ACT TV 2017

ESPECIAL

25 Xan 2017

"Logramos introducir a mocidade e ese é o futuro"

"Logramos introducir a mocidade e ese é o futuro"

Pedro Andueza, tras cinco tempadas á frente da ACT, deixará o cargo este sábado na Asemblea que se celebrará en Oiartzun

Fica lonxe aquel 1 de xuño de 2012, momento no que Pedro Andueza se facía cargo do ‘remo longo’ da ACT. Dende entón foron moitas as millas que navegou a máxima competición de traiñeiras. “Cando entrei na ACT, o primeiro que pensei foi en que lea me metín… Pero foi moi ameno, coas súas cousas boas e malas, e pasou decontado”, explica o máximo mandatario da ACT, Pedro Andueza. Un Andueza que deixará o seu cargo tras cinco tempadas este sábado na Asemblea que se celebrará en Oiartzun. “Fico coa experiencia de saír fóra. Cando o fixemos, indo a Barcelona, Málaga ou Sevilla, acolléronnos cos brazos abertos e foi unha experiencia incríbel”.

Sobre os motivos da súa saída, Andueza non oculta o desgaste que supón un cargo como o que ocupou estes últimos anos. “Isto é comparábel a un frontón, se queres que as cousas vaian ben tes que te expór por unha banda e pola outra”, reflexiona o guipuscoano. “Mereceu a pena e volveríao facer tranquilamente”, sinala. No que ao futuro da ACT respecta, o máximo mandatario da Asociación teno claro. “A ACT leva un camiño ascendente e continuar con esa dinámica ten que ser o obxectivo. Estamos nas mans desa mudanza cara a xuventude, logramos introducir a mocidade neste deporte ancestral e ese é o futuro”, expón Andueza.

Á hora de dar un consello a quen será o seu substituto no cargo, que será escollido este sábado, sinala que “o camiño non lle será doado, pero ten que ter claro que está cheo de cousas boas e posibilidades. O importante é que ten que ser quen de entender que todas as opinións son válidas, respectando sempre a opinión de todos”. 

É o momento de despedir ao que marcou o rumbo e a dirección estas últimas cinco tempadas, unha responsabilidade á que soubo adaptarse e na que, sobre todo, soubo confluír con todo o que se presentou, guiando a Asociación cara o que é hoxe en día.

Deica logo, Pedro!  

Voltar