Novas 2020

ESPECIAL

30 Xul 2020

Ollando cara arriba

Ollando cara arriba

Osertz Alday, Oscar Hermo, Fran Montes e Ioseba Amunarriz tráennos a súa visión desta primeira metade de tempada na Liga Eusko Label

Onte abríamos o carrusel de avaliacións e escoitábamos os integrantes dos equipos situados agora mesmo na primeira quenda da Liga Eusko Label. Hoxe toca escoitar as opinións dos equipos que de momento están na parte media da táboa, algúns tentando fuxir dos equipos por baixo e outros a tentaren acadar os galos da competición.

Na Lekittarra Elecnor (8º / 37 puntos) poden estar moi contentos co traballo realizado até o momento pola tripulación. A día de hoxe, están moi perto de acadar a cantidade de puntos colleitada en todo o verán pasado (47), e aínda non chegamos nin á metade. Osertz Alday, adestrador do equipo biscaíno amósase contento co rendemento do equipo: “Estamos ben, a facer boas regatas”. Até hoxe foi “un xullo divertido para ver de fóra, algo máis difícil para remar e máis aínda para tirar reflexións”, recalca Alday, referíndose ao baile de posicións e á irregularidade mostrada por case todos os equipos da Liga Eusko Label. En canto á mellor regata para os seus, Osertz escolle a de Zierbena, na que saíndo na quenda de honra, foron quen de superar a equipos da súa mesma quenda.

Situados xusto na metade da clasificación xeral da Liga Eusko Label, en Cabo (7º / 49 puntos) non están de todo conformes coas sensacións obtidas até hoxe e coidan que aínda teñen marxe de mellora. Oscar Hermo, patrón dos barbanzáns opina que lles falta “ritmo e acople” ao seren un plantel nova que aínda non ten a rodaxe suficiente. A VIII Bandeira CaixaBank desputada en augas da Concha foi unha boa regata para os boirenses, “fixemos unha boa regata, o barco corría bastante e ficamos moi contentos”. En canto á segunda metade da tempada, Hermo afirma que o obxectivo é “tentar achegarnos un pouco máis aos equipos de cabeza”.

Zierbena Bahías de Bizkaia (6º / 59 puntos) é outro deses equipos que a priori non agardaba verse na situación que ostentan nestes momentos na clasificación xeral. Fran Montes, remeiro dos ‘galipo’ cóntanos que aínda están acoplando o equipo e que aínda deben “medrar como conxunto” nas xornadas restantes da Liga Eusko Label. O galego cre que “dos 6/7 primeiros equipos calquera pode gañar unha bandeira” polo que os biscaínos seguirán a tentar igualaren a marca dos últimos anos en canto a consecución de vitorias na máxima categoría do remo.

GO fit Hondarribia (5º / 66 puntos) vive esta temporada unha situación moi particular. Sendo un equipo afeito a vogar sempre na quenda de honra, e viuse relegado á segunda quenda na maioría das xornadas este verán, debido ao moi irregular comezo de tempada que o levou a gañar a primeira xornada da IV Bandeira Cidade da Coruña e a ficar na última posición na segunda xornada do encontro coruñés. Aínda así, os bidasoarras lideran o palmarés en canto a vitorias na Liga Eusko Label con tres vitorias e dúas bandeiras. Ioseba Amunarriz, patrón da ‘Ama Guadalupekoa’ califica esta temporada como “tola” e pensa que “aínda non hai nada definido, e daquí en diante seguiranse a ver sorpresas”. En canto ás mellores regatas do equipo verde, Amunarriz escolle a xornada inaugural da Coruña e a última regata desputada até hoxe, a XXXV. El Correo Ikurriña.

Voltar