Novas 2019
ESPECIAL
18 Ago 2019
O orgullo de toda unha vila
Orio celebrou hoxe canda as súas remeiras da ‘Txiki’ a consecución da Liga Euskotren
Non descubrimos nada novo cando dicimos que Orio Babyauto pasa por un momento doce nestes intres. Coa traiñeira masculina na primeira posición da Eusko Label Liga e as remeiras da ‘Txiki’ recentemente proclamadas como raíñas do Cantábrico. Precisamente hoxe, logo de recibiren o Trofeo Euskotren unha vez rematada a Zarauzko XI. Ikurriña, as mozas de Orio Babyauto comezaron as celebracións pola vitoria final na Liga Euskotren.
Logo dun xantar de celebración e unha sesión de fotos co trofeo polo que tanto loitaron e sufriron estes últimos anos, chegou o momento de que os habitantes de Orio recibisen as súas deportistas como se merecen. O mal tempo non foi escusa para que centos de oriotarras se achegasen á casa do Concello amosaren todo o seu agarimo á traiñeira feminina da vila.
Deportistas, preparadores e directivos uníronse para pasearen con orgullo tanto as bandeiras conseguidas nesta tempada como o Trofeo Euskotren polas rúas da localidade guipuscoana mentres recibían os aplausos da afección.