Novas 2013

ENTREVISTAS

16 Ago 2013

O MÁIS DIFÍCIL FOI FACER UN BLOQUE; AGORA TÉMOLO, E VEN MOITA XENTE NOVA

O MÁIS DIFÍCIL FOI FACER UN BLOQUE; AGORA TÉMOLO, E VEN MOITA XENTE NOVA

Nadeth Agirre, patroa de Orio Babyauto

É probábel que Nadeth Agirre non castigue o seu físico tanto como as remeiras ás que dirixe, pero nótase deseguida que é patroa (Orio, 19 anos). Ten a voz crebada, e di que a recupera moi poucas veces durante a tempada. Orio Babyauto é a ilusión personificada, novatas na Liga Euskotren pero contentas, e cun reto: mellorar pouco a pouco e tentar repetir as fazañas da categoría masculina. Polo de agora desfrutan. Aínda que case sempre clasifiquen na 4ª posición, están coas mellores.

 

Hai moitas remeiras, pero poucas patroas. Como te converteches ti en patroa?

Ben, digamos que o proceso de selección non foi moi elaborado. Comecei a remar en infantís, e sempre fai falta unha patroa. Preguntáronme se quería selo, dixen que si, e até hoxe. En banco móbil fun remeira, e en banco fixo patroa.

 

Cantos anos fai desde que Orio Babyauto ten embarcación feminino?

Sería estando eu en xuvenís, uns catro anos. Comezamos a nos preguntar entre nós que porque non montábamos un barco. Dixemosllo aos da directiva, a quen algunha vez remara con Orio, e así comezamos. Había remeiras moi veteranas, e outras moi novas.

 

Tes a voz crebada, nótase que es patroa. Es de moito berrar?

Son. E de seu a voz non é un dos meus fortes, teño a voz crebada moitos días.

 

Gústache o labor de patroa?

Agora si. Ano a ano vas collendo experiencia, aprendendo. O comezo non foi doado, mais, son bastante pelexona, e estou á vontade. A patroa é como unha referencia para as remeiras, fan caso ao que lles dis, e se se actúa con respecto, o noso labor non é tan complicado.

 

Dis a verdade ás remeiras?

Dígolles o que vexo, pero en algunhas situacións, se o adestrador ou o axudante que está en terra me conta algunha mentira polo pinganillo, eu transmítoa tal e como me chega. Aquí manda o adestrador.

 

Este ano celébrase a 5ª edición da Liga Euskotren. É certo que os dous primeiros anos competiron seleccións, pero despois clubs. Chama a atención que nun municipio de grande tradición remeira como Orio non teña xurdido antes unha traíña feminina. Que opinas desa situación?

É evidente que non se pode facer un barco da noite para a mañá. Antes dixen que cando comezamos eramos ou moi veteranas, ou moi novas. Por unha razón ou por outra, manter un bloque non foi doado, porque ser remeira tamén ten as súas responsabilidades. Sen un bloque definido, é difícil estar nunha liga na que están as mellores, pero este ano conseguímolo, e no futuro, esperemos ir mellorando aos poucos.

 

Que tal foi a mudanza da Liga Guipuscoana á Liga Euskotren, hai moita diferenza?

Hai. Na Liga Guipuscoana as probas son a metade das que hai na Liga Euskotren. Na Liga Guipuscoana estás agardando que cheguen as regatas, e na Liga Euskotren hai probas practicamente todas as fins de semana, e dúas regatas. O noso reto era remar na Liga Euskotren, e aí estamos. Térmonos clasificado é como gañar unha bandeira para nós.

 

Foi unha sorpresa clasificárdesvos para a Liga Euskotren?

Foi. Tiñamos moitas dúbidas. Sabiamos que tiñamos opcións, pero tamén moitas reservas. Non se podía saber que nivel ían amosar embarcacións como Bizkaia ou Santoña. Bizkaia venceranos nalgunha regata, e foi un logro moi bonito.

 

Falando sobre o bloque, quen veña ao centro de remo que tendes en Orio verá que hai moitas mozas e mulleres que veñen adestrar. Parece que o futuro é esperanzador, non é?

Hai moitas mozas, si. As de categoría cadete adoitan vir adestrar con nós unha vez por semana, e na vila tamén sentimos moito apoio. É unha afección esixente. Sempre nos din que nos clasificamos na 4ª posición da Liga Euskotren, e nós contestámoslles que é a peaxe que hai que pagar por estar remando ao pé das mellores. Clasificámonos terceiras en algunha regata, de aquí en adiante o obxectivo será ese, repetir ese posto.

 

Getaria-Tolosa desapareceu, Galiza tampouco rema esta tempada na Liga Euskotren… non parece doado o camiño para que os equipos femininos se asenten. Que opinas desa situación?

En Orio temos o apoio da directiva. É verdade que o equipo de categoría masculina ten prioridade, pero nós tamén sentimos ese apoio. De seguirmos afacéndonos ao mar, tentaremos asentarnos e mellorar paso a paso.

 

Seica cando adestrades tendes o apoio de algúns afeccionados especiais, non é?

É, a ‘Peña Petril’. Levan anos analizando os adestramentos dos rapaces, atopando fallos. Nós tamén pasamos por onde se poñen eles, pero a nós de momento só nos animan.

Voltar