Novas 2018

ENTREVISTAS

29 Mai 2018

"Pelexarmos con uñas e dentes na segunda quenda"

"Pelexarmos con uñas e dentes na segunda quenda"

Benigno Silva, adestrador de Cabo, falounos sobre as importantes mudanzas que sufriu o seu plantel, e máis do principal obxectivo desta tempada

O comezo cada vez está máis perto e os clubs están ultimando os detalles para chegaren ao primeiro encontro da Eusko Label Liga 2018 no seu máximo nivel. Benigno Silva, adestrador de Cabo, tamén quere isto para os seus mozos e sabe que os pequenos detalles faran a diferenza.

A campaña pasada non foi fácil para este club galego; “a tempada pasada foi unha tempada difícil, estivemos no fio da navalla moitas veces”. Isto levounos a reflexionar e a tomar unha serie de decisións para reforzar o equipo. “Como é que queremos estar na Eusko Label Liga? Xogando no final, arriscado e sufrindo tanto? Non queremos iso. Daquela entre todos puxémonos de acordo, convidamos a algúns remeiros e este ano temos cinco ou seis incorporacións de moi bo nivel que nos van aportar ese punto de calidade”.

Co respecto a estas mudanzas que sufriu o seu plantel, Benigno Silva asegura que “os números dan. Os números son moi bos, non estratosféricos, pero si que son bos números” ao que engade que “aínda falta acoplar o equipo, conxuntalo e tirarlle o máximo rendemento”. En canto á competición deste ano afirma que “na Eusko Label Liga hai que ir todas as regatas ao máximo porque en catro segundos entran 5 ou 6 equipos”. O adestrador sabe que “os que teñen un pouco máis de marxe, os catro de riba, os que están estabilizados na quenda de honra” terán outra estabilidade. “Bermeo está moi estábel, Hondarribia tamén, Orio está aí e creo que tamén Zierbena estará aí arriba”. En canto ao resto dos rivais afirma que “imos estar aí en pelotón, e o que se despiste vai caer oitavo, noveno ou décimo”.

Cabo ten un obxectivo claro e moi marcado, que van  perseguir até a última regata “o noso obxectivo é pelexarmos con uñas e dentes na segunda quenda, porque considero que temos que estar aí si ou si e sen pasar apuros na liga, aínda que haxa xornadas en que sabes que a sorte tamén xoga”. Respecto aos seus homes di que “é un equipo moi paixonal, mais ás veces cómpre ter un pouco de serenidade e tranquilidade, e creo que a xente que veu este ano vainos dar ese equilibrio”.

Voltar