Novas 2020

ESPECIAL

03 Ago 2020

Catro xornadas de pura emoción

Catro xornadas de pura emoción

Ainda resta moito por se decidir nas dúas últimas fins de semana de competición da Liga Euskotren

Despois do paro pola desputa do Campionato de España de Traiñeiras, a Liga Euskotren volta esta fin de semana a Hondarribia e Ondarroa para desputar as últimas catro xornadas da competición. Esta fin de semana coa disputa de dúas novas bandeiras: a XII. Txingudiko Bandera - Mapfre Sari Nagusia e a III Ondarroako Bandera - Cikautxo Sari Nagusia.

Para alén da desputa destas dúas bandeiras, tamén se porán en xogo uns valiosísimos puntos que levarán os clubs da Liga Euskotren a subiren ou baixaren de posición neste último treito da tempada. Neste momento, Orio Arraunketa Elkartea lidera a clasificación xeral con 30 puntos e vai a camiño de revalidar o Trofeo Euskotren que conseguiu na tempada pasada, mais Donostiarra Lacturale (2º / 24 puntos) non llo vai pór sinxelo, xa que o club donostiarra chega a estes últimos encontros cunha traxectoria ascendente e co título de Campioas de Euskadi na man.

Na segunda metade da táboa temos a Donostia Arraun Lagunak e Hondarribia Bertako Igogailuak con 15 e 14 puntos respectivamente, que terán unha durísima loita estas últimas catro xornadas para lograren evadir o último posto que leva ao equipo que o ocupe ao playoff de setembro, onde terá que defender a súa condición de equipo da Liga Euskotren. Calquera descoido pode levar os catro equipos da competición a perderen varios puntos que no remate do verán poden ser necesarios para completaren cadanseus obxectivos.

Mais non todo se resume nas vitorias, nas bandeiras e na clasificación xeral da Liga Euskotren. Estas dúas últimas fins de semana tamén se decidirá quen vence no Trofeo á Mellor Patroa da competición feminina. Nestes momentos Natalia Tubio, de Donostiarra Lacturale, ocupa a primeira posición da táboa con 15 puntos, con apenas un punto de vantaxe sobre a vixente campioa Nadeth Agirre, de Orio Arraunketa Elkartea. A 3 puntos, mais sen se afastar dos postos de cabeza, temos a Nerea Perez, de Hondarribia Bertako Igogailuak, e na cuarta posición fica Andrea Astudillo con sete puntos.

Logo de completar esta fin de semana, onde as catro embarcacións viaxarán a Hondarribia e Ondarroa, a Liga Euskotren chegará ao seu remate coa clásica dobre xornada de Zarautz, onde este ano se compite pola Zarauzko XII. Ikurriña e se porá a guinda final desta duodécima edición da Liga Euskotren.

Voltar