Novas 2014

DISCIPLINA

11 Ago 2014

Comunicado oficial: laudo arbitral

Comunicado oficial: laudo arbitral

Esta maña enviase o laudo arbitral da operación estrobo 

Por oito clubs deportivos socios procedeuse a recorrer ante o Árbitro da ACT a resolución da Xuíza de Disciplina de 17 de xuño de 2014 en relación coa sanción imposta a Bermeo AE por infracción moi grave das normas de dopaxe en relación cos feitos ligados coa chamada “operación estrobo”.

Mediante Laudo arbitral de 11 de agosto de 2014, ditado no procedemento AR 3/14,o Árbitro da ACT acordou desestimar todas as apelacións presentadas polos socios, tanto Bermeo AE como o resto de clubs deportivos que non estaban conformes co resolto e acordado pola Xuíza de Disciplina.

Polo tanto, a sanción de multa de 24.000 euros, perda de 95 puntos na clasificación xeral da tempada 2014 e non percepción de premios en metálico até que Bermeo AE tivese puntuación positiva fica confirmada.

Ademais, o Árbitro no laudo de 11 de agosto de 2014 engade o seguinte: Tendo en conta os feitos e probas aportados polos 7 clubs recorrentes, sancionar o Club Bermeo AE coa sanción prevista no artigo 19 apartados 3 e 5 das Regras Disciplinarias de perda de todos os puntos conseguidos durante a tempada 2010 e a exclusión da competición por un tempo determinado que non pode ser superior aos dous anos, ou a sanción que o substitúa nun regulamento disciplinario da ACT, se lle son máis favorábeis, así como a perda do premio ou título de Campión da Liga 2010, se do resultado do proceso penal en curso a xustiza chega á conclusión en sentenza firme de que os deportistas efectivamente se dopaban e todo isto, pola comisión dunha infracción das previstas no artigo 14, apartado 1, letras h) e i) da lei 7/2006. Esta sanción é completamente compatíbel coa prevista no apartado terceiro desta resolución posto que se refiren a feitos diferentes e a tipos de infracción diferentes. Mentres que a primeira é pola simple posesión, a segunda éo por dopaxe organizada dos seus remeiros. A aplicación desta sanción que impón o Árbitro ao Club Bermeo AE fica en suspenso, como prevé a mesma lei, á espera da resolución en firme do proceso penal. O Árbitro entende que, atendendo aos principios de equidade que deben primar na resolución desta arbitraxe, esta sanción ficará sen efecto algún, salvo a perda da condición de campión da Liga San Miguel Tempada 2010, se no periodo que vai dende que se dita este laudo e a resolución firme do proceso penal, o Club Bermeo AE non comete ningunha infracción grave ou moi grave en materia de dopaxe durante este periodo.

Ante as dúbidas que á ACT lle xera o indicado polo Árbitro no seu laudo, de conformidade co previsto na lexislación sobre arbitraxe, vaise proceder a solicitar aclaración do laudo respecto do fragmento reproducido. Así que a ACT consiga entender o alcance e significado do apuntado polo Árbitro no fragmento reproducido, procederase a publicar outra nota de prensa coas explicacións que resulten oportunas.

Voltar