Novas 2013

ENTREVISTAS

14 Ago 2013

O OBXECTIVO INICIAL ERA FUXIR DO DESCENSO COMO FORA, E TELO CONSEGUIDO QUÍTACHE PRESIÓN

O OBXECTIVO INICIAL ERA FUXIR DO DESCENSO COMO FORA, E TELO CONSEGUIDO QUÍTACHE PRESIÓN

Raúl García, remeiro de Astillero

É unha das voces autorizadas de Astillero, un dos remeiros máis veteranos (El Astillero, 31 anos). Ficaron a salvo do descenso, pero en terra de ninguén; opina que igualmente tentarán facer boas regatas. Cre que o seu sitio estaba na 2ª quenda, mais tal e como se vía o panorama en maio e xuño, o 9º posto tampouco é malo.

 

9º posto para Astillero, cubertos dous terzos da tempada. Que balanzo fas?

A sensación é boa, e o balanzo satisfactorio. Estamos contentos. É certo que se miras a clasificación quizás non é doado ter esa boa sensación que temos os remeiros, pero así e todo ben. O obxectivo inicial era fuxir como fora do descenso, e o primeiro mes fixemos un grande esforzo para conseguilo. É certo que unha vez conseguido ese obxectivo, o reto era achegármonos á 2ª quenda, as dúas Pasaias, a Tirán Pereira, Portugalete Eulen… No inverno houbo moitas mudanzas no club, ficamos xente moi veterana e moi nova, había algo de incertidume, pero ben, unha vez salvados o balanzo é bo.

 

Ese medo a descender era real?

Hai que se pór no peor. Tampouco sabiamos que rendemento ía dar a traíña con tantos trocos. Calquera despiste, un par de fallos e o tema complícase moito. Eu penso que nos centramos en lograr a permanencia, e despois, ese intento de achegármonos á 2ª quenda ficou un pouco lonxe.

 

Tendes practicamente imposíbel o 8º posto, a 18 puntos, e en tres semanas a Liga San Miguel vaise acabar para vós. Como afrontades estas seis últimas regatas?

Non ter presión por baixo agradécese á hora de remar. É certo que 18 puntos é unha distancia insalvábel, pero o reto é conseguir bos postos en distintas regatas. Deixar claro diante da xente que por potencial, poderiamos ter estado na segunda quenda. O noso reto dos sábados será gañar a 1ª quenda, para tentar remar o domingo na 2ª, e medirnos contra embarcacións que cremos máis próximas ao noso nível.

 

Houbo regatas nas que vos clasificastes á par desas embarcacións da 2ª tanda.

Si, e non é pouco. En Zumaia fixemos a mellor regata da tempada. Cómpre ter en conta un hándicap importante:  estamos remando con un barco vello, e todos os demais con material novo.

 

Sodes tres traíñas cántabras na Liga San Miguel, e Astillero é a mellor. Para os que non son de Cantabria, é unha rivalidade importante?

Si, si, moi importante. Nós sabiamos que tiñamos un chisco máis de potencial que Pedreña e Castreña, pero despois hai que o demostrar no mar. É un enfrentamento directo. Pedreña deunos traballo en algunhas regatas, pero en xeral podemos dicir que estivemos un paso por riba dos nosos veciños.

 

Xa levas 10 anos no club, vivistes de todo. Agora que a cousa non pinta tan ben coma outrora, como está a afección?

Aquí pasa o que pasa en todos os sitios, que cando estás arriba a afección aumenta, e cando estás abaixo, diminúe. Non é que nos poidamos queixar da afección, pero si no tema dos patrocinadores que poñen cartos, das institucións que cada vez axudan menos… está complicado o asunto, e por iso pido o esforzo de todos os estamentos.

 

Con esas palabras, que tal ves o futuro de Astillero?

Levará o seu tempo facer un bo barco, pero penso que bos vimbios temos. Temos unha idade media bastante baixa, uns 25 anos, das máis baixas da Liga, con 7-8 rapaces que subiron de xuvenís á ACT. Potencial teñen, pero teñen que se curtir. De traballarmos ben, dentro de 2-3 anos estaremos máis arriba.

Voltar