Novas 2012

COMPETICION

22 Xu˜ 2012

O OBXECTIVO É ESTAR NA SEGUNDA QUENDA CON TRANQUILIDADE

O OBXECTIVO É ESTAR NA SEGUNDA QUENDA CON TRANQUILIDADE

Dani Pérez Fandiño, adestrador de Tirán

Estar no máis alto do remo non ten prezo, por iso Tirán está aí aínda sen cobrar cada fin de mes. Porque cada palada entre os mellores supón facer historia para este club do Morrazo. O seu adestrador apreta ao máximo a un plantel coheso, potente e sobre todo,  entregado.  Dani Fandiño é humilde e ten os pés ben postos na terra, porén, atrévese a retar ao mar. É respectado por todo o Club: a directiva pon a man no lume por este home, e a traíña está ás súas ordes. Conseguiu a autoridade falando nun ton de voz moderado e con calma. Dani sabe da importancia do factor psicolóxico no deporte, e por iso ademais de adestrar os corpos e a técnica dos seus remeiros, conseguiu crear un clima envexábel, e ten un grupo humano encantado de estar onde está.

 

Tirán pode asustar a máis dun esta tempada. Cales son os teus obxectivos de partida?

En principio, as expectativas medraron no inverno polos resultados de bateis e traiñeiriñas, pero hai que relativizar todo. O quinto posto do ano pasado é practicamente parello co sétimo. Creo que repetir ese posto, e estar na segunda quenda con tranquilidade é o obxectivo. De ai para adiante xa é un reto. Deportivamente temos que ser humildes, porque o noso club é humilde dentro da Liga San Miguel. E debemos partir de expectativas realistas, porque senón podemos levar un pao.

 

Mantés o bloque.

Si, esa é a base. Temos catro altas de garantías, o cal para min vai ser difícil á hora de escoller que plantel sacar de titular nas regatas máis importantes.

 

Algunha bandeira especialmente apetecíbel?

A min agradoume moito gañar a de Orio o ano pasado. Despois da Concha, as que máis me gustan son Orio e Zarautz, así que se caera algunha este ano... Zarautz.

 

Como é unha fin de semana de Liga para un remeiro de Tirán?

Deportivamente, como grupo, é ideal. Falo do exemplo do ano pasado; había unha dinámica de grupo e unha convivencia moi agradábel. Os desprazamentos, que se fala un montón diso, se os resultados acompañan, tampouco se fan tan duros. Para min o que se fai máis difícil é a distancia coa familia. O remeiro deixa o venres ás oito da mañá á familia e non volve até as doce da noite do domingo, e iso si que fai que a xente se plantexe a continuidade.

 

O feito de non remar por cartos, que implica?

E que en Galiza non houbo outra situación. Para algún remeiro que teña emigrado igual si, pero nós estamos facendo o que levabamos a facer toda a vida. Loxicamente saca menos gaño económico un remeiro de Tirán que calquera outro, pero para nós, que estamos tan lonxe diso, non é unha eiva. De feito penso que é positivo na situación socioeconómica na que estamos agora mesmo. A crise a nós afectounos bastante menos no plantel que a outros clubs. En épocas de vacas fracas é positivo poder tirar de canteira.

 

Non botas en falta máis presenza galega na Liga?

Si, como adestrador galego gustaríame que o nivel de remo en Galiza medrara, desde a base até o alto rendemento e as categorías sénior. O éxito da alta competición é positivo en canto a repercusión social e fai máis atractivo o seguemento e a práctica dun deporte. Se tes máis clubs na elite do remo vas animar a máis rapaces a participar.

 

Que traíñas galegas ves con posibilidades de ascenso nos vindeiros anos?

Estase vendo que Amegrove. Chapela, que ven mantendo un bloque e vai crecendo ano a ano. E Cabo da Cruz, que sempre ten canteira de onde sacar. Pero estamos a falar de equipos que están mermados economicamente. Nós estamos tamén moi apretados, e se se aguanta e se consegue algo é porque acá hai unha directiva que mira e se esforza por atopar cartos debaixo das pedras. Estes clubs, non teñen tanto que dar un salto deportivamente como economicamente. Porque a nivel económico as directivas teñen que ver un abismo para intentar subir á ACT.

 

E entre os contrincantes, quen son os teus favoritos?

Kaiku, que mantén o bloque. Urdaibai, aínda que fixo bastantes trocos está a facer unha pretempada con moi bos resultados, e Hondarribia que tamén mantén o bloque. A partir de aí é unha incógnita. Está San Pedro, está Pedreña que parece que se sacudiu o papel de ser un dos favoritos e agora parece que rema máis a gusto… pero é difícil facer apostas.

 

Rematamos de falar, é hora de saír ao mar. Baixamos ao peirao.  Os remeiros xa sacaron a traíña, e embarco na zodiac con Dani, para ver o adestramento. Nese momento fago a derradeira pregunta: ¿non che dan envexa, remando?

Ufff... (suspira e sorri).

Voltar