Novas 2012

ENTREVISTAS

10 Ago 2012

"NO MAR NUNCA PODES CONFIARTE; SEMPRE CHE APRENDE ALGO"

"NO MAR NUNCA PODES CONFIARTE; SEMPRE CHE APRENDE ALGO"

Ioseba Amunarriz, patrón de Hondarribia Orsa

Coméntase que te chaman o Fernando Alonso da Liga San Miguel. Será porque es o mellor patrón?

Eu levo as gabanzas, pero o mérito é de todo o equipo. Se o equipo non é bo, se non te adaptas ben cos remeiros, non hai nada que facer. Temos bo equipo, hai bos aurrekos, e aprendín moito co adestrador, Mikel Orbañanos.

 

Que importante é que o patrón faga boas ceavogas, non é?

É, pero tamén son importantes os que van dentro. Se á ceavoga entras lento, a ceavoga non vai ser boa, e iso conségueno os remeiros, non o patrón. Se saímos lentos e non consigo coller a dirección que quero tamén depende dos remeiros. A clave é o equipo, non eu. Unha regata é cousa de 14, non dun.

 

Cantas ceavogas levarás feito na túa vida?

Nin idea. Moitas.

 

Hai diferenza dun adestramento á competición?

Hai, e moita. Unha ceavoga nunca é igual a ningunha outra.

 

Oadestrador Mikel Orbañanos gabou o teu traballo en Castro, que significou vencer o Campionato de España. Contento?

Ben, levo 10 anos traballando con Mikel, e hai confianza entre os dous. Deume moito, aprendeume moitas cousas, e o seu apoio é fundamental para min. Procuro levar á práctica o que me ensina. Aprétame cando o ve necesario, e intento sacar beneficio desa presión.

 

Como se prepara unha regata, unha ceavoga?

Hai que ter en conta moitas variantes. Correntes, mareas, por onde bate o vento… O noso traballo é intentar acertar en como dar a ceavoga.

 

Mañá sábado anuncian vento NW de 10-15 nós.

As decisións tómanse o día da regata. Cara o mediodía damos unha volta polo campo de regateo a ver como está o mar, o vento que hai e demais. Despois analizámolo e pouco antes da regata decídese como actuar.

 

Vamos, que o teu traballo non é de só 20 minutos.

Non, non, se fóra así vaia desastre. As condicións poden mudar moito en poucas horas. As condicións mudan indo cara a ceavoga, ou volvendo para a costa. Son cuestións que cómpre analizar con detemento.

 

É chamativo que ánimo das aos mozos que van no bote. Sempre positivo.

Ben, hai que pedir, pero tamén animar. Cada cousa no seu momento. Como dixen antes, levo 10 anos nisto, e vas aprendendo como actuar en cada momento.

 

O mar aínda ten segredos para ti?

Ten, e teraos sempre. Aquí quen manda é o mar. El fai e desfai. Sempre te ensina un pouco, e non podes confiarte nunca. No Campionato de Gipuzkoa estivemos a punto de envorcar, por exemplo.

 

Manéxaste ben collendo ondas. Que se sinte cando se colle unha boa onda?

Unha sensación boísima. Coller a onda e cabalgar nela dando 20 paladas, vendo ir o bote rapidísimo… Se acertas a controlar o bote a velocidade é unha pasada.

 

E, é difícil controlar o bote nesas situacións?

A chave é controlar a primeira parte da onda. Se o consegues, controlarás a onda toda.

 

O patrón sofre máis estrés que os remeiros?

Digamos que o noso fallo vese máis. Porén, se o teu labor é bo, valorase na súa xusta medida.

 

Mañá dispútase a bandeira na vosa cidade. Escapou Kaiku Ambilamp definitivamente, o non?

Cinco puntos son moitos puntos. Ao principio de tempada dixemos que tiñamos que ir regata a regata, e niso seguimos. Remamos na casa e imos procurar reducir esa diferenza, e ver que eles se poñan un pouco nervosos. De todos xeitos, coidado con Kaiku. Ten un equipazo, 20 remeiros de primeirísimo nivel, que serían titulares en calquera bote da Liga San Miguel. Para nós estar á súa altura significa moito, estamos contentos.

 

A regata de Hondarribia é especial, a proximidade e apoio que transmiten os afeccionados desde a barra. Notádelo dende o bote?

Notamos, e moito. Quítanos presión, xa que tanto nos apoian gañemos a regata ou clasifiquémonos en 10º lugar. Nótase que a xente da vila apreza a traíña, no bo e no malo, e iso para nós é moi importante.

 

Poderíase dicir que a chave do voso éxito é esa comuñón?

É. En inverno, cando adestramos, adoita haber afeccionados no peirao, animándonos, e iso sempre dá forza para seguir traballando.

 

A Liga San Miguel fai 10 anos. Coñeces ben a liga, que reflexión che merece esa efeméride?

Penso que ano a ano está mellorando, aprendendo dos erros para non os volver cometer. Escoitanse moitas críticas, pero a quen critica pediríalle que pensaran onde estabamos hai uns anos, e onde estamos agora. As cousas están a se facer moi ben. No remo sempre hai cousas que aprender, e a Liga San Miguel tamén está a aprender. A miña opinión é que a Liga San Miguel é unha liga moi boa. Sobre todo no que respecta ao tema de organización. Que pode ser mellor? Claro, pero ha de selo, pouco a pouco.

Voltar