Novas 2012

COMPETICION

24 Xul 2012

"O REMO É DURO, PERO TEN ALGO QUE TE ENGANCHA"

"O REMO É DURO, PERO TEN ALGO QUE TE ENGANCHA"

Inder Paredes e Josune Ugarte, patroa e remeira de San Juan Iberdrola

Inder Paredes é a patroa de San Juan Iberdrola. Josune Ugarte remeira do mesmo club. As dúas son de Pasai Donibane. Reman na Liga Euskotren, por segundo ano como club, e aínda que son últimas na clasificación xeral, demostraron que son capaces de darlle un susto a calquera.

 

Cantos anos levades remando xa?

Josune Ugarte: Eu oito.

Inder Paredes: Eu un menos, sete.

J. U.: Estes últimos anos remamos en traíña, pero antes en bateis e banco móbil. Empezamos en Hondarribia, e logo en Pasai Donibane.

 

Que tal levades iso de remar no bote do pobo? É complicado?

J. U.: Eu lévoo ben. Si é duro, pero penso que por igual para todas as que estamos no mundo do remo.

I. P.: Ás veces é duro, pero ben, sabes que unha vez chegue mediados de setembro remátase a tempada, e que a partir de aí a esixencia física diminúe moito.

 

Algúns opinan que o feito de que San Juan Iberdrola se clasificase para a Liga Euskotren é unha sorpresa, para outros non tanto. Para vós?

I. P.: Eu estaba convencida de que nos iamos meter. Fixemos adestramentos duros antes da regata clasificatoria, e en regatas previas a esta tamén nos decatamos de que tiñamos praza entre as catro mellores.

J. U.: De acordo con Inder. Outra cousa é gañar bandeiras, pero entrar entre as catro, si o esperaba. Esta tempada deixamos de lado o batel e a trainerilla, preparándonos só coa traíña grande, e creo que a clasificación para a Liga Euskotren é o froito dese traballo. Para min suporía un golpe moi duro non estar na Liga Euskotren.

 

Hai moita diferenza entre vogar na Liga Euskotren, ou facelo na Liga Guipuscoana?

I. P.: Si, porque na Liga Euskotren vogamos as catro mellores. Na Guipuscoana tamén competimos contra outras traíñas da provincia, pero o nivel é mellor na Liga Euskotren.

J. U.: Eu noto a diferenza no seguimento que teñen nos medios de comunicación unha liga e a outra. As regatas da Liga Euskotren dispútanse antes das da Liga San Miguel, emítense por televisión, e iso dá moito máis eco á nosa actividade.

 

Agora mesmo estades na última posición da Liga Euskotren, pero en segundos, non estades tan lonxe das mellores. Contentas, polo feito ata agora?

J. U.: O balance é bo. Non se pode dicir que as catro embarcacións esteamos á par, pero tampouco estamos a medio minuto. Na regata de Ribamontán al Mar non andamos finas, pero nas outras si. Dende fóra vese que podemos estar á altura das mellores. Tamén gañamos o Campionato de Guipúscoa, e ao lado noso estaban Zumaia-Salegi e Getaria-Tolosa. Esa vitoria dá forza á nosa traíña.

 

Na Liga San Miguel hai moita competitividade e pique entre clubs. Repítese esa situación na Liga Euskotren?

I. P.: Pique hai na auga, no mar, pero fóra non.

J. U.: O pique deportivo está aí, pero creo que as rapazas que remamos temos un obxectivo común máis importante que o das propias regatas: mellorar o noso deporte, e remar todas na mesma dirección. Primeiro, pique deportivo na regata, despois traballo en común entre todas.

 

Fai oito, cinco anos, viades posible unha liga regulada de remo feminino?

J. U.: Non, nin moito menos. Unha vez que se organizou, hai que seguir traballando.

I. P.: Eu tampouco pensaba que puidese pasar isto, e gustaríame que a Liga Euskotren fose un aliciente máis para que as rapazas se somerxan no mundo do remo.

 

Vós sabedes mellor que ninguén como está o tema. Hai movemento?

I. P.: Parece que si. Este ano empezaron no club catro rapazas novas, e dixeron que a súa intención é continuar no club. Eu mesma e o adestrador Ander Outero estamos impartindo cursos coas rapazas máis novas, en verán, e ese camiño pode ser importante, xa que as rapazas que participaron no curso dixéronnos que o ano que vén vanse apuntar no club para comezar a remar.

J. U.: Eu animaría ás rapazas a remar dende pequenas. O máis bonito é comezar a remar e nun prazo de tempo curto remar coas mellores, pero iso non se pode conseguir aos dous anos de empezar a remar. A aprendizaxe leva o seu tempo, e por iso é moi importante ir aprendendo pouco a pouco e dende moi nova.

 

O remo esixe un esforzo físico importante. Adaptádesvos ben?

J. U.: Xa sabes o que hai. Empezas en inverno e tes que facer seis adestramentos por semana. É duro adestrar, adestrar e adestrar, sen competir. Na outra cara da moeda está que o remo ten algo que te engancha, e que non o podes deixar. Pode que sexa o ambiente que se crea nas regatas, os ánimos da afección, que son comprensivos co teu sufrimento, e que a xente está atenta ao que fas. O ambiente que se crea entre as que estamos no club tamén é moi bonito.

 

Ti es patroa Inder. Por que?

I. P.: Ben, ao principio era remeira, pero logo houbo unha baixa e púxenme eu. Levo dous anos. Non é un traballo difícil, pero tes que ter as ideas claras e pensar rápido, porque as condicións do mar cambian sen avisar. Hai que saber que dicir ás remeiras en cada momento, e limitar as discordias á competición, sen levalas ao aspecto persoal.

 

Tedes boa relación cos rapaces do club?

I. P.: Si, imos xuntos no mesmo autobús, e cando nós competimos e eles están a quentar, anímannos moito. Todos somos do mesmo club, estamos no mesmo barco.

 

Mulleres e homes. Hai moita diferenza entre ámbolos dous hoxe en día? Igualaranse algún día?

J. U.: Fixemos un gran traballo nun prazo de tempo curto, pero aínda se nota que a diferenza é bastante grande. Non sei cantos anos tardaron os rapaces en ter unha liga propia. Hai que facer entender a xente que as rapazas tamén adestramos, tamén sufrimos como os rapaces. Diría que segundo vai pasando o tempo, a xente vai aceptando que nós tamén somos deportistas.

 

Quen vai gañar a Liga Euskotren?

I. P.: Na miña opinión Zumaia-Salegi. Están fortes.

J. U.: Eu quero que gañe Zumaia-Salegi. En anos anteriores venceron Galicia-Mecalia e Getaria-Tolosa, e que este ano a Liga Euskotren a leve outra embarcación estaría ben.

Voltar