Novas 2012

COMPETICION

10 Xul 2012

"NIN ANTES ERAMOS TAN MALOS, NIN AGORA TAN BOS"

"NIN ANTES ERAMOS TAN MALOS, NIN AGORA TAN BOS"

Joxean Olaskoaga ‘Aizperro’, adestrador de Portugalete-Eulen

A Jarrillera de Portugalete está na Liga San Miguel outra vez. A primeira fin de semana da competición non foi moi boa, pero as dúas seguintes regatas levaron a alegría á nobre vila da marxe esquerda. A San Nicolás deixou atrás os postos de descenso, e respira tranquila. Non obstante, o seu adestrador Aizperro móstrase cauto (Orio, Gipuzkoa): "Isto non fixo nada máis que comezar. Nin eramos tan malos hai unha semana, nin somos tan bos agora".

 

Vaia diferenza entre a semana pasada e esta. Mellor esta na que estamos, non?

Si, si, sen dúbida que nesta estamos mellor. Na primeira regata, en Zierbena, non gozamos, e a cousa empezouse a torcer. Ata tal punto que en Astillero remamos sen confianza. Pedreña adiantounos no último longo, e Castro tamén realizou boa regata. Foi unha fin de semana discreta para nós. Esperabamos andar entre o 7º e o 8º posto, pero fomos conscientes de que nesta liga moitas traíñas andan moito. O luns e martes da semana pasada foron duros, pero o mércores e o xoves empezamos a darlle a volta, e o venres o bote xa estaba ben. O sábado clasificámonos en 9º lugar a pesar de ter mala boia, e malas condicións climatolóxicas, pero deunos forza, e en Zarautz completamos unha boa fin de semana gañando a nosa quenda, esta vez coa sorte ao noso favor.

 

A que te refires en concreto cando mentas unha mala semana?

Pois que a liga é longa, e que é recomendable ter os pés no chan. Intentas buscar cousas positivas onde sexa. Facer crer á xente que o noso nivel é algo mellor que o que demos. Somos veteranos, e por ese lado, estabamos tranquilos. Cun chisco de tensión, pero tranquilos. Crendo que se mellorabamos un pouco, saíamos do pozo seguro. Tamén cremos que hai unhas tripulacións moi fortes, como Pedreña ou Astillero, que cando acerten coa remada nos van superar. Hai que ter paciencia.

 

Antes de que comezase a tempada, a opinión xeneralizada era que Portugalete-Eulen se mantería sen pasar apuros.

Ben, estamos afeitos a oír cousas parecidas. A igualdade é tremenda. En tres ou catro segundos hai tres ou catro puntos en xogo, e así o que consegue os catro puntos gaña moito, e o que os perde tamén perde moito. Nós fallamos a primeira fin de semana, e aínda fallaremos nalgunha regata. Aínda e todo, creo que nos manteremos na Liga San Miguel sen pasar apuros.

 

Que lles pregunten aos de Zumaia-Altuna y Uria, como poden cambiar as cousas nunha soa fin de semana.

Certo, pero o que lles pasou a eles pódelle pasar a calquera das demais. Para cando te decatas escápanseche 5 ou 10 segundos, e rematouse, xa non hai volta atrás.

 

O posto de descenso directo está bastante lonxe, e Zierbena-Bahias de Bizkaia clasificouse en última posición nas catro regatas disputadas. Dá tranquilidade esa situación?

Aquí non hai tranquilidade posible. Baixa o último clasificado, si, pero o que finalice en 11ª posición tamén ten moito risco de perder a categoría. Agora mesmo quitámoslle dous puntos a Zumaia-Altuna y Uria, e iso non é nada. Se volvésemos de Galiza cun colchón máis amplo, entón si, entón estaría contento.

 

Tamén foi sorprendente o frouxo rendemento das tres embarcacións cántabras.

Ben, na miña opinión Pedreña estableceu uns logros algo grandes. Poñer como listón entrar na quenda de honra volvéuselles un pouco en contra, e o adestrador xa recuou nas súas declaracións. Chegan as dúbidas, e iso nunca é bo. É o mesmo que pasa con Hondarribia Orsa. Todo o mundo fala de Kaiku Ambilamp e Urdaibai Umpro Avia, pero aí están os verdes. Se saben levar a presión, coidado con eles.

 

E vós, que tal levades a presión, o apoio da afección e demais?

Foi unha novidade en Portugalete. O ano pasado gañamos case todas as bandeiras, pero sen televisión, o eco foi moito menor. O luns realizamos un adestramento suave, e xa percibimos o apoio da xente, con berros de 'Aupa Portu' e demais. O seguimento é moito maior na Liga San Miguel, non se pode comparar.

 

Que tal o teu en Portugalete?

Ben, asinei para catro anos e este é o 2º. O balance é bo. Tivemos momentos duros, e ter que ir todos os días dende Orio faise duro. Temos bo ambiente, boa cuadrilla, hai moita xente euskaldun, o irmán está comigo, Iurgi de Zumaia tamén... Nese aspecto non hai queixa.

 

Despois de disputarse catro regatas, cal é o voso obxectivo esta tempada?

Entrar na segunda quenda. Se te conformas co obxectivo de manterte asumes riscos. Quen participe no play-off vaise ter que enfrontar a Orio, con todo o que iso supón. Ademais, a traíña da Liga San Miguel que vai ao play-off vai con moitas dúbidas, e o que vén de abaixo a arriba, pletórico. O noso obxectivo é clasificarnos entre as oito primeiras.

 

Polo demais, que análise farías sobre a Liga San Miguel?

Subliñaría o bo nivel das dúas traíñas de Pasaia: Pasai Donibane e Pasai San Pedro. Xa se vía en inverno que ían facer un bo traballo. E no outro lado da balanza, quizais as tres cántabras. O de Hondarribia Orsa non é inesperado para min, xa que o ano pasado realizaron unha grande tempada cun equipo máis novo. O de Tirán-Pereira tampouco é novidade. Levan tempo na cabeza, ou cerca dela, e coidado con eles en Galiza a fin de semana. Van de atrás para adiante, e son moi duros mentalmente.

 

Para vós sería bo que conseguísedes o obxectivo de mantervos para agosto, para rematar a liga máis tranquilos e empezar a pensar na tempada que vén. Como o ves?

Moi importante. Se todo vai segundo o previsto, para agosto xa se saberá que dous clubs estarán en risco de descenso. Para a regata de Zarautz, seguramente. Pero paso a paso. Primeiro a fin de semana de Galiza. Despois xa veremos.

Voltar