ACT TV 2017

ESPECIAL

10 Xu˜ 2017

O remo vístese de Gala

O remo vístese de Gala

O Kursaal celebrou esta tarde unha nova Gala da Eusko Label chea de emoción e bo ambiente
 

Máis de 600 convidados puideron gozar esta tarde dunha nova edición da festa do remo, na que por un día, os remeiros deixan a un lado platanitos e estrobos para premiaren os recoñecementos da tempada pasada e dar a benvida a unha nova edición da loita pola Coroa CaixaBank. O Palacio de Congresos Kursaal colleu o testemuño do Palacio Euskalduna para acoller este ano a Gala da Eusko Label Liga, que ademais é a primeira que se celebra desde que a marca vasca se fixera cargo da denominación da competición. Antes de comezar o evento, os integrantes do grupo Bamboo realizaron un baile no que simularon o proceso de creación da Coroa CaixaBank e todo o camiño que un remeiro ten que percorrer para conseguir gañala. A actuación culminou cos doce integrantes do grupo, vestidos coas camisolas dos doce integrantes da Asociación, a alzaren o ansiado trofeo cara o ceo, frente o atento ollar de todos os asistentes do Kursaal.

Sandra Sabatés, copresentadora de El Intermedio, e Iñigo Asensio, voz da Eusko Label Liga, foron os encargados de dirixir un acto cheo de emocións no que, entre outras cousas, se premiaron os méritos colleitados polos clubs durante a tempada pasada. Hondarribia foi o club máis premiado desta edición ao levar dous dos galardóns neste serán. A ‘Ama Guadalupekoa’ voltou ser premiada como a traiñeira máis rápida da tempada pasada, tras teren marcado unha velocidade punta de 4,81 m/s na Bandeira de Astillero, premio que recibiron da man dun dos afeccionados con máis renome da traiñeira dirixida por Mikel Orbañanos, Julen Aguinagalde, un dos mellores xogadores de balonman do momento. Por outra banda, Hondarribia tamén recolleu o recoñecemento á mellor afección, entregado por Maria Ulibarri, Product Manager de Mahou – San Miguel. Un premio que outorga a cervexeira e no que puxo en valor a imaxe que brindou a afección verde cos seus polas rúas de Portugalete, deixando a un lado a mágoa de non teren podido colleitar a Coroa CaixaBank e gozando tanto remeiros como afeccionados de forma conxunta coa charanga.

Abel Barriola, un dos mellores pelotaris da historia e que recentemente foi despedido do campo profesional tras dunha longa traxectoria chea de éxitos, foi o encargado de entregar o Remo ao Mérito Deportivo a Portugalete San Nikolas Arraun Taldea que este ano celebra o seu centenario. Pola súa banda, Cabo recibiu de mans de Bittor Oroz, viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria do Gobierno Vasco, o premio á mellor canteira ao se inscribiren un total de 199 canteiráns ao longo da tempada pasada.

Tras unha votación na que participaron todos os adestradores da Eusko Label Liga, oito dos 12 clubs outorgaron a máxima puntuación a Jon Salsamendi, rompendo así o récord de puntuación e alzándose co título de Mellor Adestrador. Luis Miguel Oliver, Presidente da Federación Española de Remo foi o encargado de entregar o premio á mellor organización de regata, recoñecemento que por unanimidade de todos os socios recaiu na Federación Andaluza de Remo polo labor realizado na Bandeira Euskadi Basque Country celebrada en Sevilla o pasado mes de xuño, premio que recolleu Javier Cáceres, Presidente da FAR. Endika Pérez e Unai Oliden, a dupla de patróns de San Juan Sumelec, recibiron de mans de Itziar Egaña, Directora de Negocios de CaixaBank na zona de Donostialdea, os premios que os acreditan como mellores patróns da pasada tempada. A Gala da Eusko Label Liga dedicou un oco para lembrar a quen xa non están connosco, e é por isto que Borja Rodrigo, Presidente da ACT, entregou o Remo Especial, a título póstumo, a Emilio Laka, adestrador até a pasada campaña de Kaiku Producha, galardón que recibiu Eguzkiñe Agirre, viúva do preparador biscaíno. Tanto os presidentes dos clubs como o propio Borja Rodrigo quixeron lembrar a Pedro Andueza, presidente saínte da ACT, que recibiu o último remo da noite polo seu labor á frente da Asociación nestes últimos anos. A cerimonia de entrega de premios rematou coa entrega da réplica do Trofeo Euskotren a San Juan Iberdrola como vixente campioa da Liga Euskotren, e a Urdaibai Avia da réplica da Coroa CaixaBank. Cómpre lembrar que ambas tripulacións conseguiron ficar co galardón orixinal en propiedade.

Unha vez despedida a tempada 2016, chegou o momento de darmos a benvida á Eusko Label Liga – Coroa CaixaBank 2017, que dará comezo en tres semanas, máis concretamente no 1 de xullo en augas de Bilbao. O evento contou cos discursos de Gaxpar Guembe, Director de Institucións de CaixaBank en Gipuzkoa; Maria Ulibarri, Product Manager de Mahou-San Miguel; e Arantxa Tapia, Conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestructuras do Goberno Vasco. A irrupción no escenario dos cómicos Gorka Aginagalde e Gurutze Beitia puxo o toque simpático á cerimonia, con unha actuación que fixo gozar a todos os asistentes do Kursaal. Unha vez rematado o evento, os convidados puideron desfrutar dun aperitivo servido na Terraza Zurriola, onde se serviron os produtos de Eusko Label acompañados das cervexas San Miguel máis refrescantes. 

Voltar