Novas 2020

ESPECIAL

28 Ago 2020

Galiza pecha o segundo mes de competición

Galiza pecha o segundo mes de competición

A décimo quinta e décimo sexta xornadas da Liga Eusko Label desputaranse esta fin de semana en augas de Ares e Boiro

Parece que foi onte cando a Liga Eusko Label e a Liga Euskotren arriaron estachas en augas da Coruña aquel 4 de xullo. Dende entón, xa se desputaron sete fins de semana de competición e encamiñámonos cara as catro últimas xornadas da competición. Logo da xornada do domingo, un club dirá adeus á máxima categoría do remo, outro loitará pola súa condición de equipo de elite do remo no playoff de ascenso/descenso da Liga Eusko Label e outros dous rematarán tamén a competición por este ano 2020.

Esta fin de semana Lekittarra Elecnor será baixa logo de notificar un caso positivo no seu plantel, e non viaxará a Galiza para a desputa desta décimo quinta e décimo sexta xornada da Liga Eusko Label.

Polo momento, Santurtzi Transportes y Grúas Aguado chega como líder da loita pola Coroa CaixaBank a augas galegas con 131 puntos. Un menos ten GO fit Hondarribia que conseguiu mellorar as súas prestacións a medida que avanza a tempada. Orio Arraunketa Elkartea e Bermeo Urdaibai Avia pechan os primeiros catro postos da clasificación, con 122 e 121 puntos respectivamente. Zierbena Bahías de Bizkaia con 118 puntos e Donostiarra Amenabar con 114, buscan achegarse aos postos que darían acceso á quenda dos ‘galos’. Cabo, que este domingo remará na casa, ocupa a sétima praza con 80 puntos, mentres que Lekittarra Elecnor pecha a segunda quenda con 64. Non moi lonxe, a apenas un punto, está Ondarroa Cikautxo que grazas a un grande rendemento nas últimas dúas regatas afástase un chisco dos postos quentes. Zarautz Babyauto e CR Ares, con 57 e 55 puntos respectivamente, loitarán por evitar o onceno posto que os mandaría ao playoff de setembro para loitaren polos dous postos para a Liga Eusko Label 2021. Kaiku Vusa ocupa o último posto da táboa con 33 puntos.

Logo da última xornada desputada en Sestao, Asier Zurinaga, patrón de Santurtzi Transportes y Grúas Aguado, é o novo dono do maillote branco de CaixaBank que o acredita como líder da clasificación do Mellor Patrón. Con 8 puntos tamén están Manuel Triñanes, de Cabo, e Iñigo Larrinaga, de Ondarroa Cikautxo.

O sábado, a partir das 18.10 horas, desputarase a XIII Bandeira Concello de Ares, a segunda na máxima categoría do remo, na localidade coruñesa de Ares. As embarcacións completarán un percorrido de tres millas náuticas (5.556 metros) con catro longos e tres ceavogas. Tal e como especifica o artigo 11 da Normativa de Competición, a partir da 15ª regata puntuábel (inclusive) que figure no calendario aprobado, a orde de confección de quendas será realizado conforme á clasificación da Liga Eusko Label, polo que na primeira quenda teremos a Kaiku Vusa, CR Ares, Zarautz Babyauto e Ondarroa Cikautxo. Na segunda estarán Cabo, Donostiarra Amenabar e Zierbena Bahías de Bizkaia. Por último, na quenda de honra competirán Bermeo Urdaibai Avia, Orio Arraunketa Elkartea, GO fit Hondarribia e Santurtzi Transportes y Grúas Aguado.

O único vencedor nesta regata en Ares na máxima categoría foi Zierbena Bahías de Bizkaia, que no 2017 deu a sorpresa gañando dende a primeira quenda cun tempo de 19’44”32.

O domingo, as traiñeiras da Liga Eusko Label encontraranse en Boiro para desputar a décimo sexta xornada da competición, que porá en xogo a XXX Bandeira Concello de Boiro. A partir das 12.10 horas, as traiñeiras deberán completar unha distancia de tres millas náuticas (5.556 metros) divididas en catro longos con tres ceavogas. As quendas estarán distribuidas en base á clasificación xeral da Liga Eusko Label tras repartírense os puntos gañados na xornada do sábado.

Orio Arraunketa Elkartea levou a vitoria aquí na tempada pasada cun crono de 19’43”80, mentres que o récord do campo está en mans de Bermeo Urdaibai Avia dende o 2017, cando pararon o crono en 19’03”96.

Voltar