Novas 2014

COMPETICION

07 Ago 2014

Moaña abre o segundo fin de semana galego

Moaña abre o segundo fin de semana galego

Esta mañá celebrouse na localidade pontevedresa a presentación da Bandeira de Moaña - GP Fandicosta que se disputará o vindeiro sábado

O Concello de Moaña acolleu esta mañá a presentación da Bandeira de Moaña - GP Fandicosta na sala de plenos do Concello. Un encontro que servirá para lle pór nome á décima xornada da Liga San Miguel e que terá o seu bandeirazo de saída a partir das 18.00 horas.

O encontro en Moaña, cómpre sinalar, servirá para iniciar a segunda incursión da tempada en augas galegas no que vai de campaña, polo que a grande maioría de equipos terán por diante unha viaxe de moitos quilómetros. En calquera caso, os 12 clubs loitarán por esta nova bandeira que marca o ecuador da competición e tentarán seguir sumando puntos na loita pola Coroa “La Caixa”. Así e todo, o campo de regatas contará co formato clásico de catro longos e tres ceavogas e focalizará toda a súa atención nas inmediacións do Porto da Mosqueira. As quendas, como vén sendo habitual na xornada do sábado, virán marcadas en base á orde da clasificación da Liga San Miguel. Na primeira quenda partirán Urdaibai Avia, Pedreña, San Pedro Ecolmare e Astillero; na segunda o turno será para Zierbena Bahías de Bizkaia, Portugalete Eulen, Cabo e Tirán Pereira; mentres que na quenda de honra vogarán San Juan Iberdrola, Kaiku Ambilamp, Orio Babyauto e máis o vixente líder da competición, Hondarribia Orsa.

Máxima igualdade 

Até a presentación achegáronse o presidente de SD Tirán, Manuel Mora; así como o alcalde de Moaña, José Fervenza; Jorge Santome, concelleiro de deportes;  e, Santiago Fenollera, en representación de Fandicosta. Todos quixeron salientar a oportunidade que supón poder vivir unha proba desta envergadura, ademais de salientar que en materia deportiva estase a vivir unha das Liga San Miguel máis igualadas da historia. Polo tanto, quixo facer un chamamento a todos os afeccionados para que se acheguen o vindeiro sábado a Moaña e gozen da regata e dos encantos desta localidade galega.  

Voltar