ACT TV 2023

16 Dec 2023

Os clubs femininos galegos non terán garantidas dúas prazas no 2025

Os clubs femininos galegos non terán garantidas dúas prazas no 2025

Na asemblea da ACT deste sábado debatéronse varios temas ligados coas diferentes normativas das dúas competicións ademais de aspectos económicos e de xestión da Asociación.

Hoxe decorreu a 6ª e derradeira asemblea ordinaria da ACT do ano 2023. Nesta asemblea tratáronse varios aspectos ligados coa economía e a xestión da Asociación. Ademais, debatéronse varios aspectos ligados coas diferentes normativas das dúas competicións.

Foron tratados aspectos como o antidoping, a disciplina, o código de regatas, manual de organización ou a normativa da competición feminina. E é neste último apartado onde se tomou a decisión máis salientábel.

Os clubs decidiron suspender as Disposicións Transitorias Primeira e Segunda da normativa da competición feminina sendo daquela a tempada 2024 a derradeira na que dúas traiñeiras galegas teñan garantida a súa participación na máxima categoría feminina do remo de banco fixo.

Nestas disposicións garantíase a participación de polo menos dúas traiñeiras galegas na Liga Euskotren nas tempadas 2023, 2024 e 2025. Despois da decisión dos clubs, o último ano de desta medida fica anulado.

Daquela, os descensos da Liga Euskotren ficaran do seguinte xeito: a última clasificada descenderá directamente e a penúltima competirá no play-off xunto coas traiñeiras que se inscriban. Por outra banda, os clubs que ascendan serán os dous primeiros clasificados do play-off. 

Voltar