Novas 2013

ENTREVISTAS

13 Set 2013

"NON SOMOS FAVORITOS, PERO BERMEO VAI MARCAR MOITO, E A UNHA REGATA PODE PASAR DE TODO"

"NON SOMOS FAVORITOS, PERO BERMEO VAI MARCAR MOITO, E A UNHA REGATA PODE PASAR DE TODO"

Gustavo Vazquez, adestrador de Cabo da Cruz

Gustavo Vazquez fala pausado para www.ligasanmiguel.com(Vilariño, Boiro, 28 anos). De sabios é recoñecer a realidade, e opina que Meira e Zierbena “demostraron que están un chanzo por riba, pero Bermeo vai marcar a pauta, e a unha regata todo é posíbel”. Salienta que a metade do plantel é menor de 22 anos, e que 18 de 19 remeiros son da canteira, co que a presión de ter que ascender é menor.

 

Que tal foron estas dúas semanas tras a última regata, na Concha? Fixéronse longas ou non?

Non tanto, porque entre que voltamos de Donosti, ese fin de semana adestramos e descansamos este último, chegou bastante rápido.

 

Con que aspiracións participa Cabo da Cruz no play-off de ascenso?

Coa intención de conseguir unha das dúas prazas, claro, aínda que sendo conscientes do nivel que hai, e que para nada somos favoritos. Meira gañounos sete regatas na Liga Galega de Traíñas, foi campioa, e na clasificatoria da Concha Zierbena sacounos unha boa distancia ás demais embarcacións que imos participar no play-off.

 

É válida a referencia da clasificatoria?

Claro. As dúas galegas polo menos fomos a tope. Non fixemos 800 quilómetros en furgoneta para nada. Quizais a única dúbida é a de Zierbena, non sei que tripulación escolleu Patxi Francés, polo tema de cupos. A normativa ACT limita a participación dos que non son cupo, e iso pode mudar algo o asunto.

 

Como ves ás outras dúas rivais, Zumaia e Lekittarra?

Que non son menos que as demais. Zumaia ten o corpo curtido en mil batallas, e teñen asimilado desde hai tempo que ían disputar o play-off. A lekittarra é moi forte no mar, e a primeira regata, en Bermeo, favorécelles, porque coñecen o campo de regatas como se fóra o patio da súa casa.

 

É quen Cabo de dar a sorpresa?

É, así o cremos. Temos un plantel moi novo, máis da metade menor de 22 anos, e 18 de 19 mozos da canteira. Tiramos de xuvenís a miúdo, pero no play-off poderemos facelo a medias, porque non permiten que un xuvenil poida remar en dúas regatas na mesmo fin de semana. Vemos que fomos capaces de lle gañar a Meira en tres regatas, e que na Concha fomos as mellores das catro aspirantes, despois de Zierbena. Iso danos moral, imos dispostos a pelexar, e loitar, sobre todo en Bermeo.

 

É máis importante que a regata de Portugalete, verdade?

Sen dúbida. É a primeira, e pode dar ou quitar moito. A nosa intención é rematar Bermeo entre as tres primeiras para ter algunha opción na ría o domingo. A unha regata podemos dar guerra a calquera.

 

Que hai de esa lenda de que as traíñas galegas andades pouco en mar porque sodes máis de ría?

Ten bastante de certo, porque a xeografía da Galiza é así, ten moita ría, pero nós tamén buscamos mar aberto para adestrar e para competir, porque senon cando saímos a mar aberto non teriamos nada que facer. Así como Lekeitio en inverno adestra en ría, máis tranquilo, nós buscamos mar. Non penso que hoxe en día sexa unha eiva a ter en conta, aínda que cómpre recoñecer que traíñas como Lekeitio andan máis que nós en mar aberto.

 

Parece que vén mar movido, ondas de 1,2 metros. Preocupado?

Non. É o mesmo, ou practicamente o mesmo para todos, haberá que remar no que haxa.

 

Participastes no play-off do 2011. Foi unha aprendizaxe válida para afrontar esta segunda oportunidade?

Valeunos para interiorizar que non queremos ir para aprender, para coller experiencia, porque xa a collemos daquela. Xa remamos unha vez para aprender, agora toca remar para ser primeiro ou segundo.

 

Para os que non coñecemos a fondo o remo galego, como está o tema? É bo que dúas traíñas de Galiza participen no play-off de ascenso á ACT, non é?

Moi importante. Eu penso que o nivel do remo galego mellorou bastante nos últimos 3-4 anos, coa chegada de adestradores de prestixio como José Manuel Francisco. A Liga Galega de Traíñas ten boa saúde, dúas divisións, e hai boas embarcacións. No Campionato de España Mugardos venceu a Pedreña, é un dato a ter en conta.

 

Imaxina por un momento que Cabo da Cruz acada un billete. Hai apoio económico para competir na ACT?

Iso xa é tema da directiva. O tema está bastante difícil, pero o noso patrocinador, Rianxeira, é fiel e supoño que nos apoiará. Haberá que se mover, iso está claro, e buscar apoios, pero penso que para cubrir gastos conseguiremos.

 

Quizáis non fagades tantas viaxes en furgoneta coma cando estivestes na ACT, grazas ao fondo de solidaridade da asociación…

Ben, ese fondo chegou xusto cando perdemos a categoría… A de horas que metiamos na furgoneta. Toda axuda será boa para reducir o tempo de desprazamento, a comodidade, porque pasar oito horas na estrada despois dun mal resultado non é unha situación moi boa. Se fas boa regata aínda, pero se a fas mala… a volta é durísima.

 

Merécese Galiza outro representante na Liga San Miguel?

Claro, como non. Non estamos lonxe das mellores da Liga ARC-1, nin das últimas da Liga San Miguel. As regatas en Galiza cada vez atraen máis xente, e xa se puido ver en Sanxenxo e Moaña que ás regatas da Liga San Miguel acudiu moita xente. Nun tempo fomos tres embarcacións galegas na ACT, a ver se imos consíguindoo de novo aos poucos.

Voltar