente. Se hai bo ambiente fomentas uns valores, e séntente á vontade. Cando comecei na categoría senior, na traíña B, acababamos a tempada en agosto, e nun par de anos continuamos remando en Lekeitio. Polo demais, sempre en Hondarribia, e tendo en conta o pouco que me queda, creo que me hei retirar aquí.
Un di Hondarribia, e percíbese unha sensación de equipo humilde, tradicional, que traballa coa canteira… É así?
De inicio, diría que estamos bastante aillados, físicamente.O club máis próximo de elite é Pasaia. Hai xente que está afeita a facer as cousas ben: adestradores para a mocidade, directiva… iso crea unha idiosincrasia, identidade especial, e se es de Hondarribia e estás á vontade nesa atmosfera, o camiñ está marcado. Moito máis se os resultados acompañan. Eu valoro moito as relacións persoais, tanto ou máis do que o ámbito deportivo, e en Hondarribia estou á vontade.
Canto mudou o remo no último medio século…
Mudou, tanto en Hondarribia como en xeral. O remo evoluiu moito. Nos últimos anos houbo entrada de diñeiro, na liga e nos clubs, e iso tivo a súa influencia. O material mudou unha barbaridade, a preparación tampouco ten nada que ver coa de fai dúas décadas. Hoxe en día trabállanse todos os detalles, a igualdade aumenta, e a competencia é extrema, para ben do remo. No que respecta á organización, ao campo de regatas e demais, mellorou. Diríase que cada un no seu ámbito tratou de facer as cousas o mellor que puido.
Comentas a igualdade. O acontecido na regata de Barcelona, exemplo perfecto.
Estamos moitos equipos aí diante. Quizais Urdaibai Umpro Avia e Kaiku Ambilamp están un chanzo por riba, mais por detrás hai pouca distancia entre moitos botes. A liga San Miguel non fixo nada máis que comezar, e non se poden tirar conclusións. Se preguntas polos favoritos, ninguén che dirá un só nome, quizais 4 ou 5, e iso para min é bo.
Como vos quedou o corpo unha vez rematada a regata de Barcelona?
Antes de comezar a remar tiñamos moitas dúbidas, cousa normal. O reto era entrar entre as catro primeiras, e lográmolo. A volta, así e todo, non foi perfecta. Cumpriuse o obxectivo, pero o 7º clasificado entrou na meta a poucos segundos. Calquera erro pode resultar decisivo. Ficamos conformes.
É Hondarribia-Orsa favorito para gañar a Liga San Miguel?
Nunca fomos un club que teña feito grandes previsións de victorias. Nunca dixemos imos gañar isto ou aquilo. Hai equipos moi potentes. Sabemos que somos quen de gañar a liga, mais quere iso dicir que a imos gañar? Sabemos que se facemos ben o traballo, se a traíña vai rápida, podemos dobregar a calquera, pero as outras traíñas tamén poden facer o mesmo connosco. Fan falla regularidade e un chisco de sorte: ondas, mar, vento… Podemos gañar a liga, mais cómpre facer todo moi ben.
Parece que Hondarribia-Orsa é o segundo club de moitos afeccionados, que sodes un club aprezado en outros lugares. Por que?
Nós dámoslle prioridade á proximidade, a saber gañar, e a saber perder, quizáis sexa por iso. Pode ser tamén porque antes de que Mikel Orbañanos chegara a Hondarribia eramos un club humilde. Agora gañamos máis bandeiras, e non sei se as afecciones de outras vilas nos apoiarán tanto.
A remada de Hondarribia encheu centos de follas de prensa, ondas de radio e imaxes de televisión. Por que?
Cada adestrador ou club ten unha remada de seu. Hondarribia tiña un estilo concreto, pero coa chegada de Orbañanos evoluiu a mellor. Durante anos estabeleceuse un xeito de remar, un bloque, e iso axuda moito. Orbañanos é un adestrador que ten as cousas claras, que sabe como transmitir as cousas, e esa remada especial é consecuencia de ese xeito de traballar. Cal é o segredo? O xeito de traballar. Adaptámonos moi ben a ese modelo de traballo, e temos plena confianza.
Es ankeko (proeiro), un dos postos máis importantes da traíña. Como levas esa responsabilidade?
Ben, a responsabilidade compártese, non é que eu teña máis responsabilidade que outro ou viceversa. Por suposto, Orbañanos é o máximo responsábel, pero non ten problemas para o facer, para dirixilo. Non teño unha responsabilidade especial no bote, e tampouco a reclamo. Tento aprender aos novos, pero non diría que son un referente. Só un remeiro máis. Ninguén se sinte imprescindíbel na traíña, e iso reforza o traballo en equipo.
O tue irmán pequeno Manex rema no mesmo barco, malia ter 14 anos menos ca ti. Como levas esa situación?
É unha situación especial. El comezou a remar cando eu xa estaba no primeiro equipo, pero claro, non quería obrigalo a que remara, aínda que eu quería que pasara por iso. Máis que un irmán, Manex para min é como un fillo, temos unha relación pai fillo. Cando comezou, fíxoo como timonel, e para min foi duro, moita responsabilidade. É moi forte, penso que será un bo remeiro, e canda el Julen Castrillón e Iker Amador. Poder remar canda o teu irmán é o máximo para min. Gañamos a bandeira de casa xuntos, e desfrutei abofé.
A quenda de honra de Laredo preséntase espectacular, non si?
Si, e a 2ª quenda tamén. Para vela será bonita, para remar xa non o sei.