Novas 2010

COMPETICION

28 Xul 2010

ECUADOR DA LIGA SAN MIGUEL: XXV EDICIÓN DA BANDEIRA DE ZUMAIA

ECUADOR DA LIGA SAN MIGUEL: XXV EDICIÓN DA BANDEIRA DE ZUMAIA

Orio e Urdaibai destacan na procura da Corona Caja Madrid, aínda que a igualdade entre as 10 primeiras traíñas é máxima.

A Liga San Miguel atravesa o ecuador da tempada coa disputa da 10ª regata puntuábel. A cita é en Zumaia, que acollerá a XXV. edición da BANDEIRA DE ZUMAIA. A regata dispútase en mar aberto, e coa desagradábel lembranza da pasada edición, na que unha virulenta tormenta botou a perder o esforzo dos clubs e a ilusión de miles de afeccionados.

A regata de Zumaia disputarase o domingo 1 de agosto ás 12 da mediodía, con tres quendas de catro traíñas, e un percorrido a cubrir de 5.556 metros (tres ceavogas). A presentación da regata celebrouse no Centro de Interpretación Algorri, en Zumaia, e a ela asistiron Iñaki Agirrezabalaga alcalde da vila costeira, e o presidente do club Aita Mari de Zumaia, Luis Mari Goikoetxea. Repartiranse 22.500 euros en premios, e a distribución das quendas decidirase en base á clasificación da regata da véspera. Regata que se disputará en Getxo: GETXOKO ESTROPADEN XXXII. IKURRIÑA.

A primeira metade da tempada deixa nun lugar destacado as tripulacións de Orio Amenabar e Urdaibai Umpro Avia. Sobre todo aos guipuscoanos, líderes destacados da competición, con 8 puntos de vantaxe sobre a traíña viscaína. O primeiro mes de competición deixou ben ás claras a igualdade existente na Liga San Miguel. San Juan Iberdrola está na 3ª posición, con 66 puntos, e Kaiku Ambilamp na 10ª, con 42 puntos. A anfitrioa Zumaia tentará realizar unha boa regata ante os seus afeccionados, e de paso apurar as derradeiras opcións para evitar o undécimo posto, posto que aboca ao play-off de ascenso/descenso.

Zumaia acollerá tamén a 6ª regata puntuábel da Liga Euskotren: BANDEIRA EL DIARIO VASCO. Repartiranse 6.000 euros en premios, e as embarcacións deberán cubrir unha distancia de 2.778 metros, 1,5 millas mariñas (dous longos e unha ceavoga). A regata comezará ás 11.30 horas.

O día anterior celebrarase en Getxo a 9ª xornada puntuábel da Liga San Miguel e a 5ª xornada da Liga Euskotren. As 4 seleccións voltan á competición despois dunha fin de semana de ausencia co liderado en xogo e dúas candidatas empatadas a 14 puntos: Galiza e Gipuzkoa.

Voltar