Novas 2014

COMPETICION

29 Ago 2014

Navegando en Bizkaia até o final

Navegando en Bizkaia até o final

A Liga San Miguel achégase ao seu fin coa disputa da decimosexta e decimosétima xornada en augas viscaínas aínda con todo por se decidir

A Liga San Miguel chega ao seu derradeiro fin de semana de tempada regular, onde os 12 equipos competirán xuntos por última vez. As vindeiras catro xornadas poranse en xogo en augas viscaínas, e este fin de semana chega o turno de Portugalete e Bilbao coa disputa da XXXIII Bandeira Nobre Vila de Portugalete – Mundobasket 2014 mañá a partir das 18.00 horas e a V Bandeira de Bilbao no domingo ás 12.00 horas. Malia as moitas edicións que se teñen disputado da Bandeira Nobre Vila de Portugalete, apenas dúas delas foron na máxima competición do remo, en 2012 e 2013. Por outro banda, o encontro de Bilbao este domingo fai a súa cuarta edición na Liga San Miguel (2007, 2008 e 2011).

Na anterior edición da regata de Portugalete, Kaiku Ambilamp conseguiu a vitoria con un tempo de 19'31”90 e con unha vantaxe de 6”46 sobre Urdaibai Avia. No 2012, o actual líder da Liga San Miguel, Hondarribia Orsa, levou a bandeira para a casa ao parar o crono en 20'27”05 e con unha vantaxe sobre Kaiku Ambilamp de 5”06. No que respecta á Bandeira de Bilbao tres equipos conseguiron a vitoria nas tres edicións disputadas até o momento: Orio Babyauto en 2007, Castro en 2008 e Kaiku Ambilamp no 2011. Na regata de 2008, Castro marcou o mellor tempo até o momento con 19'34”52 e á súa vez, tamén se deu a menor diferenza entre os dous primeiros clasificados ao chegar Orio Babyauto inmediatamente detrás dos cántabros, a 1”21. Pola contra, a maior diferenza entre os dous primeiros clasificados aconteceu no ano 2007, cando Hondarribia Orsa chegou 13”32 máis tarde que Orio Babyauto á meta. O ano 2012 disputouse a IV Bandeira de Bilbao, que non foi puntuábel para a Liga San Miguel por ser unha regata amistosa. Nela participaron oito equipos dos cales se impuxo Hondarribia Orsa, parando o crono ao seu paso polas balizas en 20'33”50, seguido por San Pedro Ecolmare a apenas 88 centésimas.

As quendas nas dúas regatas deste fin de semana estarán condicionadas pola clasificación xeral da Liga San Miguel, polo que mañá, en Portugalete, na primeira quenda estarán Pedreña, Urdaibai Avia, Astillero e San Pedro Ecolmare; pola súa banda, na segunda quenda competirán Zierbena Bahías de Bizkaia, Portugalete Eulen, Tirán Pereira e San Juan Iberdrola; por último, os encargados de remar na quenda de honra serán Cabo, Kaiku Ambilamp, Orio Babyauto e Hondarribia Orsa. Respecto ás quendas do domingo en Bilbao seguirán a clasificación xeral unha vez remate a xornada do sábado.

Todo por se resolver

A Liga San Miguel chega a Bizkaia con Hondarribia Orsa (161) como líder con unha vantaxe de oito puntos sobre Orio Babyauto (153), que tratará de rebaixar esa cifra para chegar ás derradeiras xornadas con opcións de se facer coa Coroa "La Caixa". Por detrás destes dous primeiros chega Kaiku Ambilamp (134) coa terceira praza praticamente asegurada. Cabo (95) loita con San Juan Iberdrola (94), Tirán Pereira (87) e Portugalete Eulen (84) por se manter na cuarta praza e non saír da quenda de honra, pero non lle vai ser doado, xa que os catro equipos están separados por apenas 11 puntos. Se a parte de riba esta todavía sen se decidir, o mesmo acontece na parte baixa da clasificación. San Pedro Ecolmare (64) e Astillero (62) están separados por dous puntos e tentan dar caza a Zierbena Bahías de Bizkaia (70), seguidos por Urdaibai Avia (55) que vén restándolles puntos. No que se refire ao trofeo "La Caixa" ao mellor patrón, Vicente Carpintero mantense sólido no liderado da clasificación e ten unha vantaxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado, Gorka Aranberri.

Todo está aínda por se resolver nesta tempada da Liga San Miguel e de seguro que nestas dúas xornadas en terras viscaínas todas as tripulacións continúan ofrecendo ao espectador un grande espectáculo como acontece durante todo o verán. 

Voltar