Novas

ESPECIAL

02 Feb 2021

O regreso dun histórico

O regreso dun histórico

SD Tirán volta á Liga Eusko Label logo de dous anos de ausencia na elite do remo

A Liga Eusko Label contará no 2021 cun novo integrante que ocupará o lugar de Kaiku para este verán. SD Tirán formará na liña de saída canda as outras 11 traiñeiras que conforman a elite do remo. Mais os de Moaña non son novos na categoría, xa que teñen ás súas costas 13 tempadas competindo na Liga Eusko Label. Os galegos participaron nas dúas primeiras edicións, no 2003 e 2004, polo que son tamén socios fundadores da ACT.

O mellor rexistro de SD Tirán é un cuarto posto na clasificación xeral, conseguido no 2012, e completou eses anos de bos resultados con catro vitorias na Liga Eusko Label. No 2011 venceron na Orioko XXI. Traineru Estropadak, no 2012 na XIV Bandeira Flaviobriga de Castro Urdiales e no 2013 levaron dúas: a VI Bandeira Ambilamp e a XXXI Bandeira Concello de Moaña.

Os moañeses regresan á elite despois de conseguiren unha das dúas vagas que se puxeron en xogo no playoff de ascenso de setembro. A apertadísima primeira xornada de Bermeo decidiuse con vitoria para SD Tirán cun tempo de 21’18”76, e unha vantaxe de 0”70 sobre Zarautz Gesalaga Okelan. Na xornada do domingo, porén, a vitoria foi para os guipuscoanos, cos do Morrazo entrando na meta en segundo lugar a 4”06, certificando así o seu billete para a Liga Eusko Label.

Voltar